Os caldos do Morrazo entran na liga dos viños de calidade
Os caldos da provincia de Pontevedra suman un novo recoñecemento coa recente creación do selo de calidade IGP Ribeiras do Morrazo, que ampara os viños característicos dos municipios de Cangas, Bueu, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.
Tras anos de traballo e xestións por parte das administracións públicas e dos colleiteiros da zona, a Unión Europea publicou o regulamento que ampara estes viños e que permitirá aos comercializadores situarse no mercado dos caldos de calidade. Está previsto que o regulamento entre en vigor a principios do mes de febreiro.
Baixo a marca IGP Ribeiras do Morrazo, comercializaranse viños brancos e tintos de sabor suave, con gradacións alcohólicas mínimas de 11,5 e 10 % vol., respectivamente. Son caldos que se identifican pola súa equilibrada acidez e polos seus aromas florais e froiteiros. Para a súa elaboración admítense diferentes variedades de uva; entre as brancas, a máis representativa é o albariño, pero tamén están permitidas o caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrentés. E para a elaboración de tintos, teranse en conta as uvas de branceallo, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.
A superficie potencialmente produtora de uvas para a IGP Ribeiras do Morrazo estímase entre mil e mil cincocentas hectáreas. Nos oito municipios que forman parte da IGP, a Xunta ten un censo de máis de 25.000 viticultores.
Outros caldos de calidade
A provincia de Pontevedra conta con varias marcas que certifican a calidade dos seus viños. A máis internacional e recoñecida é a Denominación de Orixe Rías Baixas, co seu emblemático Albariño que achega un carácter específico a esta área vitivinícola. A zona de produción e elaboración está constituída por 5 zonas: o Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla.
Ademais, as terras dos municipios de Catoira, Valga e Pontecesures son aptas para a produción de viños brancos e tintos da IGP Terra de Barbanza e Iria, cuxos atributos principais son a súa mocidade, lixeireza e suavidade.
A estes caldos xeograficamente localizados en Rías Baixas, únense especialidades que se producen e comercializan en toda a comunidade galega, como as bebidas espirituosas tradicionais amparadas baixo a IGP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.