Fiestas en Rías Baixas

Camiño A Dentro

O Camiño Portugués a través de dez accións de mulleres artistas

“Camiño A Dentro” é unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra que pon en valor o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa, recoñece a labor das mulleres artistas que poñen o foco do seu traballo no eido rural e no patrimonio, e propicia o encontro e a cocreación coa comunidade local e coas peregrinas e peregrinos que se atopan “facendo o Camiño”.

A cultura contemporánea, o Camiño de Santiago, a comunidade, o patrimonio material e inmaterial, a natureza e a riqueza da nosa terra, a memoria social e colectiva... Todos estes conceptos forman o miolo de “Camiño A Dentro”, subvencionado pola Xunta de Galicia dentro do programa “O Teu Xacobeo”, que trata de facer protagonistas as persoas que se achegan á nosa provincia polo Camiño, así como as que acollen, coidan e acompañan camiñantes desde o seu eido local.

Memoria, natureza, historia, patrimonio e sustentabilidade converxerán en dez proxectos de creación, en dez puntos estratéxicos de paso do Camiño, en dez sedes da provincia: Tui, A Guarda, Oia, Baiona, Porriño, Nigrán, Soutomaior, Redondela, Pontevedra e Caldas de Reis.

Pica nas fichas para coñecer as artistas, datas e lugares das accións, e adéntrate no Camiño!

"De camiños e patróns aéreos" - Dores Tembrás

 

Lugar: Baiona (xardíns da Casa da Navegación)

Data: 3 de outubro, ás 18.30 h

Actividade: Poesía e acción poética

A autora: Licenciada en Filoloxía Hispánica, Dores Tembrás (Bergondiño, 1979) desenvolveu a súa actividade como investigadora na Universidade da Coruña, publicando numerosos artigos sobre a obra poética de Alejandra Pizarnik en actas, revistas científicas e volumes colectivos dedicados á literatura hispanoamericana. En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume, que quedou finalista xunto con Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza, na categoría de mellor libro de poesía nos premios da AELG 2010.

Participou co micropoemario Esquiagrafías na Revista das Letras. Tamén na antoloxía Elas, e noutros volumes colectivos e revistas. En 2014 fundou xunto á escritora Antía Otero o proxecto cultural “Apiario”, cunha área dedicada á formación, con cursos de escrita creativa e poética, e outra á edición de libros.

O proxecto: Este proxecto é unha crónica, o rexistro dun camiño que se repite idéntico durante anos. Trázase a través da palabra e a imaxe nunha cartografía moi precisa: mirada-investigación-escrita. A pregunta é a concreción dun latexar que alenta a reflexión. O encontro só ten lugar a soas. 

  •  
    Dores Tembrás - "Camiños e patróns aéreos"
  •  
    Dores Tembrás - "Camiños e patróns aéreos"
  •  
    Dores Tembrás - "Camiños e patróns aéreos"

"A un paso para sermos fogar" - Carmen Quinteiro

 

Lugar: Redondela (exterior da Casa da Torre)

Data: 4 de outubro, ás 18.30 h

Actividade: Acción poética con música en vivo

A autora: Lectora desde que lembra, non é ata o 2008 que Carmen Quinteiro (Pontevedra, 1970) comeza a escribir, primeiro como forma de desafogo vital e logo como xeito de acompañar o que vive, sente, descobre, esquece e aprende. Poemas, microrrelatos, aforismos e relatos curtos compoñen o abano do que explora a nivel literario ata o de agora.

Nos seus recitais poéticos e presentacións colaborou con gran número de profesionais do ámbito da música, das artes escénicas e da escrita, facendo acción poéticas pouco convencionais, mesmo escénicas. Conta con dúas obras publicadas: Caleidoscopio (2015) e Desde esta orilla (2016).

O proxecto: Intervención na rúa que parte da concepción do interior como ese fogar que somos e ao que podemos regresar con tan só dar un pequeno paso cara a dentro. Unha pequena parada, unha invitación para decidirse, entrar e sentir. Música e letras, camiño en presente, emoción e gozo.

  •  
    "Un paso para sermos fogar" - Carmen Quinteiro
  •  
    "Un paso para sermos fogar" - Carmen Quinteiro

"Camiños de cinza e pel" - Ruth Montiel

 

Lugar: Caldas de Reis (Xardín Botánico)

Data: 5 de outubro, ás 18.00 h

Actividade: Instalación artística con participación do público.

