Abrazada polo Miño e o Atlántico
Abrazada polo río Miño e o océano Atlántico, o seu centro de vida e lecer vira ao redor do porto, entre o bulicio dos barcos e as e os veciños e visitantes que os despiden cando saen faenar.
A influencia mariñeira percíbese en calquera recuncho da localidade, dando un paseo polas súas estreitas rúas empedradas e fermosas prazas, e nas súas construcións tipicamente mariñeiras. O seu emprazamento estratéxico fusiona paisaxes de litoral, río e montaña que rodean a vila de abundantes recursos naturais. Na Guarda dábanse as condicións perfectas para o establecemento dunha dinámica poboación.
A xoia da coroa da rexión é o monte Trega, que emerxe entre o océano Atlántico e o río Miño coma unha perfecta atalaia
A nivel arquitectónico destaca a colorida fachada marítima, que forma parte do seu centro histórico e é unha das estampas máis recoñecibles das Rías Baixas. Trátase dun conxunto de vivendas baixas de múltiples cores integrado no barrio da Mariña, cuxas edificacións son das máis antigas da vila.
A xoia da coroa da rexión é o monte Trega, que emerxe entre o océano Atlántico e o río Miño coma unha perfecta atalaia. Ofrécenos unhas impresionantes vistas sobre o esteiro, a fronteira portuguesa e o centro histórico guardés.
Mantendo a tradición das vilas mariñeiras de Galicia, A Guarda é coñecida tamén polas súas multitudinarias festas populares, entre as que sobresaen a Festa do Monte, a Festa da Lagosta -o seu prato por excelencia- e a Festa do Roscón de Xema, que é unha das sobremesas típicas da gastronomía do sur de Pontevedra.