Fiestas en Rías Baixas

Camiños

Ruta Padre Sarmiento

Ruta do Padre Sarmiento

Sigue os pasos do monxe dominico polo Salnés

O Padre Sarmiento foi o creador desta variante do Camiño Portugués a través da comarca do Salnés. O monxe dominico regresou de Madrid para peregrinar a Santiago de Compostela en 1745 e documentou o seu itinerario de 190 quilómetros na obra Viaxe a Galicia. O fermoso traxecto, bautizado co seu nome, segue a costa entre as rías de Pontevedra e Arousa; empeza na ponte do Burgo e continúa por Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira, Valga e Pontecesures. Desde alí conflúe co Camiño luso ata chegar á catedral de Santiago de Compostela.

Pazo de OcaXardíns do pazo de Rubianes en Vilagarcía de Arousa

Localidades mariñeiras coma Combarro, fermosas praias salvaxes e con bandeira azul, illas (A Illa de Arousa, A Illa da Toxa, Cortegada…), o impresionante istmo da Lanzada, xacementos arqueolóxicos, pazos (de Rubianes, de Ulloa, de Torrado…), monumentos relixiosos e viñedos esténdense ao longo desta magnífica ruta.

Etapa 1. Pontevedra-Sanxenxo

Distancia: 22,3 km

O Padre Sarmiento iniciou o seu itinerario na cidade do Lérez, cruzando a ponte do Burgo. Seguindo o ronsel deste monxe dominico pola costa norte da ría de Pontevedra, as e os peregrinos pasan polo mosteiro de San Xoán de Poio, unha xoia do patrimonio das Rías Baixas.

A vila de Combarro está excelentemente conservada e nela sobresaen as súas casas mariñeiras, os seus cruceiros e os seus hórreos xunto ao mar. Ademais, esta localidade conta cunha atractiva oferta hostaleira e con tendas de recordos. Merece a pena pasear entre as súas casas de pedra e repoñer forzas nalgunha das súas terrazas.

Ponte do Burgo Pontevedra

O percorrido do Padre Sarmiento continúa por Chancelas, Punta Samieira, Raxó e Xiorto, un areal con bandeira azul. O miradoiro da Granxa ofrece excelentes vistas á ría. Descubrimos tamén a praia de Areas, antes de adentrarnos no centro urbano de Sanxenxo, para gozar do seu paseo marítimo. Aos seus pés esténdese a estupenda praia de Silgar, tamén con distintivo azul. Sanxenxo é un enclave turístico de primeiro nivel en Galicia que transcende fronteiras. Estamos ante o municipio de España con máis bandeiras azuis, ata trece na actualidade.

Etapa 2. Sanxenxo-O Grove

Distancia: 14,3 km

A pouco máis de dous quilómetros do centro de Sanxenxo, tras cruzar Punta Bicaño, a ruta lévanos ata Portonovo, centro turístico con praia e porto deportivo. Continuamos pola costa atravesando puntas (Cabicastro, Sefexeira e Paxariñas) e praias ata chegar a Montalvo, un areal cun valioso sistema dunar.

Ao longo da ruta gozamos de espectaculares vistas a Ons. Noalla é un punto ideal para admirar as dúas illas (A Illa de Ons e Onza ou Onceta). Novos areais despréganse ante os nosos ollos neste tramo (Bascuas, Pragueira, Foxos, Area Gorda e A Lapa) ata alcanzar a praia da Lanzada, un complexo dunar e intermareal sen parangón nas Rías Baixas nin en Galicia.

A historia da ermida da nosa Señora da Lanzada está salpicada de lendas e rituais sobre a fertilidade. A praia, de 2,5 quilómetros, atrae miles de bañistas no verán e persoas afeccionadas aos deportes náuticos. No castro acháronse importantes restos arqueolóxicos que achegan información de incalculable valor sobre a historia de Galicia.

A Lanzada supón o tránsito entre Sanxenxo e O Grove, onde empeza a nosa terceira etapa.

Etapa 3. O Grove

Distancia: 18 km

A ruta do Padre Sarmiento rodea a península do Grove, outro dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas, no que a gastronomía e as praias teñen un protagonismo estelar. Os areais con sistemas dunares esténdense na ruta ata San Vicente do Mar, desde onde continúa o Camiño por un tramo de costa rochosa, coa praia de Canelas situada na ruta. Nesta parte do litoral do Grove gózase dunha excelente vista da Illa de Ons e Sálvora, tamén integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

De camiño cara ao Porto de Meloxo percorremos a costa norte do Grove, porta de entrada á ría de Arousa. O tramo conta con numerosos areais. Podemos gozar das vistas cara á Illa de Arousa, o concello insular máis pequeno de España, con estupendas praias e un magnífico espazo natural, O Carreirón.

