A Estrada lidera nas Rías Baixas a posta en valor da sidra
A sidra foi antigamente un produto de uso corrente en moitos fogares galegos, especialmente naquelas zonas que non tiñan acceso ao viño ou cuxas condicións non se consideraban ideais para a produción de uva. Un destes lugares nas Rías Baixas é
A Estrada, municipio que conta cunha longa tradición na elaboración de sidra e que tras anos de decaemento da actividade, está a protagonizar un movemento de recuperación da sidra.
A posta en valor da sidra susténtase en varios alicerces: a creación de plantacións dedicadas á produción de mazá, o rexurdimento de pequenos lagares e a formación especializada. Así, a localidade estradense conta cunha cooperativa dedicada ao cultivo de mazá, que este ano alcanzará os dous millóns de quilos. A maior parte da produción é ecolóxica.
Ademais, nos últimos anos apareceron microlagares que ofrecen ao público visitas guiadas e catas de distintas variedades de sidra, con cita previa. É o caso das sidrarías Ribela e Peroja, que producen sidra artesanal e ecolóxica. Ademais, ambos os lagares atópanse situados en contornas naturais de gran beleza paisaxística, que permiten vivir experiencias de turismo activo pola zona ou visitar o próximo pazo de Oca. Unha proposta para completar a visita á sidraría Ribela é enlazar coa ruta de sendeirismo A Grela–Codeseda e, no caso de Peroja, pódese coñecer a ponte colgante de Sarandón, sobre o río Ulla.
Curso universitario
A maridaxe entre turismo e sidra é precisamente o tema principal do curso de extensión universitaria "Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra. Experiencias únicas en lugares singulares", que ten lugar estes días en Allariz e A Estrada. Trátase dunha formación organizada pola Universidade de Vigo que ten por obxectivo dar a coñecer o potencial destas bebidas como recurso turístico tematizado.
Os e as participantes do curso estarán os días 26 e27 de setembro na Estrada para coñecer lagares e explotacións de sidrarías, así como a leiras de maceiras e outros recursos turísticos da zona. Tamén contarán con conferencias a cargo de expertos, entre eles, o profesor da Universidade de Oviedo Francisco Javier de la Ballina, o artífice da posta en valor da sidra como recurso turístico en Asturias.