Outono nas Rías Baixas
Castañas e micoloxía
Pronto poderemos degustar unha tempada máis do sabor da castaña cocida ou asada, e con iso, a celebración do Magosto, unha das festas máis populares en terras galegas durante o outono.
E é que achegarse ao monte nesta época do ano é todo un pracer para os sentidos, especialmente cando contamos coa tranquilidade dos nosos bosques. Ademais de recoller castañas, a procura de cogomelos pódese converter nun xogo entretido e que permite deleitarnos ao final da tarde co pracer de cociñar e degustar aquilo que recollemos coas nosas propias mans.
Sendeirismo
Os campos tínguense de laranxa e amarelo, e sen a calor do verán, percorrer os carreiros e diferentes rutas faise máis agradable o paseo. Desde a Deputación organizáronse e organizan diferentes rutas, como as DepoAndainas, andadas de bastante éxito e popularidade que nos levan a novos recunchos da provincia. Na última realizada de Vilaboa a Cíes esgotáronse as prazas en apenas unhas horas.
Outra escusa podería ser visitar as "neveiras" de Forcarei, ou as nosas árbores máis lonxevas, "As nosas senlleiras". Árbores centenarias onde algunha chega a alcanzar os 800 anos e que se poden atopar por todos os lares da provincia.
BTT
Tamén hai eventos organizados para bicicleta, como as DepoRutas BTT (Bicicleta Todo Terreo). A programada actualmente levaranos o 29 de outubro a Sabucedo. Teñen unha duración estimada de dúas horas e media, ao redor de 30 quilómetros e un desnivel acumulado de 700 metros.
Si se prefire ir por libre coa bicicleta de montaña, ofrecemos a continuación algunhas suxerencias.
O Camiño de Santiago Portugués
É unha das actividades reina nas Rías Baixas, no que ademais, recentemente déronse os datos a coñecer do pasado mes de agosto, onde este traxecto alcanzaba as 12.000 persoas peregrinas nun mes por primeira vez, situándose ademais como o segundo camiño máis elixido, e a cidade de Tui, como o segundo punto de partida para realizalo de entre todos os camiños.
Praia, costa e deportes
Achegarse á praia tamén é posible no outono. Actividade que gustará especialmente a aquelas persoas que desexen facelo coas súas mascotas, pois ademais daquelas praias oficialmente dedicadas aos cans, a maioría das restricións para pasear aos nosos cans desaparecen coa nova estación.
Tamén podemos continuar gozando de deportes como o surf ou kitesurf, actividades que se practican independentemente da estación do ano. E mesmo o mergullo, pois a diferenza do que se puidese crer, é no outono e inverno cando máis se pode apreciar a flora mariña das Rías Baixas. Do mesmo xeito que o turismo ornitolóxico, que conta en setembro cun gran mes para o avistamento de aves mariñas. E xa, máis afastado da costa, nos ríos esta vez, quizais nos apeteza probar con algunha nova aventura en familia como o barranquismo.
Ou sinxelamente pasear pola costa, pois segundo publicou recentemente o Journal of Hygiene and Environmental Health baixo os estudos do Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal) que participa no proxecto BlueHealth, estar preto ou rodeado de espazos "azuis" é positivo para a saúde mental, así como reducir a tensión e mellorar o benestar auto-percibido.
Rutas en moto
Catro son as rutas que se prepararon para as e os amantes das dúas rodas. Unhas guías que facilmente poden desagregarse para realizar en varias xornadas diferentes e que aínda específicas para as motos, poden valer para suxerir a calquera outro viaxeiro ou viaxeira.
Cultura, patrimonio e castelos
Non podiamos pasar por alto a actividade cultural. Ademais de todos os museos que se poden localizar no mapa de Turismo Rías Baixas, tamén temos a opción de ser espectadores ou espectadoras dalgunha das obras de teatro para este outono.
E entre os monumentos históricos, dependendo onde nos despracemos, teremos a posibilidade de achegarnos a algúns recunchos, como os pazos. Unha pequena mostra sería o pazo de Oca, o pazo Lourizán ou o pazo Rubians.
Tamén de destacada mención son os nobres castelos, como o castelo de Soutomaior e o de Sobroso. Non só arquitectura medieval, senón que ademais pódese pasear polos seus distintos xardíns ou carreiros botánicos.
E como non, sen esquecer o legado milenario dos castros, petróglifos ou a cultura dos dolmens, con castros como os do monte Trega e Alobre na Guarda e Vilagarcía de Arousa, e os petróglifos do monte Penide en Redondela.