Fiestas en Rías Baixas

Pazos

Casas señoriais
das Rías Baixas

A riqueza arquitectónica, cultural e botánica dos pazos da provincia de Pontevedra permitirache descubrir o modo de vida das familias nobres galegas hai máis de tres séculos. Hoxe moitos deles albergan museos, adegas e xardíns de visita pública con especies dos cinco continentes e unha raíña: a camelia

No século XVII os pazos galegos abandonaron a súa finalidade defensiva e convertéronse, de forma progresiva, en residencias señoriais que hoxe presumen dun importante valor arquitectónico, paisaxístico e botánico. A provincia de Pontevedra conserva excelentes construcións con máis de tres séculos de historia ás súas costas nos que foron testemuñas de acontecementos de gran relevancia histórica, acolleron a grandes políticos e foron escenario de faladoiros entre intelectuais.

Poder, cultura e patrimonio van da man nesta impresionante ruta polos conxuntos máis singulares das Rías Baixas, hoxe reconvertidos na súa maioría en museos, adegas e espazos de gran valor paisaxístico. Así o demostra o feito de que tres deles lograsen ser distinguidos como Xardíns de Excelencia Internacional de Camelia: A Saleta, Quinteiro da Cruz e Rubianes.

Capelas, hórreos, cruceiros, estanques, fontes e árbores centenarias realzan a espectacularidade dos pazos de Pontevedra. Chama á súa porta e descubrirás un impresionante patrimonio histórico que ten as súas orixes en plena Idade Media e que soubo reinventarse a través dos seus viñedos, visitas guiadas ou proxectos de restauración. Atoparás edificacións de moi distintas épocas e estilos arquitectónicos, con xardíns de tradición inglesa ou francesa capaces de encapsular o tempo e mergullarte na apaixonante vida palaciana dos séculos XVIII e XIX.

Pazo de Oca (A Estrada)

Na parroquia de Santo Estevo de Oca existía unha antiga fortaleza desde o século XII, pero os primeiros vestixios materiais que se conservan do edificio datan de mediados do século XV e son contemporáneos dos primeiros señores de Oca dos que existe constancia documental: Álvaro de Oca e o seu fillo Suero. A propiedade, de estilo barroco, pasou polas mans da familia Neira, os Gayoso ou a Casa de Comarasa ata integrarse no patrimonio dos duques de Medinaceli.

Andrés Gayoso e o seu fillo Fernando foron os promotores da remodelación e ampliación do conxunto; tamén se lles atribúen o deseño e a construción dos dous estanques que constitúen o eixo central dos seus espectaculares xardíns. A auga realza a maxestade deste impresionante conxunto botánico, sen esquecer pasear pola Carreira dos Tilos ou adentrarse na parte do xardín reservada a figuras de buxo inspiradas en contos e cancións populares.

Pazo de Oca


O pazo de Oca, coñecido como o versalles galego pola xeometría e gran variedade de especies do seu xardín, está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e conserva a súa dobre vertente de utilidade e beleza. As plantacións ornamentais da propiedade conviven con viñedos, hortas de kiwis e coleccións históricas de maceiras. Trátase, sen ningún xénero de dúbida, dun dos máis señoriais e mellor conservados pazos galegos. Pódese visitar en calquera época do ano ou alugar algún dos seus salóns para eventos.

Pazo Quiñones de León (Vigo)

As primeiras noticias do actual pazo Quiñones de León son do século XVI, ao existir no lugar unha torre medieval denominada Lavandeira, propiedade da familia Tavarés. Segundo se deduce da inscrición do escudo de armas presente na entrada principal, o edificio actual levantouse entre 1665 e 1670. Foi no século XIX cando Fernando Quiñones de León e de Francisco-Martín realiza as reformas que lle conferirán o seu aspecto actual e deseña os seus formidables xardíns, punto de encontro hoxe en día para varias xeracións de viguesas e vigueses.