Cruceiro do Grove

Adentrámonos no núcleo do Grove, localidade mariñeira e turística na que se poden degustar excelentes peixes e mariscos acompañados de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ao saír do centro urbano atopámonos coa Illa da Toxa, un centro termal e de lecer de primeira orde, con balnearios, antigas fábricas de xabóns e cosméticos, hoteis, campo de golf, porto deportivo, casino e outros servizos.

Etapa 4. Illa da Toxa-Cambados

Distancia: 19 km

Este tramo da ruta rodea o complexo intermareal Umia-O Grove, unha enseada declarada Zona Húmida de Importancia Internacional. Abarca todo o esteiro do río Umia ata Cambados, berce do albariño, cualificado polo escritor Álvaro Cunqueiro como o príncipe dos viños galegos.

Desta enseada proceden as salinas que lle deron nome á comarca do Salnés. A auga circula a través da canle que forma A Illa da Toxa. O ecosistema é elixido por unha gran diversidade de aves para invernar e deterse nas súas migracións. Garzas reais, lavancos reais e pilros son algunhas das especies que podemos ver no espazo natural.

Cambados é terra de viños e posúe un espléndido centro histórico declarado Ben de Interese Cultural; un fermoso conxunto arquitectónico composto polo pazo, o arco-ponte, a atalaia torre da homenaxe e a igrexa de San Bieito.

O pazo de Torrado (século XVIII), que se utiliza como sala de exposicións temporais municipais, e o de Bazán (século VII), que alberga o Parador Nacional de Turismo da localidade, destacan pola súa historia e o seu valor patrimonial.

Cambados, capital do cultivo e produción do albariño, un dos mellores viños brancos do mundo, foi distinguida como Cidade Europea do Viño 2017, o que engade outro motivo de peso para visitala. A gastronomía é un dos grandes atractivos da localidade, que ofrece os mellores peixes e mariscos.

Etapa 5. Cambados-A Illa de Arousa

Distancia: 17 km

Aínda en Cambados, as e os peregrinos poden gozar, na parroquia de San Mamede de Corvillón, do Museo Muíño de Mareas da Seca, que data de 1622 e tiña a particularidade de que funcionaba coa subida e baixada das mareas.

O itinerario segue en dirección á Illa de Arousa, unha estupenda localidade mariñeira co porto pesqueiro de O Xufre e fermosas praias; dúas delas, O Bao (Camaxe) e Area da Secada, con bandeira azul. A illa, á que se chega tras cruzar unha ponte de case dous quilómetros, goza da consideración de Reserva Natural, e 11 dos seus 36 quilómetros de costa están formados por areais. O Parque do Carreirón está catalogado como Zona de Especial Protección para as Aves. O punto máis alto da illa é o miradoiro do Con do Forno, con espléndidas vistas ao núcleo urbano.

Etapa 6. A Illa de Arousa-Vilagarcía de Arousa

Distancia: 17 km

Abandonamos a illa cruzando a ponte e dirixímonos pola costa cara a Vilanova de Arousa, municipio natal do escritor Ramón María del Valle-Inclán, e a súa casa museo, un dos lugares que convén visitar.

Á saída do centro urbano volvemos camiñar por zona de praias, neste caso polas Sinas. Continuamos pola costa rumbo a Vilagarcía de Arousa, parando en Vilaxoán, tamén con porto pesqueiro e exquisita gastronomía.

En Vilagarcía de Arousa é recomendable unha visita ao pazo de Vista Alegre e ao seu convento, declarados Monumento Histórico-Artístico Nacional. Hai moito que ver na capital do Salnés e é posible facelo a través da Ruta dos Viños ou da Ruta dos Pazos, de entre os que destaca o de Rubianes, único señorío de Galicia que se atopa excelentemente conservado.

O Carril é outra parada imprescindible; de alí procede a famosa ameixa que leva o seu nome. En fronte podemos observar a illa de Cortegada, que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e presume de albergar un dos bosques de loureiro máis importantes de Europa.

Etapa 7. Vilagarcía de Arousa-Pontecesures

Distancia: 20 km

Entramos no esteiro do río Ulla e deixamos atrás a ría de Arousa, camiñando pola liña de costa xunto a unha zona de marismas. O itinerario guíanos ata Catoira, onde atopamos as torres de Oeste, que no pasado defendían Santiago de Compostela dos ataques viquingos. Das sete torres orixinais consérvanse os restos de dúas xunto a unha pequena capela dedicada ao Apóstolo.

O primeiro domingo de agosto celébrase alí a espectacular romaría viquinga de Catoira, Festa de Interese Turístico Internacional, na que veciñas e veciños representan as invasións realizadas hai mil anos polos atacantes escandinavos.

Estamos a chegar ao final da nosa ruta polas Rías Baixas para seguir cara a Padrón e culminar o periplo en Santiago de Compostela. Desde Catoira cruzamos o Sistema Fluvial Ulla-Deza, pasando por Portas ata chegar a Pontecesures. Aquí, na fronteira entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, conflúe co Camiño Portugués.