Rías Baixas, un estudio de cinema
Primeiro foron as series de Fariña e Vivir sen permiso quen elixiu Rías Baixas como principal set de rodaxe en 2017. Agora foi o director Paco Plaza quen elixiu este destino de Galicia para a súa nova película Quen a ferro mata, tamén ao redor do mundo do narcotráfico.
Belas localizacións que encandearon ao elenco de artistas que participaron nas diferentes gravacións. Xa ao comezo da rodaxe, Álex González ante as súas máis de 740.000 seguidoras e seguidores en Twitter, alardeaba da paisaxe galega ao seu paso pola Illa de Arousa en 2017. José Coronado, facía o mesmo para os seus case 300.000 persoas seguidoras co seu hastag #Oeste a través da mesma rede social.
Municipios pontevedreses das últimas rodaxes
Galicia terra de pazos. Se Almódovar elixiu o pazo de Oca para a súa Pel que habito, a produción de Vivir sen permiso desprazouse ata Moraña para elixir o pazo da Toxeiriña. A casa señorial utilizouse como residencia ficticia do personaxe de Coronado. Se nos achegamos a este municipio, podemos visitar non moi lonxe do pazo, a capela dos Milagres de Amil. Construída en 1892 en honra á Virxe, é froito dunha lenda do século XVIII. Máis antigo é o menhir de lapa de Gargantáns. Do 3.000 ao 2.000 a. C., a súa funcionalidade é aínda descoñecida, pero iso non evita que nos transmita a maxia e o misterio do megalítico.
A provincia de Pontevedra é hoxe un estudio de cinema excepcional
O porto de Vigo, un dos máis importantes do mundo a nivel pesqueiro, tamén foi elixido pola produtora para máis dunha secuencia. Non foi nin será a última rodaxe que elixa esta localización como estudio. Xa desde Os luns ao sol ata a recente Toro, moitas películas elixiron este enclave e o seu bucólico Casco Vello vigués para reflectir a esencia dunha urbe costeira pontevedresa.
A Illa de Arousa tamén goza de recibir producións audiovisuais. Estes mesmos días Paco Plaza gravaba algunha secuencia para o novo filme. A localización serviu de rodaxe nas series, e mesmo o presentador Jesús Calleja realizou o seu último programa de 2017 neste belo e marabilloso municipio costeiro de Pontevedra. Ademais das súas decenas de praias, algunhas suxestións é pasearse ata o anello Muíño de Mareas, visitar o Centro de Interpretación da Conserva, e subir ata o miradoiro O Con do Forno.
O mesmo filme, do mesmo xeito que as anteriores series, elixiu estes días a vila de Cambados para as súas secuencias. A cidade do viño por excelencia, déixanos estampas como a Torre de San Sadurniño no propio barrio mariñeiro de San Tomé. Obrigada visita é o cemiterio de Santa Mariña Dozo, un dos camposantos máis singulares de Pontevedra. E se buscamos un miradoiro, subirse ao da Pastora é unha boa idea para quen desexe divisar esta bela ría de Galicia.
E continuando a senda das rodaxes, tampouco nos podemos esquecer de Vilagarcía de Arousa. Achegarse a este municipio tamén do Salnés, permítenos inscribirnos na Ruta dos Pazos que o concello ofrece ás e aos seus visitantes. Outras opcións son subir ata o miradoiro de Xiabre, e se é posible, dar un paseo pola Illa de Cortegada.