As illas atlánticas ofrecen paisaxes incomparables e gardan unha impresionante biodiversidade, tanto en terra coma nos seus fondos. Descubre as praias, os cantís, os faros e as rutas deste territorio insular protexido que atrae visitantes de todo o mundo á provincia de Pontevedra.
Situadas na entrada da ría de Vigo, as illas de Monteagudo e Faro —unidas ambas as dúas pola impresionante praia de Rodas e por unha ponte de pedra— conforman xunto á próxima San Martiño o fermosísimo arquipélago de Cíes, practicamente virxe e cunha cota máxima de 1.800 visitantes diarios para preservar a súa riqueza natural.
Quen visite as illas atopará praias de finísima area branca e augas cristalinas, ademais de diversas calas que fan deste lugar un enclave de ilusión. Rodas foi considerada como a mellor praia do mundo polo diario británico The Guardian. A pasarela que une as dúas illas permite a quen visita o conxunto sentir baixo os seus pés a ondada que bate contra a cara leste do arquipélago, moito máis escarpada. Entre o areal, que alberga un sistema dunar protexido, e a ponte fórmase a lagoa coñecida como Lagoa dos Nenos. Autorización de acceso.
En Monteagudo distínguense as praias de Area da Cantareira e Figueiras, na que se pode practicar o nudismo; e en Faro, a de Nosa Señora, un areal de augas cristalinas que goza dunha vista privilexiada á illa de San Martiño. Unha práctica moi habitual nas súas augas tamén é o submarinismo, debido á gran riqueza biolóxica do seu fondo mariño.
A beleza natural das illas consérvase intacta debido a que ningunha delas está habitada. Con todo, é posible espertarse nesta preciosa paisaxe e contemplar desde alí o amencer, xa que nun dos seus piñeirais hai unha zona de acampada habilitada que conta con todos os servizos necesarios.
Para coñecer a fondo as illas, a mellor forma de facelo é percorrer as súas rutas de sendeirismo. No camiño aparecen escarpados cantís e históricos faros que se converten en excelentes miradoiros con vistas únicas. O faro situado ao norte da illa de Monteagudo, o faro do Peito, ofrece magníficas vistas á ría de Vigo; a Cabo Home, en Cangas; e a unha cova mariña coñecida como Furna de Monteagudo. Moi preto deste vixía do Atlántico atopamos un dos observatorios de aves que hai nas illas.
Máis cara ao sur desta illa atópase o Alto do Príncipe, un lugar máxico con fantásticas vistas no que a erosión deixou pegada nas súas rocas formando unha especie de cazoletas e un trono cunha vista vertixinosa aos cantís e ao mar. Xa na illa de Faro, na zona sur, atopamos o faro da Porta e o de Cíes, a case 180 metros de altura, con impresionantes vistas aos cantís e á illa de San Martiño, á que se pode acceder en barco privado.
As illas contan cunha extraordinaria colonia de aves mariñas, co que resultan ideais tamén para as e os afeccionadas ao birding.
Superficie : 3.091 hectáreas (433 terrestres e 2.658 mariñas)
Autorización de acceso
O acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas é limitado, unha medida que se implantou coa finalidade de preservar e conservar esta magnífica paraxe natural. A autorización de acceso ás illas é gratuíta e para obtela é necesario cubrir un formulario ( https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/inicio ). Posteriormente as e os visitantes deberán obter o billete nas navieiras para acceder ás illas en barco.
Como chegar?
É necesario facelo en barco; para iso existen múltiples navieiras que o fan posible desde diversos portos das Rías Baixas. Desde Vigo, Cangas, Baiona e O Grove o barco parte cara ás Cíes. Os portos de Sanxenxo, Portonovo, Bueu e Vilanova de Arousa ofrecen o itinerario cara a Ons .
Navieiras