As visitas teatralizadas volven desde o xoves ao castelo de Soutomaior, agora con máis de mil prazas
A nova campaña de visitas teatralizadas que lle organiza a Deputación de Pontevedra ao castelo de Soutomaior está a piques de comezar e as inscricións avanzan a moi bo ritmo. O éxito colleitado o ano pasado, cando se esgotaron as 840 prazas ofertadas en apenas uns días, animou á institución provincial a repetir a experiencia, ampliando nesta ocasión as inscricións ata as 1.020 e dándolle un novo enfoque.
"Queremos ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, desde as máis pequenas ás maiores", sinalou esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva. A empresa adxudicataria da actividade, Troula Animación S. L., será a encargada de dar vida a diferentes personaxes que guiarán ás persoas visitantes polo castelo "dun xeito divertido e interactivo para que as nenas e nenos poidan coñecer a súa historia desde un punto de vista moi próximo e participativo, de forma que cada visita sexa unha auténtica aventura" destacou a presidenta.
Así, nas visitas non faltarán cancións, xogos e animacións a través das que as e os visitantes irán coñecendo a historia de todas as personaxes históricas que pasaron polo castelo de Soutomaior ou tiveron un vínculo con el. Ademais, todos as pequenas e pequenos serán obsequiados cunha medalla, que os nomeará como "Cabaleiras e Cabaleiros do castelo de Soutomaior", engadiu Carmela Silva.
Outra das grandes novidades deste ano é que as entradas para as visitas poderán adquirirse a través de Internet en ataquilla.com. As entradas terán un custo de 2 € por persoa e un custe reducido de 1 € para as nenas e nenos, o que permitirá facilitar ás e aos visitantes os trámites e ter un mellor control do acceso público. En total ofreceranse 34 funcións de 45 minutos, catro máis que o ano pasado, para un máximo de 30 persoas por pase. As visitas deberán solicitarse como mínimo cunha semana de antelación á data prevista e non se poderán reservar máis de 5 prazas por persoa.
O calendario das visitas, que comeza este xoves 25 ás 17 horas, prolongarase ata o mes de setembro. No mes de maio haberá funcións os días 25 e 29, ás 17 horas. En xuño serán o 1, 5, 8 e 12, ás 17 horas, e os días 19, 22, 26, e 29, ás 18 horas. En agosto terán lugar os días 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31, ás 18 horas. Por último, en setembro serán os días 4 e 7, ás 18 horas e os días 11, 14, 18, 21, 25 e 28, ás 17 horas.