Beleza impoñente e silenciosa
Os mosteiros da provincia de Pontevedra conforman un patrimonio milenario enmarcado en sensacionais paisaxes. Están situados en cumes (San Lourenzo de Carboeiro); no fondo de fecundos vales (Santa María da Armenteira); en prados próximos a zonas montañosas (Santa María de Aciveiro); á beira do mar e do Camiño Portugués pola Costa (Santa María de Oia) ; en chairas elevadas sobre unha das Rías Baixas (San Xoán de Poio) ; e preto da desembocadura de caudalosos ríos e históricas cidades (San Salvador de Lérez) . Estas edificacións monumentais, que conservan intacta a súa quietude e a súa maxestade, son testemuñas mudas do paso dos séculos.
Estes templos relixiosos gardan un rico legado. Cruzar os seus muros traslada as e os viaxeiros ao pasado, a unha época de reis, de familias nobres galegas, de quietude, retiro, cultivo da terra, batallas e revoltas. Pasear polos seus recunchos devólvenos ao seu esplendor medieval e permítenos respirar parte da historia da provincia de Pontevedra.
Facer un percorrido polos mosteiros é un dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas; a súa excelente localización propicia que se complementen á perfección cun percorrido pola natureza que os rodea, por bosques autóctonos e terras de pastos, por cantís onde rompe o océano, beiras de sinuosos ríos e máxicas fervenzas, algunhas delas con suaves saltos de auga e outras torrenciais e poderosas. Un verdadeiro espectáculo para os sentidos.
Aquí contámosche a historia, arquitectura e ornamentación, lendas e referencias de diferentes autores sobre estes magníficos templos a través dun percorrido pola Ruta dos Mosteiros. Visítaos e adéntrate na maxia espiritual da provincia de Pontevedra.
San Lourenzo de Carboeiro
No nordeste da provincia de Pontevedra atópase o municipio de Silleda, polo que discorre o río Deza. No lugar de Carboeiro atópase o mosteiro homónimo, en lenta reconstrución, e, xunto ao río, a igrexa, pequena para as do seu estilo. A beleza do lugar primou á hora de elixilo. Desde o alto obsérvase o mosteiro, elevado e case abrazado por un acusado meandro do río. A súa fundación remóntase ao segundo terzo do século X.
A primeira casa permitiu albergar a primitiva comunidade de cenobitas. A construción comezou no século XI, pero será no século XII cando o mosteiro verá o seu patrimonio aumentado constantemente. Antes de chegar a Carboeiro atopamos a chamada “ponte do Demo”, onde se deron asaltos, crimes e outros delitos. Esta ponte data do século XVI e foi durante séculos a única vía de comunicación entre as vilas de Silleda e Vila de Cruces.
A igrexa ten na cabeceira un deambulatorio separado do presbiterio por unha arcada oxival no súa parte inferior, pero con arcos de medio punto por onde penetra a luz na parte superior, símbolo da graza divina para quen se achega a este interior sobrio e pétreo.
Carboeiro foi centro de explotación agraria e de control dun territorio. O mosteiro de Carboeiro foi declarado Monumento Nacional por Decreto o 3 de xuño de 1931.
Santa María de Aciveiro
Nas alturas que conducen á serra de O Candán, ao oeste do Deza, atópase o mosteiro de Aciveiro, no municipio de Forcarei. Hoxe totalmente reconstruído para servir de hospedería con dous fermosos e sinxelos xardíns, e a igrexa, sobresaliente, cos seus muros e contrafortes.
A paisaxe está dominado polo verdor. Os acivros que existiron hai séculos quizá foron a orixe do nome do lugar. As neves invernais cobren estas alturas con certa frecuencia, o que permitiu aos monxes percibir rendas polo aproveitamento das neveiras que se atopaban na súa xurisdición. Estas estruturas atopábanse nos lugares de Fixó, Millerada e Forcarei.
