Fiestas en Rías Baixas

Turismo Activo

Aventura en grupo nas Rías Baixas

Divírtete en kaiak, a cabalo, sobre dúas rodas ou en parques multiaventura

Un plan perfecto para divertirse ao aire libre e facer deporte en familia ou con amigas e amigos? A provincia de Pontevedra é o destino ideal. As Rías Baixas reúne unha variada oferta de actividades  que se adaptan a calquera idade e condicións. Descenso en caiac, modalidades novas coma a bicicleta de mar, rutas a cabalo ou parques multiaventura con tirolinas en frondosos arboredos permitiranvos gozar dunha estancia no medio da natureza. Só queda elixir o plan que máis vos convenza.

A historia das Rías Baixas está moi ligada ao mar, polo que sen saír da auga ou na mesma beira contades cunha ampla variedade de plans para compartir coas nenas e cos nenos da casa. Empresas especializadas en rutas en kaiak de mar ofrecen os seus servizos nas rías de Pontevedra e Vigo. Este tipo de excursións son tamén cada vez máis populares en Arousa para desprazarse ata o paradisíaco illote do Areoso ou á illa de Cortegada.

 

O enxeño agudízase e, se buscas aventuras para sacarlle o máximo partido á túa estancia na provincia, tes a opción de practicar esnórquel baixo a supervisión de profesionais ou coñecer a nova modalidade do sea bike, que che permite desprazarte pola auga enriba dunha bicicleta. Pódese recorrer a este novo medio de transporte para acceder ás praias da Illa de Arousa de forma máis sustentable que no vehículo particular.

Sobre dúas rodas

Costa e interior da provincia de Pontevedra contan con belas sendas para gozar da exuberante natureza autóctona, xa sexa cun paseo a pé ou en bicicleta. A Senda da Auga en Redondela, coas súas impresionantes vistas sobre Rande e a illa de San Simón, é unha experiencia que non debedes perder. O paseo fluvial do río Gafos ou a senda do Lérez, ambos nas inmediacións da cidade de Pontevedra, son outra boa opción de escasa dificultade.

Mountain Bike
Paseo en bici

O carril bici de Baiona ata A Guarda permitiravos facer exercicio en familia mentres gozades dos cantís da costa sur. Pero se o voso vai máis en serio, podedes dirixirvos ao Salnés, unha das zonas con máis tradición de BTT na provincia, ou buscar os percorridos da serra do Cando para bicicleta de montaña.

Multiaventura en terra

Se buscades novas experiencias en seco os parques multiaventura son a vosa mellor opción. O Ecoparque Multiaventura de Marín ofrece un amplo catálogo de actividades para todos os públicos: paseos a cabalo, rutas a pé, circuíto entre as árbores con tirolinas e muro de escalada. Todo iso nun belo contorno natural con impresionantes vistas á Ría de Pontevedra e a illa de Ons.

No municipio de Cotobade atoparedes o Ecoparque Atalaia, un centro de lecer e aventura ao aire libre para divertirse e practicar deporte en escenarios privilexiados. Admiten grupos de todas as idades. Paintball, caiac de río, balsismo, paseos e rutas a cabalo, sendeirismo e xogos de orientación faranvos gozar ao máximo.

 

Rafting

En Silleda atópase FervenzaAventura, un centro de actividades na natureza e granxa escola cuxo obxectivo é que tanto persoas adultas coma nenas e nenos aprendan a respectar os produtos da terra e os animais autóctonos mentres o pasan ben. Contan con pista de equitación, muro de escalada, tirolina, tiro con arco, aula de actividades, horto, invernadoiro e cortellos para coñecer e coidar os inquilinos da granxa, ademais dunha ampla zona deportiva.

Deporte con historia

Hai tamén opcións divulgativas que combinan o deporte coa historia e as tradicións propias da terra. Busca algunha das firmas que levan grupos en caiac coñecer o cultivo do mexillón na ría de Arousa, a visitar un muíño de mareas ou coñecer o marabilloso espazo natural do parque do Carreirón.

E xa no interior da provincia, unha alternativa inmellorable para todos os membros da familia sen saír da auga é o descenso do río Umia en caiac, unha travesía dunhas catro horas sen apenas dificultade e na que poderedes gozar de agradables paisaxes de ribeira.

Rutas a cabalo

Outra forma de explorar a natureza das Rías Baixas é ao lombo dun cabalo. Tes á túa disposición ducias de rutas que che permitirán explorar en familia algúns dos enclaves máis impresionantes da provincia e espazos naturais menos transitados coma o monte do Galiñeiro, en Vigo; os arredores da praia fluvial de Ponte Caldelas; os montes de Marín ou a senda do Verdugo, en Pontevedra.

Na zona sur das Rías Baixas tamén atoparás atractivas rutas ecuestres que combinan o contacto coa natureza co coñecemento do patrimonio local. Tes opcións para saír desde Mougás, en Oia, e visitar as coñecidas pozas de Mougás, de Loureza, ou os petróglifos e o castro da Cabeciña. En Val Miñor atoparás tamén unha escola de equitación que trata de introducir as nenas e nenos no apaixonante mundo do cabalo.

Tamén podes descubrir as marabillosas paisaxes de Vilanova de Arousa ao trote. Descubre a paisaxe da man de guías locais ou ascende ata o monte Lobeira a través dunha ruta algo máis esixente, de case tres horas de duración. Como ves, dispós de itinerarios en calquera recuncho de Pontevedra, tamén para explorar a comarca de Deza.