Unha terra lendaria
Galeóns afundidos con tesouros de incalculable valor, mouros baixo os castros, unha raíña que utiliza un pasadizo secreto para as súas aventuras amorosas e políticas, labirintos con significados ocultos, un cabaleiro que emerxe da auga ao paso do corpo de Santiago Apóstolo… Son múltiples os mitos e lendas que percorren a provincia de Pontevedra asociados aos seus bosques, vilas, rías e ríos, illas e pedras. Ficción ou realidade? Ofrecémosvos unha guía para que visitedes lugares máxicos nos que evocaredes ancestrais e misteriosas historias.
Tesouros de Rande
A ría de Vigo foi escenario en outubro de 1702 dunha gran batalla entre as frotas hispanofrancesa e angloholandesa, vencedora esta última na contenda. A Escuadra da Prata española portaba enormes riquezas transportadas desde América. Unha parte do cargamento xa fora desembarcado antes da confrontación, mentres que outra a levaron as armadas inglesa e holandesa tras a vitoria. Con todo, algúns barcos capturados foron afundidos pola súa propia tripulación e medrou a lenda sobre o fabuloso tesouro de Rande . O escritor Jules Verne universalizouna no seu clásico 20.000 leguas de viaxe submarina. O capitán Nemo visitou a ría de Vigo co Nautilus e amosoulle esta fortuna baixo o mar ao profesor Aronnax. Os cazatesouros buscaron sen éxito na ría e no seu contorno estas formidables riquezas.
O burro da Toxa
Illa da Toxa , no Grove, é un dos grandes complexos termais de Europa e, segundo un relato popular do que se fixo eco en 1899 a escritora Emilia Pardo Bazán, o actual centro turístico xurdiu por mor da sorprendente curación dun burro. “En El Grove, aldeíta de la costa fronteriza, un aldeano poseía un borrico tiñoso, tan pelado y cubierto de costras y mataduras que daba horror. Apiadado su dueño, no queriendo matarle, le abandonó en la isla, y grande fue su asombro al encontrar, a la vuelta de algún tiempo, un rucio sano, gordo y sin mácula”, relata. O home decatouse de que o burro “tenía costumbre de revolcarse en cierto charco fangoso, donde surtía un chorro de agua hirviente”. A partir dese momento popularizáronse as propiedades terapéuticas das augas da Toxa, ricas en sodio, calcio e magnesio.
Dona Urraca e Sobroso
O impoñente castelo de Sobroso , que se erixe en Mondariz sobre a ladeira de monte Landín, alberga lendas relacionadas con Dona Urraca. A raíña ordenaría construír un pasadizo que atravesaba o río Miño e chegaba ata Portugal, un túnel que utilizaba para as súas aventuras amorosas e políticas. Tras ser asediada no castelo polos partidarios do seu fillo, o conde de Traba, e a súa media irmá Teresa, segundo conta a lenda lograría fuxir por un pasadizo.
O cabaleiro de Bouzas
A tradición de portar unha cuncha de vieira no chapeu e a esclavina do saial durante a peregrinación a Santiago ten a súa orixe nunha lenda viguesa. Nesta relátase como, durante unha voda, os señores a cabalo arroxaban as súas lanzas ao aire e galopaban para recollelas antes de que tocasen o chan. O noivo, durante o xogo, caeu accidentalmente ao mar e desapareceu, quedando só un ronsel de escuma brillante que se dirixía a unha nave próxima á beira. Esta portaba o corpo de Santiago Apóstolo. O noivo e o cabalo saíron á superficie e tanto o cabaleiro coma a súa montura estaban en perfecto estado, cubertos de cunchas de vieira.
Castro Deza
As terras de Deza están rodeadas de lendas con elementos mitolóxicos celtas, mesturados despois con outros relixiosos durante a cristiandade. Mulleres convertidas en serpes, mouros que vivían baixo terra, pasadizos secretos, tesouros enterrados, castróns, encantamentos de persoas transformadas en animais… Son abundantes os mitos e relatos sobrenaturais, moitos deles relacionados cos castros. Só en Lalín hai unha trintena de xacementos, e máis dun centenar en toda a comarca. O centro Castro Deza é o lugar ideal para coñecer a vida, costumes, gastronomía e lendas da cultura castrexa.
O labirinto de Mogor
Percorridos de iniciación, calendario solar, símbolos de fertilidade ou marcas funerarias son algúns dos posibles significados dos labirintos gravados sobre a pedra en distintos puntos da provincia de Pontevedra, moi similares a outros localizados en países coma Laponia ou Finlandia. O máxico labirinto de Mogor (Marín) adéntranos neste misterio, nun contorno espectacular da costa do Morrazo.
