Unha historia monumental
O patrimonio histórico das Rías Baixas posúe un valor incalculable. Xacementos arqueolóxicos milenarios, impoñentes fortalezas e templos, que sobordan espiritualidade, eríxense sobre as montañas do interior, as cidades e a espectacular costa. Visitar a provincia de Pontevedra é a mellor forma de descubrir os segredos mellor gardados desta terra e coñecer a súa historia ata os nosos días.
O culto aos deuses, a caza e os antigos rituais permanecen presentes en petróglifos, mámoas e dolmens por toda a provincia, algúns deles únicos en Europa. Os castros, antigos poboados habitados desde a época prerromana ata os primeiros séculos do Imperio, manteñen viva a pegada do pobo galaico. Estes xacementos, situados en impresionantes paisaxes, mostran ademais que As Rías Baixas era un punto de intercambio comercial e cultural entre o Atlántico e o Mediterráneo.
Os castelos, fortalezas medievais, murallas e atalaias que protexeron a riqueza desta terra son testemuñas pétreas de batallas, loitas de poder e invasións. Personaxes da nobreza habitaron e protagonizaron diversas pasaxes nestes lugares que agora nos trasladan a aqueles tempos.
Templos, santuarios e mosteiros, que noutra época foron lugares de retiro para monxas e monxes, auténticos remansos de paz, conforman na actualidade unha auténtica paisaxe celestial que desprende espiritualidade por todos os seus poros.
Adéntrate no patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e revive a súa historia.