En 1924 a propiedade foi doada á cidade, e o parque, antes privado, abriu as súas portas ao público. Este espazo divídese no xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés, tamén coñecido como Pradera do Té, a solaina e o bosque. En 1984 arrincou o proxecto de limpeza e mellora do parque: ampliouse a estrada que hoxe o divide en dous e creouse unha lagoa seguindo os bosquexos do arquitecto paisaxista Francisco de Sales.

Pazo de Quiñones


Foi declarado Xardín Histórico Ben de Interese Cultural (BIC) en 1955, e en 1991 as súas competencias trasladáronse á comunidade autónoma. O pazo alberga un museo con coleccións de pintura, escultura, artes aplicadas e fondos de extraordinario interese para descubrir a historia de Vigo.

Pazo de Lourizán (Pontevedra)

O pazo de Lourizán viviu a súa etapa de maior esplendor tras ser adquirido no século XIX por Eugenio Montero Ríos, quen en 1909 lle encarga a Jenaro de la Fuente a reforma do impoñente edificio rodeado de 54 hectáreas de terreo. Foi nesta etapa cando se incorporan as súas características galerías acristaladas e as terrazas superiores. A primeira referencia histórica á leira onde se atopa o edificio é un documento relixioso de concordia entre clérigos do ano 1320.

A suxestiva beleza do inmoble vese realzada polo feito de ser a comezos do século XX epicentro político e social da provincia. A nivel arquitectónico destacan a súa espectacular escalinata, a súa ornamentada fachada e a súa cuberta de lousa de estilo francés. Ademais conta cun hórreo de gran tamaño do século XVIII. Mención especial merece o xardín das Rías, cunha gruta e unha fervenza no seu arranque e un arroio con meandros e pontes cuberto por un espeso e alto dosel arbóreo.

Pazo de Lourizan


Os herdeiros de Montero Ríos non podían facer fronte aos gastos de mantemento da propiedade e na segunda década do século XX vendéronlla á Caixa de Aforros Provincial. O pazo está en mans da Deputación de Pontevedra desde os anos 40 e na actualidade acolle o Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Pazo de Rubianes (Vilagarcía)

A visita ao pazo será unha experiencia inesquecible camiñando entre viñedos e exuberantes camelias. A orixe da Casa de Rubianes hai que buscala na Idade Media, cando no século XII a familia Caamaño, titular da Casa de Noia e fundadora de Vilagarcía de Arousa, se establece no estuario arousán. O pazo foi fundado orixinalmente no ano 1411 por García Caamaño e reconstruído 300 anos despois por Jacobo Ozores. Trátase dunha construción de planta rectangular rodeada polo viñedo máis extenso da comarca do Salnés.

No século XVIII o señor da Casa de Rubianes é desterrado a Francia e ao seu regreso atopa a propiedade moi deteriorada, polo que decide reconstruíla contando cos servizos dun arquitecto francés que lle outorga o aspecto actual.

Pazo de Rubianes


Cunha superficie próxima a 70 hectáreas, as súas uvas cultívanse entre camelias. Crese que o primeiro intento ornamental realizado na propiedade se realizou en 1714, cando o edificio primitivo se transformou nunha casa señorial. O estanque da ra, co seu enreixado e o seu ceador, é a estrutura máis importante do xardín primitivo. O seu parque botánico é hoxe Xardín de Excelencia Internacional de Camelia grazas aos seus máis de 4.500 exemplares e está aberto ao público.

Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia)

Esta antiga casa de labranza do século XVIII está situada en pleno val do Salnés e é un excelente exemplo da arquitectura neoclásica galega. Nos anos setenta a propiedade foi adquirida pola familia Piñeiro Lago, que restaurou o pazo, o patio e as edificacións contiguas. A súa entrada está presidida por un espectacular hórreo de pedra de 15 metros de lonxitude, o que o converte nun dos exemplares máis singulares de Galicia.

