Fiestas en Rías Baixas

Natureza

Parque Natural do Monte Aloia

Un tesouro xunto ao Miño

O parque natural ofrece unha espectacular flora, miradoiros, rutas e patrimonio

A serra do Galiñeiro , ao sur da provincia de Pontevedra, acubilla o Parque Natural do Monte Aloia, un espazo situado nunha extraordinaria atalaia de máis de 600 metros de altura no contorno de Tui, cunha panorámica espectacular sobre o río Miño. Esta área de gran beleza paisaxística converteuse no ano 1978 no primeiro Parque Natural de Galicia.

Especies autóctonas mestúranse con outras exóticas no monte Aloia. Sobreiras, cipreses, acivros, abetos e cedros do Líbano, entre outras especies, convértense nos auténticos protagonistas do lugar, acompañando no camiño a quen o visita. Patrimonio e natureza abrázanse neste fermoso enclave que posúe un recinto amurallado da época galaico-romana e unha pequena ermida dedicada a san Xián, onde se atopa unha espléndida carballeira.

Monte Aloia
Monte Aloia
Monte Aloia

Diversas rutas de sendeirismo convidan a descubrir este grande espazo natural, que alberga cinco miradoiros integrados á perfección coa paisaxe. Todos eles ofrecen unha marabillosa vista sobre o maior río de Galicia. O monte Aloia, pola súa posición estratéxica, precisamente, serviu de refuxio e defensa das diversas invasións que sufriron estas terras ao longo da historia, especialmente durante a Idade Media.

A casa forestal do parque foi reconvertida en centro de interpretación. Unha visita ao recinto é perfecta para descubrir a orixe deste fermoso lugar.

Monte Aloia
Monte Aloia
Monte Aloia