Fiestas en Rías Baixas

Termalismo

Fonte de saúde e benestar

Tradición e excelencia definen a oferta termal das Rías Baixas

“Aquí curan os estragos do pensamento e os danos da civilización”. Esta frase que Emilia Pardo Bazán lles dedicou ás augas de Mondariz nos albores do século XX podería atribuírse a calquera das tranquilas vilas de tradición termal que enriquecen a oferta turística de Pontevedra. A provincia é rica en augas mineromedicinais e conta cunha longa tradición no aproveitamento das súas propiedades curativas.

A historia das termas das Rías Baixas remóntase á época romana. Entón xa se utilizaba con fins terapéuticos a auga que manaba das burgas de Cuntis e Caldas de Reis. Foi moito despois, a mediados do século XIX, cando os baños e balnearios viviron a súa época de esplendor en Europa e os irmáns Peinador, seguindo este ronsel, iniciaron a explotación comercial das fontes da Gándara e de Troncoso en Mondariz -Balneario.

 
TermalismoTratamento relaxante
Termalismo  

As antigas casas de baños de Catoira, Ponte Caldelas ou Vila de Cruces utilizadas hai século e medio desapareceron co tempo. A tradición continúa con aires renovados en Mondariz, Illa da Toxa, Cuntis e Caldas de Reis, que souberon preservar este legado e completan hoxe o seu interese como destinos termais cunha variada oferta cultural e gastronómica e espectaculares paisaxes para pasear á tardiña.

A fama inicial das augas termais de Pontevedra procedía da súa eficacia para mitigar problemas respiratorios e o reumatismo, pero co tempo reveláronse ademais como grandes aliadas nos tratamentos de beleza, antiestrés ou de adelgazamento.

A fórmula do éxito dos balnearios das Rías Baixas radica en que souberon manter a elegancia e o espírito señorial que rodeaba as instalacións orixinais á vez que se modernizaban os edificios e se incorporaban as técnicas máis innovadoras ao coidado do corpo e da mente. Hoxe son templos de saúde e tamén de benestar.