Primeiro porto en ter noticias de América
Protexida de mar aberto por unha preciosa baía, a súa situación é inmellorable para o abrigo de embarcacións en tránsito. Quizais teña que ver con estas excepcionais condicións o feito de que no ano 1492 a carabela Pinta decidise arribar nesta encantadora localidade para comunicar o Descubrimento de América.
A imaxe que lles dá a benvida ás e aos visitantes é a dunha fachada marítima composta por casas tipicamente mariñeiras que se manteñen ao longo de todo o paseo á beira do mar. Destacan as súas amplas galerías acristaladas e non é difícil imaxinar as familias divisando o océano desde as súas ventás hai un século.
No ano 1492 a carabela Pinta arribou nesta encantadora localidade para comunicar o Descubrimento de América
Estas construcións en pedra forman parte da zona antiga de Baiona, recoñecida como Conxunto Histórico Artístico no ano 1993 e que na actualidade se converteu no corazón do municipio. As súas rúas son angostas e empedradas, salpicadas de casas nobres e edificios con soportais baixos, que crean unha atmosfera moi particular que consegue envolver a quen os visita.
Visita obrigada en Baiona é a fortaleza de Monterreal, cuxa muralla foi construída no século XIV durante a guerra con Portugal e unha das pezas máis destacadas do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra. O recinto está aberto ao público e cruzando as súas murallas atoparémonos cunha espectacular vista sobre a baía de Baiona coas illas Cíes xusto enfronte.