Unha vila esculpida en granito
Falamos dunha vila esculpida en granito, santuario para a nobreza e berce do apreciado viño albariño, un dos sinais de identidade da provincia de Pontevedra.
Cambados nace da fusión de tres vilas históricas: Fefiñáns, cun marcado carácter nobre e histórico, onde os pazos cobran vida; Cambados, coas súas fermosas prazas e rúas empedradas; e Santo Tomé, de carácter eminentemente mariñeiro.
Aquí situábase o antigo porto pesqueiro, que hoxe é refuxio para as embarcacións de pesca artesanal
Unha camiñada polo paseo de Cambados levarate ata a torre de San Sadurniño, no illote da Figueira. Desde esta zona é frecuente ver ás mariscadoras recoller as ameixas que despois as poden degustar nas ducias de tabernas tradicionais que atoparás no seu centro histórico. As súas veciñas e veciños son tamén uns mestres cociñando vieiras.
A diferenza do centro, con construcións máis nobres, a presenza de rúas irregulares e estreitas indícanos con claridade a entrada do barrio de Santo Tomé, que nos mostra as típicas vivendas de tipoloxía mariñeira: casas recubertas de cunchas, balcóns e galerías convertidas en auténticos miradoiros cara á ría de Arousa. Aquí situábase o antigo porto pesqueiro, que hoxe é refuxio para as embarcacións de pesca artesanal.