Ruta de los monasterios
Buscador

San Lourenzo de Carboeiro

No nordeste da provincia de Pontevedra atópase o municipio de Silleda, polo que discorre o río Deza. No lugar de Carboeiro atópase o mosteiro homónimo, en lenta reconstrución, e, xunto ao río, a igrexa, pequena para as do seu estilo. O lugar é fragoso e o rumor das augas define a paisaxe.

A beleza do lugar primou á hora de elixilo. Desde o alto obsérvase o mosteiro, elevado e case abrazado por un acusado meandro do río. A súa fundación remóntase ao segundo terzo do século X, nun lugar que era propiedade dun nobre da época.

A primeira casa permitiu albergar a primitiva comunidade de cenobitas. A construción comezou no século XI, momento moi propicio porque estaba tamén en obras a catedral románica de Santiago de Compostela, que influiría en Carboeiro, pero será no século XII cando o mosteiro verá o seu patrimonio aumentado constantemente. A construción da igrexa actual, exemplo de proporcionalidade, comezou nas últimas décadas do século XII, cando xa estaban en pleno auxe as peregrinacións a Santiago de Compostela.

Antes de chegar a Carboeiro atopamos a chamada “ponte do Demo”, onde se deron asaltos, crimes e outros delitos. Esta ponte data do século XVI e foi durante séculos a única vía de comunicación entre as vilas de Silleda e Vila de Cruces.

San Lorenzo de CarboeiroVista aérea do mosteiro
San Lorenzo de CarboeiroSan Lourenzo de Carboeiro. Ilustración de Chema Fernández Román

A igrexa, de tres naves que se adiviñan xa na fachada occidental, ten na cabeceira un deambulatorio separado do presbiterio por unha arcada oxival no súa parte inferior, pero con arcos de medio punto por onde penetra a luz na parte superior, símbolo da graza divina para quen se achega a este interior sobrio e pétreo, como todas as obras románicas.

No cruceiro ábrense óculos, flanqueados ao exterior por contrafortes labrados en granito do país, e unha porta con dobre arquivolta ábrese na fachada sur, onde tamén o muro refórzase con contrafortes. No exterior, na cabeceira, un impoñente muro curvo permite levantar as absidiolas. Ao norte atopábanse as celas dos monxes e as demais dependencias monásticas.

Lonxe quedan Exica e os condes Gonzalo e Teresa, posibles fundadores do mosteiro, lonxe o recordo do enterramento de Gonzalo no mosteiro de Camanzo, quizá tamén fundación súa, no lugar do mesmo nome, municipio de Vila de Cruces. A mediados do século X consagrouse a igrexa, o que non quere dicir que estivese concluída (e en todo caso non se trata da actual), pois adoitaba empezarse pola cabeceira (presbiterio) para que se puidese oficiar a misa.

San Lorenzo de CarboeiroFachada da igrexa
San Lorenzo de CarboeiroNave principal

No mosteiro cobráronse rendas, rezouse, entoáronse cánticos, lidáronse preitos, pecouse e tentouse gañar o ceo. Carboeiro, como outros mosteiros, foi centro de explotación agraria e de control dun territorio que, en parte, foise configurando de aldeas, casaríos e vilas.

E unha vez aquí por que non achegarse á catarata do Toxa, entre os municipios de Vila de Cruces e Silleda? Así poderemos combinar a obra humana e a natureza, nunha excursión cultural e ecolóxica fermosa.

O mosteiro de Carboeiro foi declarado Monumento Nacional por Decreto o 3 de xuño de 1931.