Unha cunca de viño nos "furanchos" de Moaña
O barrio histórico de Moaña, ao contrario do que ocorre na maioría das vilas e cidades, está fóra do centro urbano. O centro sitúase á beira do mar, como en todas as vilas pesqueiras das rías galegas que creceron ao redor da intensa actividade dos portos, pero a orixe deste dinámico municipio da comarca do Morrazo atópase na parte alta, concretamente na parroquia de San Martiño.
Alí atopamos unha fermosa igrexa románica do século XII e un barrio, o do Cruceiro, no que se mesturan casas centenarias con outras edificadas nas últimas décadas. Ese é o escenario da gran festa na que os furanchos son o punto de encontro de miles de persoas.
Os baixos das antigas casas do barrio convértense durante uns días en tabernas nas que compartir unha cunca de branco ou tinto e degustar castañas, empanada ou tortilla entre amigos
Cada 11 de novembro os moañeses soben á festa de San Martiño, onde acoden tamén centos de persoas chegadas doutros puntos do Morrazo e do resto de Galicia. Os baixos das antigas vivendas convértense en furanchos, cheos ata a bandeira e cun bulicioso ambiente, nos que grupos de amigos comparten cuncas de viño caseiro acompañadas de produtos típicos galegos.
Gaitas, pandeiretas, bombos e pandeiros soan nas tascas, onde os músicos improvisan muiñeiras –o baile tradicional galego– e outras pezas musicais.
A festa de San Martiño arrinca o 9 de novembro e esténdese, case sen descanso, desde a mañá ata altas horas da madrugada durante as catro xornadas seguintes. Xunto aos furanchos móntanse na contorna da igrexa grandes carpas con mostradores para servir tamén viño, empanada, tortilla e distintos pratos con carne de porco. En conxunto, o público pode visitar ata vinte tabernas entre vivendas e instalacións ao aire libre. O barrio do Cruceiro convértese nun enorme e multitudinario recinto festivo.
A procesión do día 11, festividade de San Martiño, representa o punto álxido da festa. A imaxe do santo é portada desde o templo xunto coa figura da Virxe do Carme, a única de España elaborada cun tronco de carballo dunha soa peza. Centos de persoas abarrotan os laterais da rúa ata o cruceiro que dá nome ao barrio, e desde alí a comitiva volve á igrexa parroquial.
Grupos de música tradicional, bandas e charangas animan o ambiente, e a programación inclúe xogos e outras actividades lúdicas. A verbena nocturna, coa actuación de grandes orquestras de Galicia, atrae tamén a miles de persoas a esta festa na que se rende devoción a San Martiño e ao viño elaborado na casa.
E para completar o día…
Moaña ofrece numerosos lugares de interese para completar a xornada durante as festas de San Martiño, ademais dunha ampla oferta de locais de hostalería de calidade.
Para unha primeira impresión de toda a contorna, un dos mellores lugares é o miradoiro da Fraga. Desde alí gozaredes dunha marabillosa panorámica do municipio e da ría, salpicada de bateas, coa cidade de Vigo en fronte. No centro urbano aconsellámosvos dar un tranquilo paseo pola fronte marítima (a Alameda de Moaña) e gozar de monumentais esculturas coma a do Fisgón. Ademais, se ides con nenos, este espazo dispón dun parque infantil moi ben equipado. Desde alí podedes camiñar sempre á beira do mar ata a praia do Con, de bandeira azul.
O areal de maiores dimensións de Moaña é A Xunqueira, cun sistema dunar recuperado, un paseo de madeira e unha ampla zona axardinada con árbores de gran porte. Se seguides camiñando desde alí en dirección oposta ao centro urbano chegaredes a Samertolameu, tamén cun estupendo parque no que pasar un momento de lecer.