A autora: Graduada en Artes Aplicadas pola Escola Superior de Artes Pablo Picasso da Coruña, a obra de Ruth Montiel (Ribeira, 1977) foi exposta en institucións culturais como o Kulturmodell de Passau, Alemaña; o Museo de la Memoria en Rosario, Arxentina; Calcografía Nacional, La Casa Encendida, Matadero e o Centro Hispano-Colombiano en Madrid; a Fundación Cristina Enea en Donostia; a Antigua Capilla de la Beneficencia en Logroño; o MAC na Coruña; a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e o Museo de Pontevedra, entre outras entidades.

O traballo de Ruth Montiel Arias proponnos mediante instalacións, accións efémeras, vídeos ou fotografías a intervención na natureza de impulsos humanos coma o desexo de posesión e o poder, focalizando o aspecto ético das prácticas políticas e institucionais, as consecuencias da nosa acción sobre un planeta tratado como mina de recursos etc. O activismo medioambiental e animal é unha constante no seu traballo e forma de vida. 

O proxecto: A instalación, concibida ex profeso para o Xardín Botánico de Caldas de Reis, inspírase nos camiños da e do peregrino por Galicia e, concretamente, nunha das súas árbores con maior identidade, o carballo. A instalación pretende evidenciar a queima incontrolada que se realiza nas terras galegas. 

  •  
    "Camiños de cinza e pel" - Ruth Montiel
  •  
    "Camiños de cinza e pel" - Ruth Montiel
  •  
    "Camiños de cinza e pel" - Ruth Montiel

"Nos pasos" - Dúas

 

Lugar: O Porriño (praza do Arquitecto Antonio Palacios)

Data: 10 de outubro, ás 12.00 h

Actividade: Percusión

No verán de 2015, e a partir de ideas e inquedanzas similares, decidiron facer realidade a formación. Trátase dun proxecto emprendedor cuxa idea principal é facer boa música a través de espectáculos próximos ao público. Cobren un amplo repertorio e interpretan obras de diferentes estilos, abarcando o período clásico, o moderno e o contemporáneo, compaxinándoo con obras da súa propia creación como Pollistes gallicus, obra para vibráfono e percusión que se estreou o 25 de decembro de 2015 en Sada.

O proxecto: Un camiño a través da conciencia e o gozo de cada paso, do agora. A música de Dúas e un vídeo da deseñadora gráfica Bea Seijas reflicten o valor de vivir o momento presente, a maxia que agochan as pequenas cousas, coma a brisa na cara, unha caricia, o son do mar, a sensación dos pés na area…  

  •  
    "Nos pasos" - Dúas
  •  
    "Nos pasos" - Dúas
  •  
    "Nos pasos" - Dúas

"Oia usté!" - María Meijide

 

Lugar: Oia (inmediacións do mosteiro de Santa María de Oia)

Data: 11 de outubro, ás 18.00 h

Actividade: Pintura e ilustración

A autora: María Meijide (Santiago de Compostela, 1978) é licenciada en Belas Artes, especialidade de Pintura, pola Universidade de Sevilla en 2003. Ten un máster en Pintura pola Universidade de Lisboa (2009-2011). Exposicións varias en Arlés, Lalín, Milán, Monforte de Lemos, Zacatecas (México), Sevilla, Lisboa, Compostela, Ponferrada, Marsella, Bruxelas etc. 

A produción de María poderíase agrupar baixo a etiqueta de “figuración realista de rastro autobiográfico”. Trátase fundamentalmente de pintura (aínda que tamén hai algo de fotografía, ilustración e texto) e organízase en dous momentos: produción de temática viaxeira, de factura rápida e itinerante, e produción de temática doméstica, de obradoiro. No primeiro bloque atópanse un amplo grupo de proxectos ao redor da idea de viaxe (Rumbo Zacatecas, Cacheiras-Dakar, diarios gráficos etc.). No segundo atópanse producións vinculadas á idea de casa e ao mundo do cotián (bodegóns, interiores, retratos de familia e amizades, escenas íntimas etc.).

O proxecto: Oia usté! é un diario gráfico de narrativa cromática e texto, unha peza que dá conta dalgúns aspectos da vida no concello de Oia: a paisaxe cara ao mar, as e os peregrinos que camiñan, os burros Cuca e Carolo, as memorias das pedras do mosteiro (o cárcere, segundo a xente da localidade) e moito máis.