Na propiedade tamén se conserva unha capela e unha pía bautismal románica do século XII. Pero o elemento máis singular é o seu Xardín de Excelencia Internacional de Camelia, deseñado a principios do século XX polo paisaxista francés Dorgambide e rodeado de árbores e bosques de carballos, castiñeiros, piñeiros e loureiros. O pazo Quinteiro da Cruz conta ademais con viñedos de uva albariña, coa que elaboran o seu propio viño nunha adega anexa.

Pazo Quinteiro da Cruz


Esta señorial construción ten a alma dun museo ao aire libre ao acoller máis de 300 especies botánicas distintas procedentes dos cinco continentes. De recente creación é o Bosque das Palabras, inaugurado en 2014 pola escritora Nélida Piñón, e o denominado xardín oriental. É posible visitalo durante todo o ano e finalizar a xornada saboreando un albariño Quinteiro da Cruz ou un té verde, tamén da casa.

Pazo de Liñares (Lalín)

Trátase dun pazo do século XVII fundado por Álvaro Núñez Taboada. Estivo habitado ata principios do século XX, aínda que na súa última etapa estaba reservado só como residencia vacacional. A nivel arquitectónico, os elementos máis interesantes do seu interior son a biblioteca, un expositor de armas e unha pía bautismal románica. A construción, de estilo barroco, conta cunha gran balconada e conserva no seu exterior unha capela, as casas do servizo, dous fornos, un alpendre, un hórreo e un pombal.

Neste palacio naceu o aviador Joaquín Loriga, coñecido por realizar en 1926 o voo Madrid-Manila en 17 etapas e 33 días. Trátase do pazo máis señorial das terras de Deza e é unha das xoias da arquitectura rural galega. Foi bautizado por Emilia Pardo Bazán como O Palacio do Recordo. O último dono que o ocupou foi José Cano Otero, presidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

Pazo de Liñares


O pazo foi adquirido polo Concello de Lalín no ano 2002, e en 2009 declarouse Ben de Interese Cultural (BIC). Unha reforma recente devolveulle o esplendor do que gozou no século XIX, converténdoo na actualidade nun espazo sociocultural que alberga o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico da cultura dos castros (CXCA) e o Museo Galego da Marioneta.

Pazo de Fefiñáns (Cambados)

Foi construído no século XVI por Juan Sarmiento Valladares, conselleiro do rei Felipe II de España. É un edificio de estilo renacentista con influencias italianas ao que se lle realizaron sucesivas incorporacións encargadas por Gonzalo Sarmiento de Valladares, vizconde de Fefiñáns. Actualmente segue en mans dos descendentes dos marqueses de Figueroa, que residen nunha parte do pazo, destinando o resto á elaboración de viño da Adega Gil Armada e da Adega Palacio de Fefiñanes, a primeira que embotellou viño baixo a marca Albariño, en 1928.

Nas esquinas exteriores do pazo destacan os grandes balcóns circulares e a decoración renacentista sobre as xanelas. Na esquina leste da muralla levántase unha torre independente, denominada torre da homenaxe, e unha ponte de traza barroca no extremo norte. No interior aínda se traballa un pequeno viñedo de cepas centenarias que deu orixe á actividade vitivinícola no terreo hai un século.

Pazo de Oca


O pazo dálle nome á praza máis importante de Cambados e é un dos edificios máis destacados do impresionante conxunto histórico. A propiedade está aberta a visitas guiadas todo o ano, realízanse catas e pódese alugar para a realización de eventos.

Pazo da Touza (Nigrán)

Trátase dun edificio histórico de granito do século XVI, reformado posteriormente no século XVIII, no que sobresae a torre almeada que preside o terreo, de máis de 20.000 m². Unha das pezas máis destacadas do inmoble é a balaustrada da entrada principal, os escudos, as figuras humanas e as gárgolas con cabezas de león que protexen os xardíns autóctonos de camelios, con árbores centenarias e un labirinto de buxo.

