Fiestas en Rías Baixas

Termalismo

Ruta das Vilas Termais

Ruta das Vilas Termais

A provincia de Pontevedra é rica en augas minerais e termais, algo que quedou reflectido no patrimonio dos seus municipios e nunha arraigada tradición de termalismo

Os baños e balnearios viviron en Europa unha época dourada no século XIX, que se prolongou ata principios do XX. As Rías Baixas non foron alleas a este fenómeno, e por iso contan con grandes centros de atracción de bañistas, coma Mondariz-Balneario ou A Illa da Toxa.

Algunhas das instalacións termais conserváronse ata a actualidade e outras desapareceron debido ás vicisitudes históricas. Con todo, a súa pegada permanece na paisaxe, na arquitectura ou na memoria colectiva.

A Deputación de Pontevedra decidiu poñer en valor este patrimonio co lanzamento da Ruta das Vilas Termais, unha proposta de lecer e benestar que nos leva a percorrer sete localidades das Rías Baixas recoñecidas polas propiedades medicinais das súas augas.

Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Mondariz-Balneario, O Grove, Ponte Caldelas e Vila de Cruces forman parte desta ruta, identificada no terreo con paneis informativos dotados de QR. O seu interese transcende o turismo de saúde, xa que se configuran como destinos integrais que ofrecen cultura, natureza e gastronomía.

Caldas de Reis

As augas termais están presentes na historia desta vila desde a época dos romanos, cando era coñecida como Aquis Celenis. Antigamente, o pobo cileno e o romano asociaban as propiedades curativas das augas a un deus, neste caso a Edovio, que significa "o que quenta".

Ademais, atopáronse dúas aras votivas nas inmediacións da zona vella de Caldas de Reis. A primeira foi achada en 1798, durante a construción do Balneario Dávila, e foi utilizada como tapa de sumidoiro por non saber o gran descubrimento que supoñía. Foi redescuberta e en 1909 desapareceu. A segunda atopouse en 2009, cando se realizaba unha obra pública no muro dunha vivenda de máis de 130 anos.

Na actualidade conta cunha fonte pública de dous canos construída polo Concello en 1881, da que mana auga a uns 50 ºC. Tamén hai dous balnearios, un en cada beira do río Umia, en pleno núcleo urbano: o Balneario Acuña, unha mostra da arquitectura galega de principios do século XX, e o Balneario Dávila, que conta cun fermosísimo canaval de bambú, único no seu xénero.

Con respecto a Caldas de Reis, o nome actual ten a súa orixe no século XII, cando Dona Urraca posuía alí unha torre defensiva na que pasaba longas tempadas co seu fillo Afonso VII, rei de Galicia, León e Castela. Así pasou a denominarse Caldas de Rex e a ser vila de avoengo.

Caldas de Reis

Catoira

Antes de que Catoira se fixese famosa polas romarías viquingas que cada mes de agosto recrean a chegada e a batalla contra os nórdicos xunto ás Torres de Oeste, as súas augas posiblemente recibiron a visita dos romanos.

A vila pontevedresa contaba a principios do século XX cun afamado balneario e hotel, e explotaba as súas augas para a fabricación de xabóns e sales. A construción de pedra situábase no centro do núcleo urbano, cun modesto edificio de baños de planta baixa.

O xabón sulfuroso, feito a base das augas dos mananciais de Laxiña e Recarén, baixo a marca Torres de Oeste, alcanzou fama internacional. Os sales que comercializaban tamén tiñan como base estas augas medicinais. Estes produtos recibiron premios en Londres, Roma e Bos Aires.

A mediados de século Ricardo Dios López comprou o conxunto, que foi esgotando os seus recursos ata que pechou en 1970. O balneario tiña caducadas as licenzas e, ademais, o caudal e a salubridade da auga xa non eran idóneos. Recentes estudos constataron que este pequeno municipio á beira da desembocadura do río Ulla está asentado sobre mananciais ricos en augas termais e probablemente medicinais. Concretamente, no lugar da Lomba, localízase este manancial que emerxe desde máis de 130 metros de profundidade.

Catoira

Cuntis

O termalismo é unha actividade cotiá nesta vila desde principios do século XIX, aínda que a hipótese de que os romanos xa utilizaban as súas augas foi probada ao atoparse máis de 500 moedas de bronce no pozo da burga Lume de Deus. Algúns estudos históricos consideran que existía un centro termal, unha mansión denominada Aquae Calidae, capital do pobo cileno.

Cunha composición químico-biolóxica privilexiada, existen dezanove burgas de auga mineromedicinal que manan do subsolo a diferentes temperaturas, entre os 18 e os 59 ºC, e con variadas propiedades terapéuticas.

A comezos do século XIX creouse, grazas á filantropía de Pedro María Cisneros de Castro (coñecido tamén como II conde de Ximonde), a Casa Grande dos Castro, unha das construcións señoriais máis importantes do núcleo urbano, famosa por facilitar o uso das augas a aquelas persoas que non puidesen pagar os baños.