  •  
    "Oia usté!" - María Meijide
  •  
    "Oia usté!" - María Meijide

"Velliñas" - Inherente

 

Lugar: A Guarda (Praza do Reló)

Data: 16 de outubro, ás 18.30 h

Actividade: Teatro

As autoras: Inherente Teatro foi creado no 2016 por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti, tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia, que sustentan o seu traballo na creación colectiva e nas novas linguaxes teatrais. Coa súa primeira obra Dramaturxia das Mulheres foron finalistas no VIII Certamen de Novos Investigadores Teatrais en Sevilla, e participaron en numerosos festivais teatrais coma o FETEGA na súa XXVIII edición, ou na XXXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas coa obra creada en coprodución coa Mostra, Agares que buligan gozando ao son dunha habaneira que non é.

Combinan o seu traballo como intérpretes con talleres formativos de creación escénica e colaboracións con outras compañías en obras de creación.

O proxecto: Rosa, Carmiña e Josefina adoitan facerlles compañía ás pombas da praza todas as tardiñas que non chove, ata que un día atopan un obxecto inesperado que as conduce a tomar a decisión que cambiará as súas vidas de xeito irremediable: o Camiño. Intérpretes: Noelia Blanco, Noa Covelo e Pía Nicoletti.

  •  
    Velliñas - Inherente teatro
  •  
    Velliñas - Inherente teatro
  •  
    Velliñas - Inherente teatro

"Utopía do Camiño" - Lucía Loren

 

Lugar: Pontevedra (Praza de A Ferraría)

Fecha: 17 de outubro, ás 12.30 horas

Actividade: Instalación artística

A autora: As relacións de intercambio do ser humano co contorno e a paisaxe que se conforma son o tema principal de reflexión do traballo de Lucía Loren (Madrid, 1973) nestes últimos anos.

Esta vinculación inspirou as intervencións específicas en diversos contornos naturais: Reserva Biológica Horcomolle en Tucumán (Arxentina), I poetti fanno la cittá en Bolonia (Italia), Oltre il Giardino en San Mauro Pascoli (Italia), Parque de Esculturas Lomos de Oro en Villoslada de Cameros (A Rioxa), Arte en la Tierra en Santa Lucia de Ocón (A Rioxa), El Bosque Hueco en Puebla da Sierra (Madrid), Naturalmente Artificial no Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente (Segovia), Un camino entre el Arte y el Medio Rural en Valdemanco, Mancomunidad Servicios Culturales (Madrid), a súa colaboración na V Muestra de Teatro de Calle de la Sierra Norte, e nos III Encuentros Internacionales de Arte en Territorios Liberados del Sahara Occidental (ARTifariti), e Camino de las Raíces na Alberca (Salamanca).

O proxecto: A proposta de intervención consiste na creación dunha instalación a partir de caxatos de madeira intervidos con palabras e atados reenchidos de terra de diferentes camiños que realizaron as alumnas e alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

  •  
    "Utopía do Camiño" - Lucía Loren
  •  
    "Utopía do Camiño" - Lucía Loren
  •  
    "Utopía do Camiño" - Lucía Loren

"Gravidade e luz" - Carla Andrade

 

Lugar: Nigrán (Auditorio Municipal, Praza da Constitución)

Data: 18 de outubro, ás 19.30h.

Actividade: Fotografía e videocreación

A autora: Carla Andrade (Vigo, 1983) realizou residencias artísticas en Islandia, Suecia, Bilbao, A Rioxa, Nepal, Chile, Barcelona e París. Expuxo de forma individual no MAC da Coruña, na Cité Internationale des Arts de París, no Colegio de España en París, na Galería Trinta en Santiago de Compostela, no CDAN en Huesca, na Casa das Artes en Vigo e na Fundación BilbaoArte, entre outros. Tamén amosou colectivamente o seu traballo en centros de arte contemporánea coma o Museo Guggenheim de Bilbao, a 12 Star Gallery na Europe House de Londres, o MARCO de Vigo, o 104 de París ou a Sala Amadís en Madrid.

A súa obra tamén estivo presente en festivais como o International Film Festival  (Rotterdam), PhotoEspaña (Madrid), Mois de la Photo (París), L’Alternativa (Barcelona), Porto/Post/Doc (O Porto) o Festival Internacional de Cine IBAFF (Murcia), Sangiò Verona Video Festival (Verona), aCinema (Milwaukee, EE. UU.), Filmadrid ou o (S8) (A Coruña).

O proxecto: O Camiño é unha combinación de momentos e “intersticios” e Nigrán é un dos moitos puntos xeográficos polos que se debe pasar para alcanzar a meta. Este proxecto pretende retratar esta etapa do Camiño de Santiago atendendo a esas peculiaridades inmanentes da cotiandade deste lugar.