A última reforma, realizada no inverno do 2009, converte este incrible edificio nunha das mellores paraxes onde atopar un remanso de paz e tranquilidade para descansar. Os seus exteriores de aires aristocráticos contrastan co seu interior completamente reformado. Este pazo situado en Nigrán está considerado un dos edificios máis emblemáticos do Val Miñor.

Pazo da Touza

Pazo de Señoráns (Meis)

Cruza as portas deste pazo, protagonista do naturalismo español do século XIX, e adéntrate na historia da Galicia feudal e matriarcal. Este inmoble, reconvertido en adega, é un magnífico representante dos casais galegos. Parece remontarse ao século XVI e refírense a el episodios notables coma o de albergar o último rei de Portugal, Manuel II, cando en 1910 se instaurou a república no país veciño e o monarca tivo que fuxir e esconderse entre os centenarios muros desta vivenda de Vilanoviña, en Meis.

O nome do pazo hoxe está intimamente ligado ao viño que leva o seu nome. Os viñedos que o rodean empezaron a cultivarse nos anos oitenta. Marisol Bueno e Javier Mareque, propietarios do pazo de Señoráns, foron uns adiantados ao seu tempo cando hai 25 anos confiaron na nobreza do albariño e apostaron polos viños de garda –con propiedades para envellecer en botella– con moi bos resultados.

Pazo de Señoráns


Hoxe son os seus fillos os que seguen adiante co proxecto e comparten coas e os visitantes o seu particular modo de elaborar o viño. Nas súas adegas tamén se empezou a destilar bagazos para elaborar licores e augardentes tradicionais galegos, procedentes de uva albariña.

Pazo de A Saleta (Meis)

É un pazo de labranza con orixes no século XVIII e cun xardín de estilo inglés recoñecido pola UNESCO por albergar unha das máis importantes coleccións botánicas privadas de España con especies traídas de todos os continentes. Forma parte da Ruta da Camelia das Rías Baixas e é visitable todos os días do ano.

Existe constancia documental da propiedade desde 1721, momento no que Mateo Pérez de Caamaño herda as terras, onde manda construír unha inicial casa de labranza. O seu neto maior construiría medio século despois a capela dedicada á virxe da Saleta que finalmente lle deu nome ao terreo. Máis recentemente, en 1967, foi adquirida polo matrimonio Gimson coa intención de convertela nunha referencia internacional da xardinería e a botánica con axuda da arquitecta paisaxista Brenda Colvin.

Pazo de A Saleta


O pazo é privado e está en mans da familia Rodríguez-Coadas, que adquiriu a propiedade en 1996 e coida con mimo, no corazón de Meis, do importante legado botánico deixado polo matrimonio Gimson, a quen se atribúe a introdución en España de especies únicas de camelia hoxe xa máis popularizadas.

Pazo Gandarón (Pontevedra)

O pazo de Carballeira de Gandarón, de estilo barroco, foi construído por orde do arcebispo Sebastián Malvar Pinto a finais do século XVIII e é, desde 1928, sede da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A mediados do século XIX a propiedade foi transmitida a Jerónimo Malvar e Taboada, a quen se lle atribúe a ampliación do edificio e a creación do xardín.

As súas fontes, estanques, hórreo, capela –hoxe museo– ou o seu ceador cóntanse entre os elementos máis significativos deste espazo, que conserva o seu estilo orixinario. Todo iso enmarca unha experiencia cargada de romanticismo nun espazo coroado por un amplo hórreo de 22 pés. O pazo está situado na parroquia de Salcedo, moi preto de Pontevedra, e na súa estrutura destacan a nivel arquitectónico os seus balcóns e chemineas, de estilo francés.

A instalación alí da Misión Biolóxica de Galicia foi iniciativa do presidente provincial Daniel de la Sota, quen tamén estivo detrás da fundación do museo, a transformación do hospital e a construción de novas estradas de acceso. Estas dependencias públicas ocupan hoxe 12 hectáreas de terreo con tres edificios principais e outros de servizos.

