Sesión astronómica no Ameixa Rock
Vinte días despois da Festa da Ameixa en Carril, chega o Ameixa Rock, que a pesar do nome musical pretende ser máis que unha serie de concertos. Nesta tempada, que supón a súa V Edición, inclúen un torneo de balonmán e visitas a outra das Illas Atlánticas máis escondidas, a de Cortegada, a cal será a única actividade que non sexa gratuíta, cunha achega de 10 euros por persoa, pero cuxa visita ben merecería a pena, pois se trata dunha camiñada sobre astronomía a partir das 20 horas do día 1 de setembro.
Nesta tempada inclúense dúas actividades novas, como o torneo de balonmán e o tour astronómico á Illa de Cortegada
A visita á mesma repetirase o sábado 2, pero esta vez xa de día, ás 11 da mañá e ás 17 horas da tarde, cun custo inferior, 7´5 € adultos e 5 € para menores de 5 a 10 anos. Para as e os máis pequenos haberá dúas actuacións ás 19 e ás 20 horas da tarde do sábado.
En canto ao deportivo, cedo ás 10 da mañá comézase coa Festa Fútbol-Praia, continua cunhas Olimpíadas Mariñeiras a partir das 17 horas, e o Trofeo Balonmán ás 19 horas da tarde.
Volvendo ao programa musical, a organización centrouse en grupos locais, como Flué, Zenzar e o seu rock en galego, Medomedá e Ánima e Barbitúricos a partir das 22 horas do sábado. A noite do venres estará animada por unha sesión do DJ Plumbers a partir das 22 horas.