  •  
    "Gravidade e luz" - Carla Andrade
  •  
    "Gravidade e luz" - Carla Andrade
  •  
    "Gravidade e luz" - Carla Andrade
  •  
    "Gravidade e luz" - Carla Andrade

"Un camiño de fusión e liberdade" - Nastasia Zürcher

 

Lugar: Tui (Paseo da Corredoiral)

Data: 20 de outubro, ás 12.30h.

Actividade: Música

A autora: cantante e compositora galego-suíza, galardoada e nomeada dúas veces aos premios Martín Códax da Música (Galician Music Awards, categorías “Blues, Funk & Soul” e “World Music”). Recentemente Nastasia Zürcher (Xenebra, 1988) publicou o que xa é o seu segundo álbum de estudo, BEAT. O LP flúe por estilos coma o neo soul, o R&B contemporáneo e as chamadas músicas do mundo

Na súa xira de presentación #TheBEATtour, que está a tocar en salas e festivais como o Festival Noroeste, o XVIII Ribeira Sacra Festival e a Sala Capitol, Nastasia Zürcher rodéase de músicos de primeirísima liña nun potente e aplaudido directo composto unha vez máis das súas propias composicións e baixo a mirada do arranxador e produtor Adrián Saavedra. Con el leva o disco ao directo nun formato especial a dúo dándolle unha sonoridade máis urbana e fresca asentando os beats (ritmos) en pads e loops creados en directo.

O proxecto: O Camiño é unha combinación de momentos e “intersticios” e Nigrán é un dos moitos puntos xeográficos polos que se debe pasar para alcanzar a meta. Este proxecto pretende retratar esta etapa do Camiño de Santiago atendendo a esas peculiaridades inmanentes da cotiandade deste lugar.

  •  
    "Un camiño de fusión e liberdade" - Nastasia Zürcher
  •  
    "Un camiño de fusión e liberdade" - Nastasia Zürcher
  •  
    "Un camiño de fusión e liberdade" - Nastasia Zürcher
  •  
    "Un camiño de fusión e liberdade" - Nastasia Zürcher

"Wege" - Helen Bertels

 

Lugar: Soutomaior

Data: 25 de outubro, ás 12.00 horas

Actividade: Acción escénica

A autora: É actriz, creadora, autora e artista alemá, estabelecida en Santiago de Compostela desde 1999. Helen Bertels (Kottbus, Alemania, 1978) traballou e formouse na compañía Matarile Teatro, no Teatro Galán, no Festival Internacional En Pé de Pedra e no CECC (Centro d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya). Logo decidiu ampliar horizontes e diversificar a súa actividade artística priorizando o que quere expresar, que desde sempre tivo unha estreita relación co mundo da muller.

Entre os seus traballos máis recentes destacan Wir Frauen (espectáculo coproducido coa Tía Mardalina), AMOR (espectáculo que conta co acompañamento e apoio do ALTprocrea –programa do Festival ALT de Vigo–, no que Helen Bertels foi a Artista 2014), o Diario de Nimiedades (libro editado por NYMPHARUM edicións), Poemas visuais (exposición que reúne fotos, palabras e obxectos atopados no Camiño) e Poemas visuais II (a pel das mulleres) (tinta chinesa sobre papel formando corpos e versos).

  •  
    "Wege" - Helen Bertels
  •  
    "Wege" - Helen Bertels
  •  
    "Wege" - Helen Bertels

Paula Cabaleiro - comisaria de "Camiño (a) Dentro"

Paula Cabaleiro

É licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas pola USC e un máster en Educación Secundaria pola UVigo. Actualmente é directora de exposicións no MAC Florencio de la Fuente (Huete, Cuenca), comisaria do programa “Mulleres en acción. Violencia zero” da Deputación de Pontevedra e comisaria do Espazo de Arte Contemporánea da Feira Culturgal (Pontevedra).

Paula Cabaleiro coordina e realiza o festival “Somos rúa, facemos arte” no Concello de Carballo (2017 e 2018) e os programas “CreaVigo” (Concello de Vigo, 2018 e 2019) e “Do Camiño Vivido” (Deputación da Coruña, 2018 e 2019). Foi codirectora da feira de arte contemporánea “Cuarto Público” (Santiago de Compostela, 2013, 2014 e 2016) e tamén dirixiu en Galicia o festival estatal “Miradas de Mujeres” 2014.

Comisaria de exposicións con diferentes institucións culturais (Museo de Pontevedra e Centro Marcos Valcárcel de Ourense entre outros), desde 2011 foi poñente en congresos e seminarios en toda España e Portugal.