Gandarón

Pazo del Conde de Gondomar (Gondomar)

Tamén coñecido como pazo do Conde ou pazo de Sarmiento, foi a residencia de Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, título que recibiu de Felipe III. Este pazo foi moi probablemente levantado sobre os restos dunha fortaleza medieval. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de Monumento en 1999.

No século XVI foi a residencia de García Sarmiento e Sotomayor, señor de Gondomar e Vincios, Peiteiros e Mogandáns, corrixidor de Granada e capitán xeral de Canarias. Pero a historia do inmoble está máis intimamente ligada ao seu primoxénito, Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar e nado neste pazo. Durante o reinado de Felipe II foi unha das figuras máis importantes da diplomacia española e chegou a ser nomeado embaixador de España en Londres.

En vida do conde o pazo viviu a súa época de máximo esplendor, cunha grande extensión de terreo rodeado por unha muralla que chegaba ata as mesmas portas do que hoxe é a casa do concello de Gondomar. No século XVIII un incendio causou graves danos no pazo, que sería restaurado no século XIX polos sucesores do nobre galego. Estes estaban emparentados cunha das liñaxes máis prestixiosas da nobreza española, os Fernández de Córdoba, descendentes do Gran Capitán, co que este condado se uniu aos títulos do ducado de Medinaceli.

Pazo Torres de Agrelo (Redondela)

No espazo que actualmente ocupa este edificio existiu desde o século XVI un mosteiro da orde franciscana, que anteriormente moraba na illa de San Simón e recibiu os terreos do duque de Soutomaior. O edificio foi consumido por un incendio e reconstruído para daquela ser abandonado tras a desamortización de mediados do século XIX.

Dos seus propietarios posteriores apenas hai datos confirmados. O pazo ocupou o lugar onde estaban as ruínas do mosteiro e as pedras do edificio orixinal aproveitáronse para a súa construción, ao redor de 1865. A historia deste pazo redondelán está vinculada á figura do xeneral Antero Rubín Homent, natural deste municipio e distinguido na guerra de Cuba. En 1936 a familia Iturria adquire a propiedade e crese que por esa época se creou a gruta e o estanque dos seus xardíns, a imitación dos de Santa Lucía en Portugal.

Pazo de Torres de Agrelo

O pazo vive agora unha nova etapa de esplendor desde que no arranque do século XXI pasou a mans da familia Marcote. Foi rehabilitado e dedicado en parte ao cultivo da vide e a acoller celebracións e banquetes. Os seus xardíns acollen impresionantes camelias e varios exemplares incluídos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Pazo Montesacro (Cambados)

Tamén coñecido como pazo de Santo Tomei, está situado na Vila Vella de Cambados , sobre un alto con vistas ao mar, e accédese a el desde unha praza a través dunha ornamentada escalinata. Foi construído por Diego de Zárate e Murga, I marqués de Montesacro, por decreto de Felipe V, no século XVIII e seguindo o estilo barroco da época.

Destaca na súa fachada o elegante escudo de armas dos Zárate e Murga, timbrado pola cruz de Santiago, e a coroa do marqués, da cal sae un brazo esgrimindo unha espada. En 1937 a esposa do VIII marqués de Montesacro, Juana María Grisone, ao quedar viúva e sen fillos decidiu vender o pazo. Nun primeiro momento pensouse que a propiedade pasaría a mans dun coñecido empresario da zona, pero finalmente a familia optou por cedérllela ás Hermanitas de la Caridad para que puidesen ampliar o asilo, que na altura se situaba no pazo de Torrado.

A súa historia é unha das máis curiosas, xa que a señorial propiedade se destinou a un proxecto social e en 1942 o pazo foi remodelado para adaptarse ás necesidades que requiría poñer en marcha ese centro de maiores, uso que aínda conserva na actualidade.