Lamprea e viñedos ao sur das Rías Baixas

Saborea un peixe lendario, goza das augas de Mondariz e descobre os magníficos viños do Tea
 

Día 1

Castelo de Salvaterra de Miño

10:00 h

A túa ruta comeza á beira do río Miño, nesta impoñente fortaleza de orixe medieval que xogou un importante papel nas batallas libradas contra o reino de Portugal na época de Dona Urraca (século XII). Alberga ademais o Museo da Ciencia do Viño do Condado, polo que poderás adentrarte nos segredos da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Paseo polo Miño e Parque da Canuda

11:00 h

Toca estirar as pernas cun estupendo paseo xunto ao maior río de Galicia e o maior parque das Rías Baixas, con 20 hectáreas de zonas de lecer, natureza e xogos. Aquí poderás gozar da beleza das camelias na súa época de floración (inverno) e da tranquilidade das augas do Miño.

Museo Municipal de Ponteareas

13:00 h

Sigue rumbo ao interior e dirixe os teus pasos cara a Ponteareas. O museo municipal está situado nunha antiga fábrica de curtidos e permitirache coñecer a historia da localidade e da comarca desde a época do pobo galaico. Á saída aproveita para repoñer forzas e non deixes de comprar as rosquillas de Ponteareas, un doce artesán moi especial.

Castelo de Sobroso

16:00 h

Ascende pola ladeira do monte Landín e entra neste castelo perfectamente conservado, con fabulosas vistas e unha gran riqueza botánica nos seus xardíns. Percorre o seu interior, visita a exposición sobre pezas e costumes sociais de finais do século XIX e principios do XX e goza da estupenda panorámica desde o seu miradoiro.

Castro de Troña

17:30 h

A seguinte parada trasladarate a un castro máxico. Este antigo poboado galaico, de forma ovalada, conta con amplas terrazas que dominan o val do río Tea. A súa época de esplendor sitúase entre os séculos I a. n. e. e  II, e aínda se conservan máis de 30 antigas construcións.

Palacio da Auga

19:00 h

Que mellor maneira de rematar a xornada que relaxarte nun dos grandes centros termais das Rías Baixas? Descansa corpo e mente no Balneario de Mondariz, un excelente establecemento nunha fermosa vila aos pés do río Tea.

 

Día 2

Sendeiro das Fragas

9:00 h

Na Cañiza atopamos este sendeiro circular de 18 quilómetros que rodea o fermoso val de Parada de Achas. Pasearás por máxicas fragas, por un singular bosque de sobreiras e por excepcionais paisaxes de media montaña. Adentraraste ademais nos misterios e nos sons dos ríos Calvo e Deva. Necesítanse unhas 6 horas para realizalo ao completo.

Xamón da Cañiza

14:00 h

A camiñada matinal osixenou os teus pulmóns e gozaches da exuberante natureza desta espléndida localidade. Agora toca repoñer forzas e aquí é obrigado que probes o saboroso e revitalizante xamón da Cañiza, un produto de gran calidade ao que se lle rende tributo nunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia.

Pazo da Moreira

16:00 h

Os teus próximos pasos levarante a un lugar que combina historia e cultura vinícola. O pazo da Moreira era antigamente unha estrutura defensiva fronte a Portugal e agora alberga a sede da adega Marqués de Vizhoja, ideal para catar un dos seus recoñecidos viños.

 

Día 3

Pesqueiras sobre o río Miño

10:00 h

Inicia a túa terceira xornada mergullándote na cultura da lamprea, moi presente en Arbo e As Neves. Percorre a Ruta das Pesqueiras, construcións coas que se captura este lendario peixe de sabor exquisito que remonta o Miño ao final da súa vida para desovar e morrer. O percorrido, de 5 quilómetros, realízase en 2 horas aproximadamente.

Centro de Interpretación da Lamprea e do Viño (Arabo)

12:00 h

Para saciar a túa curiosidade sobre a enigmática lamprea a visita ideal é Arabo, un museo interactivo sobre este animal no que tamén poderás coñecer máis sobre o viño da denominación Rías Baixas na subzona do Condado de Tea.

Degustación de produtos típicos do Condado

14:00 h

Non hai lamprea sen requeixo! Dous produtos típicos de Arbo e As Neves únense para seguir cunha tradición ancestral. Ademais son os compañeiros perfectos para degustar un viño da zona.

Castro de Altamira

16:30 h

Foron moitos os obxectos de valor aparecidos durante as escavacións realizadas neste castro, sobre todo aqueles que teñen que ver coa época romana, boa parte deles fabricados en bronce. Despide o día e finaliza a túa ruta neste lugar máxico.