Fiestas en Rías Baixas

Natureza

As rías

Paraíso e despensa

A costa da provincia de Pontevedra conta con tres espectaculares rías salpicadas de cantís, illas, portos, montes, praias e paisaxes de ilusión que a converten nun lugar perfecto para todo tipo de visitantes.

As rías de Vigo, Pontevedra e Arousa son un contorno idílico para o descanso, con máis de medio centenar de praias con bandeira azul, e tamén a despensa mariña da provincia. Das súas augas a frota pesqueira e as e os mariscadores extraen os mellores peixes, moluscos e crustáceos do mundo, manxares de excelencia listos para degustar en tan só unhas horas nos restaurantes das Rías Baixas.

Desde navegantes transeúntes ata visitas esporádicas do interior, As Rías Baixas son xenerosas e ofrecen a quen as visita unha experiencia inesquecible.

Rías de Vigo y de PontevedraVista aérea das illas Cíes

A ría de Arousa é a máis extensa das tres e caracterízase pola presenza de numerosos illotes e arrecifes que actúan como crebaondas naturais. Nela destaca a zona situada no espazo protexido da península do Grove, na enseada que se integra no Complexo Intermareal Umia-O Grove, lugar ideal para as e os afeccionados ao birding.

Esta ría resulta propicia para o fondeo de embarcacións e é un lugar ideal para a navegación recreativa, que permite practicar todo tipo de actividades náuticas. As praias con bandeira azul salpican o seu litoral, e nas súas augas máis de 2.300 bateas, dous terzos das que hai nas Rías Baixas, producen o apreciado mexillón.

Cortegada, fronte a Vilagarcía de Arousa, forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas e conta cun excepcional bosque de loureiros. A Illa de Arousa é un contorno paradisíaco cun fermoso e salvaxe parque natural (O Carreirón) e idílicas praias.

RíasBateas en Vilanova de Arousa

A ría de Pontevedra posúe o trazado máis regular das tres. O río Lérez, que baña a capital de provincia, é o curso fluvial máis importante que verte no seu seo.

Na ría hai varias illas, entre as que destacan a de Tambo e a de Ons. Esta última forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e é un excepcional enclave natural, con fermosas praias e cantís. A ría baña a costa sur da comarca do Salnés e a norte do Morrazo, franxas de litoral salpicadas con numerosas praias con bandeira azul.

Esta ría destaca pola súa riqueza biolóxica e pola súa altísima produtividade debida á súa abundancia en nutrientes, á boa iluminación e ao movemento das súas augas.

VeleroBarco de vela na ría de Vigo

A ría de Vigo , que debe o seu nome á maior cidade de Galicia, situada na súa beira sur e cun dos portos pesqueiros máis importantes do mundo, esténdese a modo de lanza mariña, estreitándose a medida que avanza augas dentro.

A partir da ponte de Rande, desde onde pode contemplarse como flotan aliñadas as tradicionais bateas, a ría volve abrirse formando a enseada de San Simón. No estreito de Rande tivo lugar en 1702 unha das grandes batallas navais da historia, na que a armada angloholandesa derrotou a frota hispanofrancesa. O afundimento dos galeóns deu lugar a historias sobre formidables tesouros, unha lenda que recolleu Jules Verne en 20.000 leguas de viaxe submarina.

Na boca da ría, a modo de nave pétrea varada no océano, atópanse as famosas illas Cíes, unha das paisaxes máis fermosas de Galicia e buque insignia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Ría de VigoVista aérea dos montes e da ría de Vigo