Ruta de los monasterios
Buscador

San Xoán de Poio

San Xoán de PoioPrimitivo mosteiro de Poio. Chema Fernández Román

Nunha especie de “poio” ou chaira no alto sobre a ría de Pontevedra atópase o mosteiro de San Xoán de Poio que, desde finais do século XIX, foi ocupado por monxes mercedarios, dedicados desde antigo á redención de reos; aínda que na súa fundación foi un mosteiro beneditino.

O testemuño escrito máis antigo da existencia do mosteiro de Poio, que máis tarde alcanzaría importancia económica e cultural, é do século X (ano 942). Primeiro foi un humilde cenobio, pero foi reformado a finais do século XV e pasou a depender do de San Benito de Valladolid.

Antigamente a poboación de Poio non se asentaba na liña costeira, coma hoxe, senón na vertente sur da pendente que cae cara á costa, onde as terras agrícolas eran máis apropiadas para o cultivo. No século XVIII o pai Sarmiento, tras subir nunha ocasión ao monte Castrove, deixou escrito: “en todo cando andei de mariña, desde O Ferrol ata A Guarda e Tui, non atopei punto de visión máis fermoso, que este sitio de Castrove… Vese todo o mellor de Galicia.

En 1881, mentres se restaura a provincia mercedaria de Castela, na cal está incluída Galicia, autorízase o restablecemento dos monxes mercedarios en Conxo (Santiago de Compostela). Como a instalación nesta localidade resultou ser insuficiente, en 1890 os monxes mercedarios trasladáronse ao mosteiro de Poio, que se atopaba en moi mal estado como consecuencia do abandono que sufría desde a década de 1830, momento no que foron exclaustrados os monxes beneditinos.

San Xoán de PoioFachada da igrexa
San Xoán de PoioVista aérea

A restauración supuxo un gran esforzo para os monxes mercedarios, que compartiron o edificio cunha fábrica de chocolate ata o ano 1934. Nas dependencias monacais impartíronse clases, recuperouse a biblioteca, reformouse a igrexa e o 24 de setembro de 1959 iniciáronse as obras para a construción do novo edificio. O obxectivo era establecer un seminario maior, aínda que ao final se optou por destinalo a hospedería, con 223 habitacións.

A fachada da igrexa é unha mostra do estilo barroco e está composta por tres corpos; o inferior con dúas columnas de orde xigante sobre grosos zócalos, as cales continúan no corpo central, e o corpo superior, que está formado polas torres, que presentan un maior barroquismo que o conxunto da fachada.

O interior da igrexa está cuberto por unha gran bóveda de canón con lunetos terminada en 1708. Na capela do Cristo consérvase o sartego de santa Trahamunda, do século VI, da que se di que viaxou a Terra Santa en peregrinación, o cal ten máis de lenda que de historia.

San Xoán de PoioSala expositora
San Xoán de PoioSala expositora

O retablo maior é unha obra barroca do século XVII con columnas salomónicas, abundancia ornamental e imaxes de santos, entre as que destacan a da Virxe da Mercé e a de san Xoán Bautista. A capela do Cristo é de estilo gótico tardío (s. XVI) e consta dun retablo con escenas da paixón de Cristo e imaxes de santa Trahamunda coa súa palmeira, alusión á súa viaxe a Terra Santa.

Pero hai unha xoia coa que non conta ningún outro mosteiro de Galicia: a súa biblioteca. Os seus fondos, que se catalogaron durante os últimos anos, son de historia, moral, economía, biblias, xenealoxías, viaxes, ordenanzas, dicionarios, arte, etc. A visita a esta biblioteca remóntanos a outra época, coas súas arcadas antigas e o seu ambiente sobrio e sereno. A sensación de recollemento estarrece.

San Xoán de PoioClaustro
San Xoán de PoioClaustro

Na galería do claustro do Cruceiro ou dos Laranxeiros atópase o monumental mosaico do Camiño de Santiago, desde París a Santiago de Compostela, deseñado polo artista checo Antoine Machourek (1913-1991) fundador da Escola de Mosaicos do mosteiro. Mide 80 metros de longo e 2,5 metros de alto (200 m2) en tres tramos.

O mosteiro de Poio albergou entre as súas paredes a primeira Escola de Canteiros de Galicia, que naceu o 15 de xaneiro de 1979 por iniciativa do entón ministro de cultura, o pontevedrés Pío Cabanillas, nunhas instalacións que foron cedidas gratuitamente polos pais mercedarios, ata que en outubro do ano 2000 se trasladou á actual sede en Boa Vista (A Caeira).

O mosteiro de San Xoán de Poio foi declarado Monumento Nacional por Decreto o 13 de agosto de 1971.