Iglesia de Santa María de Paradela
A planta é dunha soa nave, con ábsida semicircular. A igrexa foi reformada no ano 1738, segundo consta na inscrición existente na torre, pero conserva en estilo románico a ábsida, o muro norte na súa totalidade e tamén fragmentos do muro sur. O primeiro que destaca no seu interior é un gran arco triunfal, de directriz apuntada, sostido por dúas columnas entregas de macizas proporcións. O arco está decorado por unha chambrana de ancha rosca de dobre cenefa, a exterior decorada con billetes de catro rúas, a interior con rosáceas e enmarcada por un listel superior e de dobre touro no seu perfil de remate inferior. A ábsida consta de dous tramos, o inicial recto, soportado por dous arcos paralelos apuntados, o triunfal e un segundo da mesma directriz; o segundo tramo é de planta semicircular. É esta unha solución moi frecuente na arquitectura románica, posiblemente derivada dos absidiolos da catedral compostelá. O tramo recto do presbiterio cóbrese con bóveda de canón apuntada, iniciándose nos seus riles por medio dunha imposta de perfil achafranado que percorre a parte superior do muro do presbiterio na totalidade do seu perímetro. No muro norte, a imposta está decorada con billetes, mentres que no muro sur, ademais dos billetes hai un tramo decorado con bólas, posiblemente unha adición posterior. O listel que remata a imposta, está tamén decorado con arquito de medio punto no muro sur e con rombos no muro norte. O segundo arco apuntado do presbiterio serve de arranque a unha bóveda de cascarón, tapada na actualidade por un retablo do s. XVIII. Neste retablo que decora a ábsida, composto por unha bela talla de madeira de estilo barroco, destacan as columnas decoradas con acios e follas, unha práctica moi empregada neste estilo barroco así como unhas preciosas caras de anxos, talladas tamén no propio retablo. Sobre o arco triunfal ábrese unha xanela de medio punto, con derrame interno, en aresta viva e sen decoración. As columnas sobre as que descansa o arco triunfal son entregas, de macizas proporcións, de tres semitambores, con baseas de perfil ático, touro inicial, escocia de tres centros e filete. Os capiteis son moi interesantes. Ó lado sur está decorado con grandes follas e un personaxe sentado, de labra moi basta. O capitel ó lado da epístola está decorado con crochets e bólas. Rematan estes capiteis grandes ábacos de perfil achafranado, coas súas caras verticais decoradas con rosáceas. A xanela que se abre no muro sur da ábsida é de recente factura. O capitel ó lado da epístola, pertencente ao segundo arco fajón, é o máis interesante, xa que está decorado con tres personaxes inidentificables, en postura sedente, de labra basta e rematados por un ábaco de dimensións un pouco menores que os capiteis do arco triunfal, que carece ademais de decoración. O capitel interno ó lado do Evanxeo ten idéntica decoración que o capitel ó lado norte do arco triunfal, e o ábaco, similar ó do capitel interior ó lado oposto. O muro norte consérvase case integramente no estilo románico da obra inicial, con restos dunha imposta lonxitudinal, actualmente rozada. Consérvanse tamén dúas ventás con derrame interno, en aresta viva, en arco de medio punto e sen decoración exterior e interior. Ábrese neste muro unha porta moi interesante, rematada en arco de directriz apuntada, cegada polo seu paramento externo, que conserva os seus dous mochetas e un tímpano monolítico sen decoración. A outra porta aberta neste muro, así como o soportal de acceso, son do século XVIII. Consérvanse tamén neste muro dous contrafortes que, aínda que pertencen á obra primitiva, foron reforzados con posterioridade. O muro sur da nave é en case a súa totalidade do s. XVIII, ano 1738, aínda que conserva fragmentos románicos. Ten dúas capelas laterais, cubertas con bóvedas de canón de eixo perpendicular ó da nave; a máis próxima á cabeceira está decorada con casetones. Nesta capela destaca a talla da imaxe do Cristo, a cal se conserva nunha urna de cristal. Esta preciosa figura data do s. XVIII, e é moi interesante posto que é articulada. Seguindo coa descrición, atopámonos coa torre, encostada ó muro sur e formando esquina coa fachada, edificada no s. XVIII en estilo Barroco compostelán. As obras foron custeadas pola familia Mosquera. A actual cuberta, como o foi a primitiva, é de tesoiras e correas de madeira, e forma dúas augas. A nave románica foi máis curta do que é na actualidade. No exterior destaca a ábsida semicircular, con tres tramos formados por dúas columnas entregas e dúas contrafuertes que se corresponden no interior co arco triunfal. A cornixa de perfil achafranado e lisa, está soportada no seu tramo central entre as columnas, por cinco canecillos en perfil de caveto liso. Nos tramos laterais sopórtase por tres canecillos por lado, de idénticos perfís. A cornixa dos muros da nave é da época de ampliación da igrexa, con moldura de gola. Tamén destacan no seu exterior os belos xardíns que a rodean, cun amplo céspede e flores que decoran o adro, facéndoo máxico en tempo de primavera, e dándolle un toque de tranquilidade e benestar durante o resto do ano. En resumo, esta igrexa pode considerarse un bo exemplo da arquitectura románica de finais do s. XII, deste estilo que deixa entrever ó gótico que lle sucederá, así como tamén un bo exemplo da integración de dous diversos estilos arquitectónicos como son o románico e o Barroco
Accesos
- Accesos para vehículos privados: Sí
- Accesos a pie: Sí
Servizos
- Baños públicos: Sí
Características
Organismo responsable Diocese de Santiago de Compostela Cronoloxía Finais do s. XII, restaurada en 1738- Descrición do ámbito: Rural
- Abierto festivos: Sí
- En uso: Sí
- Estilo Arquitectónico: Románico
- Tipología: Templo/igrexa
- Propiedad: Pública
- Interés Paisajístico: Moderado
Horarios
- Horario de Oficios: Sí