Fiestas en Rías Baixas

Natureza

Os ríos

O suave rumor da auga

As paraxes fluviais das Rías Baixas ofrecen fantásticas rutas en plena natureza

A importancia do contorno fluvial nas Rías Baixas non só se basea na beleza das súas paisaxes. Seguir o transcurso dos seus ríos supón adentrarse en paraxes de gran riqueza biolóxica, histórica e etnolóxica. Descubrir un frondoso bosque, camiñar polas súas rutas, relaxarse nalgunha das sendas fluviais ou sentir o agradable son da auga, e gozar da beleza das fervenzas son motivos suficientes para percorrer lugares que sempre nos sorprenderán con algún tesouro por explorar.

Miño

Polo sur da provincia descende o río máis importante de Galicia, rumbo ao océano Atlántico, pasando polos municipios de Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda. Esta fronteira natural con Portugal marca a denominada raia que divide os dous países. O seu esteiro é un lugar de enorme biodiversidade e excepcional para o avistamento de aves.

Verdugo e Oitavén

Nas zonas próximas á súa orixe nas serras de O Cando e O Suído, o Verdugo é un río caudaloso e de augas turbias, pero o seu leito vaise suavizando a medida que discorre e conflúe co río Oitavén ata a súa desembocadura na ría de Vigo.

Lérez

Catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria, o río Lérez ten o seu nacemento a 900 m de altitude, na serra de O Candán (Forcarei). No seu camiño cara ao mar cruza bosques de ribeira e caducifolios autóctonos de carballos, castiñeiros, bidueiros e piñeiros. Existen tamén boas representacións ribeiregas de flora e fauna e o seu curso fluvial ten un alto potencial piscícola.

Umia

Nace na parroquia de Aciveiro (Forcarei) e discorre ao longo de 63 km, desde o interior da provincia ata a ría de Arousa, polos municipios de Forcarei , Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Barro, Vilanova de Arousa, Meis, Ribadumia e Cambados. Na súa desembocadura crea unhas marismas nas que se poden ver, segundo a estación, gran cantidade de aves migratorias.

Ulla

Un dos máis longos e caudalosos de Galicia. O seu afluente máis importante é o río Deza, que da nome a unha comarca de grande interese biolóxico con importantes xacementos de volframio, estaño e olivina.