Unha inscrición nun dos muros da igrexa indica o ano da súa fundación, 1135, o que nos sitúa de novo na centuria da expansión en Galicia da orde beneditina, as doazóns reais e o auxe do monacato. Como noutros casos, algúns dos abades de Aciveiro foron membros da nobreza galega de cada momento. As e os visitantes poden combinar a natureza coa arte e a historia coa lenda.
O mosteiro de Santa María de Aciveiro foi declarado Monumento Nacional por Decreto o 3 xuño de 1931. Ademais pertence á Rede Europea de Abadías e Sitios Cistercienses e é socio de ACIGAL (Asociación de Mosteiros do Císter de Galicia).
Santa María de Armenteira
O Mosteiro da Armenteira, de monxas bernardas, atópase nun val fecundo no municipio de Meis. O rei leonés Fernando II dotou o mosteiro con varias propiedades. Nas súas orixes o mosteiro tamén foi dotado pola familia Froilaz. A comunidade de monxes deste mosteiro tivo que abandonalo en 1837. A reconstrución desta edificación ten a súa orixe nunha idea de Carlos Vale-Inclán, motivado pola obra do seu pai Aromas de leyenda: versos en loor de un santo ermitaño.
E non podía faltar a lenda asociada a este mosteiro, da cal é protagonista un nobre de nome Ero, que viviu no século XII e que aparece citado nas cantigas de Alfonso X. O soño que tiveron Ero e a súa esposa mentres durmían: non tendo fillos, a Virxe María aseguroulles que os terían e en abundancia. Aos poucos días decidiron fundar dous mosteiros, un para mulleres e outro para homes. A cantiga do rei Alfonso X recolle a lenda do soño matrimonial e agrándao; pois fai que Ero, cansado en certa ocasión mentres paseaba polas súas posesións rurais, se botase baixo unha árbore para durmir un intre… Este intre converteuse nun soño longuísimo que durou 300 anos, de forma que cando espertou atopouse cun fermoso mosteiro construído que el pretendera.
O mosteiro da Armenteira foi un importante impulsor do cultivo da vide. De novo, un exemplo de centro espiritual que se converte en emporio económico dunha comarca ou rexión máis ou menos extensa. A igrexa que se conserva ten unha fachada do máis puro estilo románico. No interior atopamos tres naves; a central está formada por arcos apuntados que sosteñen a bóveda, mentres que nas laterais temos arcos faixóns de medio punto.
O claustro está pechado por bóvedas nervadas e decoradas con claves. O Mosteiro de Santa María da Armenteira foi declarado Monumento Nacional por decreto o 3 de xuño de 1931.
San Xoán de Poio
Nunha especie de “poio” ou chaira no alto sobre a ría de Pontevedra atópase o mosteiro de San Xoán de Poio que, desde finais do século XIX, foi ocupado por monxes mercedarios, aínda que na súa fundación foi un mosteiro beneditino. O testemuño escrito máis antigo da existencia do mosteiro de Poio é do século X (ano 942). No século XVIII o pai Sarmiento, tras subir nunha ocasión ao monte Castrove, deixou escrito: “en todo cando andei de mariña, desde O Ferrol ata A Guarda e Tui, non atopei punto de visión máis fermoso, que este sitio de Castrove… Vese todo o mellor de Galicia.”
En 1890 os monxes mercedarios trasladáronse ao mosteiro de Poio, que se atopaba en moi mal estado como consecuencia do abandono que sufría desde a década de 1830. Nas dependencias monacais impartíronse clases, recuperouse a biblioteca, reformouse a igrexa e o 24 de setembro de 1959 iniciáronse as obras para a construción do novo edificio. O obxectivo era establecer un seminario maior, aínda que ao final se optou por destinalo a hospedería.
