Fiestas en Rías Baixas

Patrimonio

Fortalezas

Gardiáns de pedra

Fermosos castelos, murallas e torres foron testemuñas de mil batallas

Paisaxe e historia mestúranse en perfecta harmonía na provincia de Pontevedra a través do seu rico patrimonio fortificado de castelos, fortalezas, murallas e torres. Testemuñan un pasado de batallas, invasións, feudos, revoltas e loitas de poder en Galicia e os demais reinos de España e Portugal durante o medievo. A ruta polas Rías Baixas depara apaixonantes relatos esculpidos sobre estes recintos situados en contornas idílicos.

O castelo de Soutomaior, centro de poder de gran relevancia en España e Portugal na época medieval, desde onde señoreou Pedro Madruga no século XV, álzase impoñente ao fondo da ría de Vigo, rodeado por un Xardín de Excelencia Internacional. O de Sobroso, no que foi asediada a raíña Dona Urraca, domina a área entre Mondariz e Ponteareas. Ambos representan as xoias da coroa do patrimonio fortificado da provincia e nunca deben faltar nunha visita ás Rías Baixas.

Castillo de SoutomaiorCastelo de Soutomaior

As robustas e monumentais fortalezas son outros grandes atractivos deste destino. Eríxense en paisaxes asombrosas, coma a do monte Boi, cos seus tres quilómetros de murallas, custodiando Baiona, un referente turístico internacional. Ou as de Salvaterra de Miño, Goián (Tomiño) e Santa Cruz (A Guarda), defendendo outrora o territorio á beira do río Miño. E a do Castro en Vigo, cuxas murallas están hoxe rodeadas por un apracible bosque, e que regala, desde a súa cima, impresionantes vistas á ría e as illas Cíes.

Castillo de Monterreal baionaFortaleza de Monterreal (Baiona)
Conjunto histórico VigoFortaleza do Castro (Vigo)
Torres del Oeste CatoiraTorres de Oeste (Catoira)

As torres da provincia son orgullosos vestixios dunha época de desembarcos e invasións. Na Lanzada (Sanxenxo) e San Sadurniño (Cambados) levántanse en extraordinarias paraxes costeiras. Do mesmo sistema defensivo formaban parte as Torres de Oeste, en Catoira, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. Alí arribaban os viquingos para asaltar Compostela e levar os seus tesouros.