As illas atlánticas ofrecen paisaxes incomparables e gardan unha impresionante biodiversidade, tanto en terra coma nos seus fondos. Descubre as praias, os cantís, os faros e as rutas deste territorio insular protexido que atrae visitantes de todo o mundo á provincia de Pontevedra.
Fronte á ría de Pontevedra atópase este fermoso arquipélago composto polas illas de Ons, Onza e o illote das Freitosas. Esta paraxe esconde incribles praias, covas mariñas e espectaculares cantís coma o impresionante Buraco do Inferno. Un fermoso faro custodia a illa de Ons, que conta cun pequeno núcleo rural habitado con casas mariñeiras típicas, hórreos e unha pequena igrexa en honra a San Xaquín. Existe a posibilidade de aloxarse nun dos seus establecementos ou na zona de acampada e gozar da gastronomía das Rías Baixas. No pobo podemos visitar o barrio de Caño, coas súas casas típicas mariñeiras e os seus hórreos, construcións onde se gardaban os alimentos.
Na illa hai cinco grandes praias de gran beleza natural. Na zona norte está o areal nudista de Melide, o máis grande da illa, e a continuación As Dornas . Na praia de Area dos Cans, a máis coñecida e frecuentada polas e polos bañistas, atópase a sepultura antropomorfa da Laxe do Crego, unha roca á que se pode acceder cando baixa a marea. Completan a listaxe as praias de Canexol e Pereiró. Autorización de acceso.
O sendeirismo é un dos principais atractivos deste paraíso insular das Rías Baixas. Ao norte, a punta do Centolo ofrece unhas fermosas vistas á praia da Lanzada e unha impresionante posta de sol sobre Sálvora. A ruta que ascende ata o faro leva a quen a emprende ao punto máis elevado da illa, desde onde as vistas son excepcionais. Ao sur, no miradoiro de Fedorentos, a instantánea enmarca unha fermosa vista a Onza, á entrada da ría de Pontevedra, e ao fondo, a maxestade das Cíes. O buraco do inferno é un buraco de máis de 30 m no cal se di que se oen os lamentos das almas condenadas no seu eterno estertor pagando polos seus pecados e onde, en días de grandes tempestades, o mar chega batendo as rocas.
Superficie : 2.641 hectáreas (470 terrestres e 2.171 mariñas)
Autorización de acceso
O acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas é limitado, unha medida que se implantou coa finalidade de preservar e conservar esta magnífica paraxe natural. A autorización de acceso ás illas é gratuíta e para obtela é necesario cubrir un formulario ( https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/inicio ). Posteriormente as e os visitantes deberán obter o billete nas navieiras para acceder ás illas en barco.
Como chegar?
É necesario facelo en barco; para iso existen múltiples navieiras que o fan posible desde diversos portos das Rías Baixas. Desde Vigo, Cangas, Baiona e O Grove o barco parte cara ás Cíes. Os portos de Sanxenxo, Portonovo, Bueu e Vilanova de Arousa ofrecen o itinerario cara a Ons .
Navieiras