Rías Baixas, entre as provincias con máis Centros Azuis de España
Rías Baixas é un destino perfecto para pasar unhas vacacións perfectas… e cada vez por máis motivos. Ao récord de praias con Bandeira Azul, 55 este ano, súmase o seu liderado en Sendeiros Azuis, e a provincia de Pontevedra sitúase tamén no selecto grupo de zonas con máis Centros Azuis de España.
Os Centros Azuis, un distintivo concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), a mesma entidade que galardoa as mellores praias e sendeiros na costa, son espazos que ofrecen información e educación ambiental sobre o ecosistema no que se atopan, ademais de cumprir o requisito de ser visitables e ofrecer información sobre o programa Bandeira Azul. Para poder participar, os municipios que opten a esta cualificación han de contar con praias con bandeira azul.
Os centros galardoados en Pontevedra son os seguintes:
Aula da Natureza do Cabo Udra (Bueu)
Atópase na comarca do Morrazo dentro dun espazo protexido pola Rede Natura 2000. Un belo escenario de pequenos cantís onde habitan numerosas aves protexidas. O recinto é o complemento ideal para o sendeiro azul que cruza esta bela e salvaxe contorna do litoral das Rías Baixas.
Centro de Interpretación de Agrelo (Bueu)
O segundo centro inscrito polo municipio do Morrazo tamén está dedicado á contorna litoral e sitúase enfronte da praia de Agrelo. O recinto creouse sobre un edificio restaurado, concretamente, o antigo matadoiro municipal.
Centro de Interpretación As Telleiras (Sanxenxo)
A antiga fábrica de produción de tellas que acolle este centro estaba vinculada directamente coas condicións xeolóxicas da zona, na cal se extraía a arxila para a fabricación do material. Hoxe restaurada, é un espazo minimalista en homenaxe ás antigas telleiras.
Centro de Interpretación da Conserva (A Illa de Arousa)
As fábricas conserveiras tiveron un papel importante no desenvolvemento económico da costa galega. Algunhas, como esta da Illa de Arousa, a primeira industrializada de Galicia, foron restauradas como homenaxe a unha historia non só do municipio, senón de toda a comunidade.
Centro de Interpretación dos petróglifos de Mogor (Marín)
Xunto ás bonitas praias de Marín laureadas coa Bandeira Azul atopamos os petróglifos de Mogor e o centro de interpretación no que podemos coñecer máis a fondo estes gravados sobre a pedra. Ademais da súa relevancia arqueolóxica destaca o misterio que rodea o Labirinto de Mogor. A súa particularidade reside nas similitudes que comparte con outros localizados en diferentes puntos do globo, desde Inglaterra ata Laponia.
Ateneo Santa Cecilia (Marín)
O municipio da ría de Pontevedra goza dun segundo Centro Azul. É o Ateneo de Santa Cecilia. Trátase dun espazo cultural fundado en 1952 e cuxo obxectivo é desenvolver actividades ao redor da arte, a música e as letras.
Museo do Mar de Galicia (Vigo)
Outra antiga fábrica de conservas, a de Alcabre, transformouse nunha das estampas máis recoñecibles da costa viguesa. É o Museo do Mar de Galicia, que recentemente acolleu a exposición do soado Pergamiño Vindel. O recinto, cunha impoñente arquitectura, levántase xunto a un faro, na contorna dun vello castro e posúe o seu propio acuario. O camiño que pasa ao seu lado é un Sendeiro Azul que leva a Bouzas, desde onde se poden contemplar belas vistas á tardiña.
Centro de Interpretación Meirande (Redondela)
O obxectivo do centro é preservar na memoria a gran Batalla de Rande, contenda naval que tivo lugar a principios do século XVIII. O lugar atópase xunto ás augas da ría de Vigo preto da ponte de Rande e na que anteriormente fora a “fábrica do alemán”, en mención ao seu antigo propietario.