A fachada da igrexa é unha mostra do estilo barroco e está composta por tres corpos. O interior está cuberto por unha gran bóveda de canón terminada en 1708. Na capela do Cristo consérvase o sartego de santa Trahamunda do século VI. O retablo maior é unha obra barroca do século XVII con columnas salomónicas, abundancia ornamental e imaxes de santos, entre as que destacan a da Virxe da Mercé e a de san Xoán Bautista. Pero hai unha xoia coa que non conta ningún outro mosteiro de Galicia: a súa biblioteca.
No claustro do Cruceiro ou dos Laranxeiros atópase o monumental mosaico do Camiño de Santiago, deseñado polo artista checo Antoine Machourek (1913-1991). Mide 80 metros de longo e 2,5 metros de alto (200 m2). O mosteiro foi declarado Monumento Nacional o 13 de agosto de 1971.
San Salvador de Lérez
Preto da desembocadura do río Lérez, en Pontevedra, levántase este mosteiro, que ten como particularidade unha galería con dobre arcada acaroada a un dos muros da igrexa. Segue sendo destino cada o 21 de marzo dunha romaría en recordo da fama milagreira de san Benito. Sobre o ano da súa fundación existe controversia, pois, mentres o pai Yepes fala de finais do século IX, o pai Flórez atrásaa a principios do X.
Entre os abades non son poucos os que destacaron por ser despois bispos en diversos destinos; no caso concreto de Lérez, durante o mandato de frei Benito Gesto construíuse o retablo do altar maior da igrexa. A cor dourada contribúe á magnificencia deste retablo, que, como outros dos séculos do barroco, tenta mostrar o poder da Igrexa sobre o mundo infiel e protestante. Este retablo, no que se atopa a imaxe de san Benito e cuxa obra sitúan algúns a principios do século XVI, e outros, considéranse parte da grande obra artesá e artística que se levou a cabo neste mosteiro.
Existe unha pequena capela dedicada a san Benito anterior á igrexa monástica, que estivo en obras entre os séculos XVII e XVIII. O patio, parte do claustro e a escaleira principal son do século XVI, segundo a obra El monasteiro de Lérez y su Colegio de Artes, de Crisanto Rial López. Tamén se conservan na actualidade o refectorio, a cociña, a sala capitular, a biblioteca e parte das celas. Ante a imaxe de san Benito arde constantemente unha lámpada especial que contén o aceite milagroso do santo.
A fachada da igrexa é sobria, o que fai pensar máis no estilo neoclásico que no barroco, e sobre a porta atópase a imaxe de san Benito nunha fornela. O mosteiro foi declarado Monumento Nacional o 21 de xuño de 1946.
Santa María de Oia
Cando as rías galegas van quedando ao norte e a costa rectilínea se parece máis á portuguesa, atopamos o municipio de Oia, co seu mosteiro ao bordo do mar, protagonista dalgúns acontecementos de defensa contra a piratería atlántica. Este lugar parece ser elixido polos monxes como antítese da placidez; máis ben como metáfora da furia divina ante o pecado, representada nas xigantescas ondas.
Algunhas fontes fan referencia á fundación do mosteiro de Oia a principios do século X. As épocas de bonanza económica sucedéronse ás de crises, consecuencia do decaemento do comercio debido ás guerras con Portugal, século XVII, ás malas colleitas ou á mala administración, coincidindo xeralmente cos mandatos curtos dos abades, que se concentraron entre finais do século XVIII e principios do XIX, pouco antes da desamortización e desaloxo dos monxes.
A principios do século XX, co fin da monarquía portuguesa e a expulsión dos xesuítas de Portugal, estes fixéronse co mosteiro e fundaron alí un colexio. Durante a II República española considerouse que os xesuítas foron expulsados. O interior do templo é dunha solidez extraordinaria, destacando as bóvedas con nervaduras que forman ricas filigranas decorativas.
Un dos claustros do mosteiro é unha obra mestra de cantería, con arcos de medio punto que permiten asomarse ao patio central e bóvedas nervadas que arrincan de elegantes ménsulas. Hoxe o mosteiro e as súas dependencias son propiedade privada. O mosteiro foi declarado Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931.