Santa Trega (A Guarda)
O castro de Santa Trega é un lugar máxico que nos transporta dous milenios no tempo á Galicia dos nosos antepasados, pero ademais todo o monte está rodeado de misterios e lendas. Unha delas xira ao redor da santa que lle dá nome, que se lle apareceu a unha pastoriña no século XIV durante unha tempada de gran seca. A rapaza pediulle que volvese chover e Santa Trega contestoulle que todo o pobo debía subir en procesión e gardar xaxún durante tres días. Así se fixo e a choiva regresou pouco tempo despois. En agradecemento creouse o santuario, e desde ese momento a procesión ten lugar cada ano.
A Illa de Ons
O Buraco do Inferno, na Illa de Ons , é un lugar mítico desde o que, segundo conta unha lenda, se pode oír durante as tempestades o queixume das almas atormentadas no lume eterno. Un touro con cornos de ouro custodia este acceso ao mundo dos mortos.
Illa de Trahamunda (ou Tambo)
A lenda tamén rodea a illa de Tambo (Poio). Un dos relatos está vinculado á santa Trahamunda, unha noviza do convento de San Martiño desta pequena insua que sería secuestrada polos mouros e trasladada a Córdoba. Trahamunda pediulle a Deus saír de alí e acharse ao día seguinte en San Xoán de Poio . O milagre obrouse de inmediato, segundo este relato. A illa tamén sufriu o asalto do mítico corsario inglés Francis Drake. Outra lenda sinala que en Tambo había unha moura que, á noitiña, convocaba un touro. Este transportaba alí os corpos dos mortos.
San Telmo (Tui)
O patrón de Tui é outro dos personaxes cuxa historia se mestura coa lenda. Pedro González ou Pedro Telmo foi un humilde frade, beatificado en 1254 e designado en 1745 como patrón dos mariñeiros. A el atribúeselle a construción de numerosas pontes, as máis importantes en Ribadavia (Ourense) e A Ramallosa, esta última sobre o río Miñor, entre Nigrán e Baiona. Segundo a lenda, predicando ante unha multitude, comezou unha tormenta e dividiu as nubes en dúas, afastándoas ás beiras e despexando o ceo sobre as persoas congregadas.
Poza da Moura (Moaña)
O relato popular conta que nunha poza situada nos montes de Domaio (Moaña), moi preto do estreito de Rande, se poden escoitar aínda os queixumes dunha bela moura. Esta desaparecería nesas augas tras darlle o seu pai morte nese mesmo lugar ao campesiño do que se namorou. A muller aparece na noite de San Xoán peiteando o seu cabelo cun peite de ouro.
Agolada
Unha das lendas da comarca de Deza relacionada cos castros refírese ao municipio de Agolada. Cóntase que en Castro Marcelín viviu unha raíña chamada Marcela, que escondía un tesouro detrás dunha porta de pedra, xunto a diferentes chaves. Neste municipio achamos tamén os famosos Pendellos de Agolada , un importante lugar de encontro comercial da Galicia de hai dous séculos. Coñecer este conxunto histórico cunha aura máxica permítenos entender mellor a vida rural e as características sociais do século XVIII. Trátase dun espazo creado para o ritual de troco, compra e venda, charla, regateo, encontro, enganos e ganancias, apertóns de man e faldriqueiras, e polbo á feira.
Casa da Peste (Cerdedo-Cotobade)
Historia e lenda mestúranse na Casa da Peste, situada na aldea da Godela, onde se conta que foron recluídas en corentena persoas infectadas pola peste. Este inmoble do municipio de Cerdedo-Cotobade data do século XVIII –no seu lintel figura a inscrición de 1721– e hoxe atópase en estado de abandono. Unha das epidemias da enfermidade produciuse en Galicia durante as primeiras décadas do citado século, o que confire verosimilitude ao relato.
Santa Compaña
A Santa Compaña representa un dos mitos máis populares das Rías Baixas e Galicia. Esta lexión nocturna está formada por ánimas que camiñan cos pés descalzos en dúas fileiras e envoltas en sudarios. Cada pantasma porta unha luz, e só un lixeiro vento e cheiro a cera indican a súa presenza. Á fronte vai un espectro de maior tamaño, a Estadea. En ocasións portan un cadaleito no que trasladan un familiar da persoa que presencia o paso. Esta non tarda en morrer. Pode ocorrer que o que atopa a comitiva se vexa obrigado a seguila portando unha cruz e un caldeiro. O acompañante pode traspasalo a outra persoa e quedar libre mentres que quen a recibe debe acompañar os defuntos.