Ruta de las Villas Termales
Buscador

Ruta das Vilas Termais

A provincia de Pontevedra é rica en augas minerais e termais, algo que quedou reflectido no patrimonio dos seus municipios e nunha arraigada tradición de termalismo.

Os baños e balnearios viviron en Europa unha época dourada no século XIX, que se prolongou ata principios do XX. As Rías Baixas non foron alleas a este fenómeno, e por iso contan con grandes centros de atracción de bañistas, coma Mondariz-Balneario ou A Illa da Toxa.

Algunhas das instalacións termais conserváronse ata a actualidade e outras desapareceron debido ás vicisitudes históricas. Con todo, a súa pegada permanece na paisaxe, na arquitectura ou na memoria colectiva.

A Deputación de Pontevedra decidiu poñer en valor este patrimonio co lanzamento da Ruta das Vilas Termais, unha proposta de lecer e benestar que nos leva a percorrer sete localidades das Rías Baixas recoñecidas polas propiedades medicinais das súas augas.

Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Mondariz-Balneario, O Grove, Ponte Caldelas e Vila de Cruces forman parte desta ruta, identificada no terreo con paneis informativos dotados de QR. O seu interese transcende o turismo de saúde, xa que se configuran como destinos integrais que ofrecen cultura, natureza e gastronomía.