Na praza de Galicia crese que se erguía a desaparecida casa-torre da vila do Baño (século XV), convertida nun lavadoiro municipal onde gurgulla auga termal.

A mediados do século XIX había seis baños en Cuntis, todos eles en condicións moi precarias. En 1881 entrou en servizo o hotel balneario coñecido como Baños da Virxe que, xunto co do Castro, foron os principais establecementos da época. Na primeira metade do século XX os seis baños e as trece fontes termais de Cuntis quedaron unificados baixo una mesma dirección.

Cuntis

Mondariz-Balneario

A orixe de Mondariz-Balneario hai que situala en 1873, cando os irmáns Peinador iniciaron a explotación comercial das fontes de Gándara e Troncoso. Nese momento de crecemento, non só pola venda de auga embotellada senón tamén como lugar de saúde e lecer, inaugurouse en 1880 a Casa de Baños e en 1898 o Gran Hotel, eixe central do que foi un centro balneario punteiro durante as primeiras décadas do século XX.

Aristócratas, políticos, artistas e influentes homes de negocios dábanse cita nas tempadas de augas nesta pequena vila que tiña un importante hotel e que ofrecía aloxamento a hóspedes de toda condición económica e social. Os mellores arquitectos da época, coma Antonio Palacios e Jenaro de la Fuente, traballaron na construción dos edificios que converteron Mondariz-Balneario na vila termal por excelencia. Peculiaridades como unha moeda e un xornal propios e a súa marca no termalismo europeo deron orixe ao actual municipio, que se independizou do Concello de Mondariz en 1924. Posteriormente, Alfonso XIII distinguiuno en 1925, concedéndolle o título de "Moi Hospitalaria Vila".

Co inicio da guerra civil comezou o seu declive, que alcanzou o seu máximo co incendio que destruíu o hotel en 1973. Na década de 1990 Mondariz-Balneario rexurdiu cunha aposta audaz e moi completa en servizos termais e hostaleiros.

Mondariz-Balneario

O Grove

Esta pequena península conta cun gran patrimonio termal. Do outro lado da ponte está Illa da Toxa, un enclave paradisíaco onde se atopan augas termais e medicinais. Conta a lenda que o párroco da igrexa de San Martiño abandonou na illa deshabitada o seu burro, afectado por unha enfermidade da pel, porque non era capaz de sacrificalo. Pasado un tempo o párroco achegouse á illa para darlle sepultura ao animal e atopouno, vivo e curado, entre lodos quentes que brotaban da terra.

A illa tivo en 1842 a súa primeira instalación termal, que consistía nunhas barracas nas que se aproveitaban eses lodos termais e as augas dunha forma moi rudimentaria. En 1903 constituíuse a Sociedad Anónima de La Toja, que emprendeu a construción do Gran Hotel, deseñado polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías e inaugurado en 1907. Nos anos 20 xa era un dos mellores destinos termais de Europa, co Gran Hotel, un balneario, unha fábrica de xabóns, vilas de aluguer ás que acudía a aristocracia da época, tres hoteis e un balneario de segunda categoría para os auguistas menos acomodados. Xa nesa época contaba con todos os atractivos para gozar do tempo de lecer: un casino, un campo de tiro e lugares para practicar diversos deportes. Na actualidade dispón de dous balnearios e un talaso.

O Grove

Ponte Caldelas

O termalismo foi un dos principais eixes económicos de Ponte Caldelas desde finais do século XIX ata principios do XX. As propiedades das súas augas coñecíanse desde a antigüidade, pero o achado dun excelente manancial medicinal en 1877 deu lugar ao balneario. A calidade das súas augas medicinais fixérona famosa, porén en 1914 un incendio puxo fin a unha época dourada na vila.

Máis aló do termal, outro elemento fundamental é a ponte, construída a finais do século XVI, que no ano 1809 foi testemuña dunha batalla contra o exército do mariscal Soult. Ponte Caldelas tamén posúe excelentes recunchos, prazas e xardíns, ademais de edificios emblemáticos e casas de indianos.

Ponte Caldelas

Vila de Cruces

Conta a historia que os monxes beneditinos do mosteiro de Carboeiro xa usaban as augas mineromedicinais da Brea. A finais do século XIX chegou a fama a un pequeno recinto situado na parroquia de Merza no que se recibían máis de 400 persoas ao ano. Así, as instalacións foron mencionadas polo médico Nicolás Taboada Leal, quen falaba da súa importancia pero tamén do seu desaproveitamento. Un século despois construíuse o balneario, cuxas augas foron declaradas de utilidade pública en 1994. Este municipio está rodeado dunhas espléndidas paisaxes, regadas polos ríos Ulla e Deza, aínda que a paraxe máis impresionante é a fervenza do río Toxa, a moi pouca distancia do balneario.

Vila de Cruces