Fiestas en Rías Baixas

Natureza

Humedales e aves

O escenario ideal para avistar aves

As Rías Baixas posúen espazos de gran riqueza natural ideais para o birding

A provincia de Pontevedra ofrece enclaves naturais únicos, tanto na costa como no interior, para gozar da afección á ornitoloxía. As zonas húmidas son un dos principais ecosistemas acuáticos das Rías Baixas e acollen numerosas especies de aves. De norte a sur e de leste a oeste, este destino é un paraíso para o birding.

Complexo Intermareal Umia-O Grove

Un dos grandes espazos das Rías Baixas e do noroeste peninsular para o avistamento de aves é o Complexo Intermareal Umia-O Grove, integrado na lista de zonas húmidas de Importancia Internacional do Convenio Ramsar. Esta paraxe de extraordinaria beleza e enorme riqueza biolóxica esténdese por todo o esteiro do río Umia, desde a península do Grove ata Cambados. Aquí atópanse as salinas das que toma o seu nome a comarca do Salnés.

Este espazo é un dos mellores lugares de España para a observación de aves acuáticas invernantes , tanto pola diversidade como pola cantidade, xa que máis de 18.000 pasan os meses fríos nas súas augas. Tamén son importantes as aves limícolas, ademais de distintas especies de patos, garzas, carráns, mobellas ou corvos mariños, procedentes do norte de Europa. Este lugar conta coa única lagoa litoral das Rías Baixas, A Bodeira. Integrado tamén neste complexo atópase o Parque Natural do Carreirón, na Illa de Arousa.

Esteiro do río Miño

O esteiro do Miño é unha extensa zona húmida con gran valor ecolóxico na fronteira con Portugal. Adentrarse na comarca do Baixo Miño supón gozar non só da contemplación de aves senón tamén da beleza da paisaxe.

Durante a estación invernal estas marismas acollen miles de exemplares. Neste formidable contorno rexistráronse ata 200 variedades de aves, entre as que destacan as migratorias e limícolas coma os mazaricos, os pilros ou as avefrías. Tamén se poden avistar patos e garzas; aves mariñas coma os pentumeiros; ou rapaces, coma a gatafornela ou o aguia pescadora.

Sistema fluvial Ulla-Deza

O río Deza nace na parroquia de Zobra (Lalín) e segue o seu curso ata fundirse co Ulla na de Gres (Vila de Cruces). O leito discorre polo interior da provincia de Pontevedra ata a súa desembocadura na ría de Arousa, na localidade de Catoira. No traxecto é posible gozar de fermosas fervenzas, prados, sendas, monumentos e varios pazos.

No sistema fluvial Ulla-Deza destaca a presenza de múltiples especies de aves. O merlo rieiro, o picapeixe, a lavandeira real ou a garza real son algunhas delas. Nas proximidades da unión do río Toxa co Deza, no contorno da espectacular fervenza do Toxa, atópanse niños de falcón peregrino.

Brañas de Xestoso

Situadas no corazón da provincia de Pontevedra, entre as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Deza, as Brañas de Xestoso constitúen a mellor representación galega de turbeiras acedas de esfagno, un hábitat extraordinariamente singular e fráxil. A excepcionalidade desta zona húmida formada por prados, matogueiras e turbeiras, na súa maior parte xunto á lagoa Sacra de Olives, reside na existencia de diversas especies coma unha pequena poboación de sisón, ave característica de hábitats esteparios.

Esta reserva natural acolle especies coma as escribentas amarelas e riscadas, as lavercas, os tordos, os charlos ou os trigueróns; aves rapaces coma a gatafornela ou a tartaraña cincenta, a aguia cobreira ou o miñato abelleiro, ademais doutras migratorias procedentes do continente africano. Tamén se poden ver o bufo real e a aguia real, en perigo de extinción.

Marismas de Alba

Esta paraxe, tamén coñecida como Xunqueira do Lérez, por estar situada á beira deste río, atópase nunha zona urbana ao fondo da ría de Pontevedra ao que se pode acceder camiñando desde a cidade. Nas súas zonas húmidas áchanse importantes colonias de especies acuáticas coma o picapeixe, o corvo mariño negro, a garza real ou o bilurico das rochas.

Este enclave natural próximo a Pontevedra é ideal para gozar da ornitoloxía e facer sendeirismo. A desembocadura do Lérez na ría de Pontevedra crea, ademais, un interesante espazo intermareal entre a praia de Lourido e a localidade mariñeira de Combarro . Este lugar atrae unha gran diversidade de aves limícolas, coma o pilro; mariñas, coma o corvo mariño grande; ou ardeidos, coma a garza real.

Enseada de San Simón

Situada ao fondo da ría de Vigo, na desembocadura do río Verdugo, sitúase a enseada de San Simón, un emprazamento ideal para a contemplación de aves durante o inverno. Alí podemos atopar a illa de San Simón, que forma parte do arquipélago homónimo.

A pesar da súa pequena superficie representa un espazo intermareal de gran valor ecolóxico. As chairas de area que quedan ao descuberto cando baixa a marea descobren unha paisaxe cuberta co verde manto das algas. Durante a estación fría miles de anátidos e limícolas sobrevoan a reserva durante a migración.

Esteiro da Foz da Ramallosa

No sur das Rías Baixas, entre Baiona e Nigrán, o esteiro do río Miñor queda pechado case ao completo pola praia da Ladeira. Aquí fórmanse as marismas da Foz, nas que conflúen coas mareas, ademais do Miñor, os regatos Groba e Belesar, un refuxio excelente para unha gran variedade de aves.

Durante o inverno e nos pasos migratorios sobrevoan a zona tanto aves acuáticas e mariñas, como rapaces e especies palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas coma os mazaricos, os pilros ou as avefrías europeas; diversos patos, garzas e mergullóns; aves mariñas coma os corvos mariños e as gaivotas, ademais de rapaces coma a tartaraña das xunqueiras ou a aguia pescadora.

Gándaras de Budiño

O Espazo Natural das Gándaras de Budiño, no Porriño, foise desenvolvendo polas estacionais crecidas do río Louro. Este enclave natural do sur da provincia de Pontevedra é unha zona de turbeiras, lagoas estacionais e permanentes e prados asolagados, ademais dunha das mellores representacións de bosque de ribeira de Galicia.

Esta zona húmida acolle ata 27 variedades de aves protexidas, ademais de ser un lugar de parada de especies acuáticas entre as que se poden observar cercetas, lavanco, rascones, garzas reais ou mergullóns.