A forza da auga nas Rías Baixas
A provincia de Pontevedra está chea de recunchos máxicos nos que a natureza mostra toda a súa forza. Convidámoste a realizar un inesquecible percorrido polas impresionantes fervenzas das Rías Baixas que sortean conxuntos de muíños centenarios, sorprendentes formacións rochosas e grandes desniveis no medio de formidables paisaxes de bosque autóctono.
Fervenza de Reboreda en Redondela
Esta experiencia é unha invitación para distanciarse do ruído cotián e conectar co máis xenuíno desta terra. Déixate sorprender por estes saltos de auga escondidos no medio dunha exuberante vexetación e que mostran a cara máis indómita e fermosa da natureza de Galicia, principalmente no outono e no inverno polo elevado caudal dos ríos.
Non hai dúas fervenzas iguais. Ao longo da provincia de Pontevedra pódense atopar fervenzas de moi diferente morfoloxía. Nalgúns casos as augas baixan mansas, caprichosas, sorteando a roca. Outras veces caen en poderosos e admirables torrentes de máis de 30 metros de altura. Pero todas elas representan un sedutor espectáculo visual e sonoro.
Tomade nota das máis fermosas e evocadoras fervenzas das Rías Baixas para poder planear a vosa próxima escapada:
Parque da Natureza do Río Barosa (Barro)
No municipio de Barro atopamos este fabuloso parque cunha magnífica fervenza salpicada por un grupo de dezasete muíños. O salto de auga finaliza 30 metros máis abaixo nunha atractiva área recreativa. A este recuncho con enorme encanto accédese a través da estrada N-550. O Parque da Natureza do Río Barosa inclúe unha ruta de sendeirismo para coñecer os muíños do leito do río Barosa. Ascende e descende por distinta marxe e permite apreciar a fervenza desde os laterais. O enclave forma parte, ademais, do Camiño Portugués cara a Compostela.
Fervenza de Fírveda (A Lama)
Na pequena aldea da Fírveda, aos pés da serra do Cando, o río Verdugo sorprende cun bonito salto de auga, duns 15 metros de alto e situado entre grandes rocas, ao que se accede a través dun estreito carreiro desde a fonte da aldea. Ademais, a fervenza está sinalizada desde as estradas PO-241 e PO-240. O río discorre aquí entre paisaxes de gran beleza. A riqueza natural é, sen dúbida, un dos principais atractivos do municipio da Lama.
Fervenza do Toxa (Silleda)
É, sen dúbida, o salto de auga máis espectacular da provincia de Pontevedra. Esta fervenza lévanos ata o norte das Rías Baixas, a Silleda, xusto antes de que o río Toxa desemboque no Deza. É famosa pola súa caída vertical de máis de 30 metros, que a converte na máis alta de Galicia. Na contorna existe, así mesmo, un miradoiro con formidables vistas cara á fervenza e o monte que a circunda. Este espazo natural forma parte do proxecto Rede Natura 2000 polo seu gran valor paisaxístico.
Fervenza de Escuadro (Silleda)
Sen saír do municipio de Silleda localizamos a fervenza de Férveda, pertencente tamén ao leito do río Toxa. Está protexida por un bosque autóctono envexable. Trátase dun enclave de alto valor paisaxístico que forma parte das Brañas de Xestoso, espazo protexido dentro da Rede Natura 2000. Existe unha ruta de sendeirismo de 8 quilómetros que parte desde a parroquia de Escuadro e que permite descubrir esta formidable contorna salpicada, tamén, por varios muíños.
Fervenzas de Casariños e Coto Grande (Fornelos de Montes)
Non moi lonxe da ría de Vigo, entrando no municipio de Fornelos de Montes, podemos internarnos nas refrescantes augas destas fervenzas. Na parroquia da Laxe atopamos as fervenzas de Casariños e Coto Grande, un lugar de excepcional beleza e moi pouco coñecido, ao que se pode acceder facilmente desde a estrada PO-9303. Os saltos de auga están separados por apenas un quilómetro de distancia entre eles e ofrecen un agradable paseo.
Fervenza de Segade (Caldas de Reis)
Esta fervenza forma parte dunha coñecida ruta de sendeirismo chamada Ruta da Auga, que comeza xunto á Carballeira de Caldas de Reis. Atópase á saída da vila en dirección A Estrada. Trátase dun conxunto de fervenzas que ofrece unha espectacular caída de auga ata unha poza que aproveitan moitos bañistas. Este paseo de baixa dificultade permite, ademais, gozar dunha das xoias do patrimonio industrial das Rías Baixas: a antiga central hidroeléctrica pechada nos anos cincuenta.
Fervenza Poza da Moura (Moaña)
É un pequeno encoro de auga no curso do río Muíños, en Moaña, e ofrece unhas espectaculares vistas sobre a ría de Vigo e a ponte de Rande. Nun breve percorrido chega a realizar un descenso de ata 500 metros de altura. A súa caída pódese ver desde diferentes lugares, incluído o corredor do Morrazo. Un dos principais atractivos deste bonito lugar son os antigos muíños restaurados e a propia poza. O seu nome evoca unha tráxica lenda de amor e dise que durante as Noites de San Xoán se pode ver a «moura» vagar pola zona.
Fervenzas de Raxoi e Pedrafita (Valga)
A próxima fervenza lévanos ata o municipio de Valga e o río do mesmo nome. Para chegar ás fervenzas terémonos que desviar desde a estrada nacional N-550 ata chegar á zona de Raxoi. Unha vez aí, pódese comezar un agradable paseo polas frondosas sendas que nos levan cara aos saltos de auga. No camiño poderemos localizar distintos muíños coñecidos como Los Molinos de Pedrafita ou Os Muíños de Parafita.
Caldeiras de Parrelos (Covelo)
Xorde do río Tea e atópase escondida nunha zona rochosa cunha gran riqueza natural incluída no proxecto Rede Natura 2000. Pertence ao municipio de Covelo, concretamente a Prado. Recentemente creouse unha ruta de acceso a pé coñecida como Camiño das Estrelas. O percorrido pasa polo muíño de Longo, a Carballeira do Rei e a ponte Abuiña, entre outros enclaves de grande interese. É unha ruta lineal duns 8 quilómetros cunha duración de, aproximadamente, tres horas.
Fervenza de Liñares (A Lama)
Na comarca de Pontevedra atopámonos con esta fervenza situada no espazo natural Serra do Suído. O río Xesta cae en picado decenas de metros ata que se une co río Parada, seguindo ambos os dous o seu curso co nome de río Oitavén. Pasando 3 quilómetros a vila de Antas, desde A Lama, chégase ata un cruzamento onde se sinaliza, por primeira vez, a fervenza. O cruzamento tómase á dereita e xa pasando os 2 quilómetros veremos outro letreiro desde o que chegaremos con facilidade.
Fervenzas das Laxes de Rebón (Moraña)
Nesta ocasión desprazámonos ata o río Gundeiro, en Moraña, para dirixirmos a unha contorna natural máis escondida que as anteriores. Non existe un acceso sinalizado, pero non é complicado chegar desde A Fontaíña, vila na que se pode comezar a camiñar. Ademais das fervenzas, o municipio posúe outros recursos naturais de interese, como os muíños das Laxes, Arxeo, varias carballeiras e os miradoiros de monte Acibal, monte Ardegán, Cerdeiras e monte Castelo.