Aterra nos mercados de Rías Baixas Degusta Europa 2018
Degusta Europa é un proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra e organizado polas escolas de hostalería Manuel Antonio e Carlos Oroza. O alumnado destes centros preparará diversos pratos con produtos gastronómicos locais de Rías Baixas elixidos nos mesmos mercados de abastos.
O obxectivo é realizar pratos inspirados na cociña de países europeos con materia prima local fomentando desta maneira a cociña de proximidade. Os países elixidos tampouco foron escollidos ao azar. Teñen que ser algún cos que a Deputación de Pontevedra mantén vínculos nos diferentes proxectos europeos. Ata a data alcanzan a vintena. Irlanda, Portugal, Francia, Italia, Malta, Islandia, Finlandia, Holanda, Alemaña, Polonia, Romanía, Grecia, Suecia, Chipre, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, Noruega, Dinamarca e Reino Unido.
Unha das novidades desta terceira tempada é que as creacións gastronómicas deberán virar sobre a campaña de "Somos historias”. Trátase do slogan e emblema da campaña de turismo para a provincia de Pontevedra en 2018 e que cada mes promociona un dos seus diferentes patrimonios presentados na gala de xaneiro. Desta maneira, as e os cociñeiros poderán inspirarse naqueles nos que se centran os meses de abril ou maio, Patrimonio Fortificado e Literario respectivamente.
As degustacións serán gratuítas e contarán con preparacións in situ tipo showcooking para mostrar a súa elaboración
En total dispoñerase de catro a cinco tapas diferentes para entre 100 e 200 comensais en cada zona. As degustacións serán gratuítas e contarán con preparacións in situ tipo showcooking para mostrar a súa elaboración.
Os días elixidos para gozar do festín serán o 3, 4, 8, 10, 11 e 15 de maio. O alumnado do Manuel Antonio realizará as degustacións nos mercados da Guarda o xoves 3 de 11 a 12 da mañá; Cangas o venres 4, de 12 a 13 horas, e en Vigo (mercado do Progreso), o martes 8, de 11 a 12 horas.
Mentres tanto, o alumnado do centro Carlos Oroza fará o propio nos de Lalín o xoves 10 de maio, de 12 a 13 horas; en Marín o venres 11 e en Vilagarcía de Arousa o martes 15, ambos de 11 a 12 horas.
Esta non é a primeira vez que os centros colaboran xunto coa institución provincial para a realización deste tipo de actos. Fixérono en 2016 e 2017 cando o tema principal era a gastronomía dos Camiños Xacobeos, eixo tamén da campaña turística da provincia. E en marzo de 2018, o Carlos Oroza realizou un menú no que o ingrediente estrela era a camelia.
Degusta Europa xurdiu en 2016 como forma de conmemorar o Día de Europa.