A pegada do mar nas paisaxes das Rías Baixas
O litoral das Rías Baixas ten esencia mariñeira. As súas tradicións, as súas lendas e ata a súa arquitectura popular están intimamente ligadas á pesca e á industria conserveira, que ocuparon á maior parte da súa poboación durante séculos. Esta estreita vinculación co traballo no mar marcou o devir das vilas e aldeas costeiras de Pontevedra, hoxe convertidas en destinos turísticos de referencia grazas á súa gastronomía tradicional, as súas impresionantes paisaxes e a súa capacidade para reinventarse mantendo os seus costumes e o porto como eixe da súa vida económica e social.
As vilas mariñeiras situadas no interior das tres Rías e na fachada atlántica lograron preservar un importante legado cultural e etnográfico, imprescindible para coñecer de onde vimos e como somos. Pero ademais hoxe ofrecen un amplo abanico de actividades náuticas e experiencias para mergullarnos de cheo na súa historia, sempre ligada ao mar. Son moitas as pequenas xoias que salpican o litoral pontevedrés: museos, centros de interpretación, cetarias e goletas restauradas amosaranlle á ou ao visitante a apaixonante traxectoria desta terra.
Tradición, cultura, natureza, deporte e gastronomía converten a costa das Rías Baixas nun completo destino de vacacións
Estes fermosos recunchos da costa pontevedresa combinan tradición e modernidade. Bríndannos a oportunidade de coñecer os segredos da pesca artesanal á vez que nos facilitan a entrada ás súas dinámicas lonxas e nos permiten observar de preto as augas das rías con barcos de visión submarina, realizar apracibles travesías a bordo de espectaculares veleiros ou liberar adrenalina cun amplo catálogo de actividades náutico-deportivas.
O turismo litoral ten cada vez maior demanda e na provincia de Pontevedra multiplícanse as opcións para coñecer As Rías Baixas desde o mar e achegarnos á frenética actividade que rexistran algúns dos maiores bancos marisqueiros do planeta. A costa pontevedresa é un mundo de experiencias gastronómicas e o destino predilecto para miles de amantes da navegación grazas á súa ampla oferta de portos deportivos.
Tradición, cultura, natureza, deporte e gastronomía alíanse para converter os municipios costeiros da provincia de Pontevedra nun completo destino para unhas vacacións en familia ou en grupo, ou para aventurarse en solitario por estas tranquilas augas antes de facer un merecido descanso nos seus centros históricos, hoxe cheos de vida.