Cruzando camiños
Buscador

Camiño de Inverno

Camino de invierno

Esta ruta de interior, de pouco máis de 200 quilómetros, atravesa as catro provincias galegas e é oficial desde 2016. En Pontevedra, este Camiño cruza os municipios de Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada para emprender despois rumbo a Santiago de Compostela.

No seu discorrer, as e os camiñantes atopan ante si paraxes moi diversas: canles fluviais, verdes panorámicas, contornas de interior ou frondosos bosques. Estes son o pano de fondo de especies arbóreas autóctonas e elementos patrimoniais que acompañarán as e os peregrinos ata o seu destino, a capital de Galicia.

Coñecida como Camiño de Inverno precisamente polas dificultades que supón atravesar León e Galicia nesta estación, esta ruta nace aproveitando unha antiga calzada romana para entrar na comunidade. Menos concorrido que outros itinerarios, este Camiño achégalles intimidade ás e aos camiñantes.

Con todo, non está exento dos servizos que unha persoa pode necesitar, coma aloxamentos ou unha rede de sinalización. No caso concreto dos albergues, na provincia de Pontevedra atopará dúas opcións de descanso: unha en Lalín e outra en Silleda.

Etapas

Tras percorrer cinco etapas en Ourense e Lugo, o Camiño entra nas Rías Baixas para chegar a Rodeiro.

Etapa Rodeiro–Bendoiro (26,8 km)

Case no centro xeográfico da rexión, en Rodeiro os ollos diríxense ao monte Faro, de gran beleza. Ten na súa altitude un dos seus principais atractivos, pois a súa cima constitúe o punto máis alto de todo o territorio municipal, con 1.187 metros. A maxia da contorna, en terras de Deza, contribúe a facer máis ameno este traxecto, de importante dificultade.

Rodeiro
Rodeiro

A ruta comeza na parroquia de Río, neste mesmo municipio. Antigamente era o punto neurálxico do comercio na zona e aínda conserva os antigos pendellos das súas feiras tradicionais. Quen se decante por este itinerario no seu traxecto cara á cidade do Apóstolo gozará dunha zona amplamente coñecida pola súa riqueza natural, con multitude de castiñeiros e carballos, tradicionais en toda Galicia.

Sen deixar a parroquia de Río, a localidade de Mouriz é a seguinte parada. Neste caso atoparémonos cunha paraxe máis cómoda e chaira. O consistorio de Rodeiro atópase moi preto, nun edificio de pedra construído sobre unha antiga fortaleza.

En Rodeiro cruzaremos a ponte medieval de Pedroso, construída no século XII sobre o río Arnego e con dous muíños acaroados a ambos os lados, e continuaremos en dirección Lalín polo paseo fluvial do río das Cabirtas.

Rodeiro
Rodeiro

No seu discorrer cara a Bendoiro, en Lalín, o Camiño de Inverno aínda ten moito máis que ofrecer nas terras de Camba, como se coñece a Rodeiro. Cruzaremos pola ponte do Hospital o fermoso río Arnego, e posteriormente Penerbosa, Puza e A Penela. Xa na Ponte, emprenderemos camiño por Val do Boi, Coto da Anta, Coto de Mamuela e Palmaz. Teremos que atravesar esta última localidade para chegar a Lalín, pero entre tanto pasaremos por terras de excelentes canteiros, sobre pontes medievais, lugares de hospedaxe, zonas de mámoas ou regatos.

Lalín
Lalín

Entraremos en Lalín, capital da comarca dezá e epicentro gastronómico do cocido galego. A través das carballeiras do paseo de Pontiñas accederemos á parroquia de Bendoiro (Lalín) pola Laxe. Preto do final do concorrido paseo, un sitio perfecto para un merecido descanso, o Camiño de Inverno desvíase á dereita cara ao lugar de Espiño. Tras a Carballeira das Casianas, chegarase á Laxe, punto de confluencia deste itinerario coa Vía da Prata, un dos itinerarios máis tradicionais para chegar a Compostela.

Lalín
Lalín

Etapa Bendoiro–Outeiro (33,8 km)

A través da N-525, o itinerario pasa agora por Vilasoa para alcanzar Prado. Desde aquí chegaremos a Borralla e cruzaremos a ponte Taboada sobre o río Deza, afluente do Ulla, que foi construída no século X. Se dispoñemos de tempo neste punto poderemos visitar o coñecido santuario do Corpiño, que cada ano acolle miles de fieis nas súas romarías de inverno e verán. Tras Taboada, ascenderemos ata Transfontao para alcanzar Silleda.

Pazo de Oca, Silleda
Pazo de Oca, Silleda

Desde aquí o Camiño levaranos cara á esquerda. O Foxo, Chapa, A Bandeira e Castrovite acóllennos para continuar a ruta ata Loimil, Os Casares, As Carballas e Oca, célebre polo seu pazo, o "Versalles galego". Tras pasar esta parroquia estradense encamiñarémonos cara a Valboa, Arnois, A Calzada e A Veiga, por onde chegaremos ao municipio coruñés de Vedra.

Albergues

Albergue de Bendoiro (Lalín)

Albergue da Bandeira (Silleda)

  • Camiño de Santiago

    Ti non fas o camiño, o camiño faite
    Imagen folleto

    Podemos dicir sen ningunha dúbida que o Camiño de Santiago é a ruta máis antiga e máis coñecida de Europa. É todo un emblema e a súa fama débese ao seu carácter aventureiro que reúne a peregrinos, camiñantes ou simples trotamundos baixo una mesma misión: chegar a Santiago de Compostela.

    es en Outros idiomas: Icono idiomas