Fiestas en Rías Baixas

Natureza

Aves desde a casa

Cuns prismáticos, un anaco de ceo e afinando o oído podemos gozar de moitas das aves que se moven ao noso redor completamente absortas nas súas actividades primaverais

A pouca actividade humana, o escaso ruído que xeramos durante o encerro e o inicio da primavera permitirannos gozar da natureza sen saír da casa. Turismo Rías Baixas e SEO BirdLife propóñenche aprender máis sobre ela e, en concreto, sobre o mundo das aves. Só tes que abrir a túa xanela, observar e escoitar atentamente. Guiámoste para que as identifiques e aprendas mentres tomas notas no teu caderno de campo.

As aves, sempre despreocupadas e contentas, pódennos achegar a nova estación e facernos máis felices, xa sexa cando as observamos ou cando escoitamos os seus rechouchíos, sobre todo nestas datas de frenética actividade e cantos, pois precisan atraer as femias para emparellarse ou marcar o seu territorio.

Desde a nosa xanela podemos ver e oír as aves urbanas que viven nas nosas vilas e cidades e que achegan grandes beneficios: consomen ao ano millóns de moscas e mosquitos, son bioindicadoras de calidade de vida e contaxian optimismo. Un estudo universitario do ano 2017 apunta que aquelas persoas que viven en veciñanzas con abundante fauna e vexetación son menos propensas a sufrir depresión e estrés. A observación de aves transmite calma e tranquilidade, o que demostra que a nosa conexión coa natureza xoga un papel importante no noso benestar mental.

Plaza de Abastos

Gran variedade. Pardais comúns, rulas turcas, gaivotas de patas amarelas, pombos torcaces, merlos comúns, paporrubios comúns, lavandeiras brancas, estorniños negros e unha infinidade de paxariños conviven connosco todo o ano aínda que apenas lles prestemos atención.

Ademais, co cambio de estación poderemos gozar de aves migradoras procedentes da afastada África, coma as recentemente chegadas andoriñas comúns, que anuncian a primavera, ou os intrépidos cirrios comúns, que no mes de abril se pousarán nos nosos edificios e nos alegrarán cos seus reclamos e acrobacias aéreas nas rúas e prazas.

Agora que tes a oportunidade de facelo, desde Turismo Rías Baixas e SEO BirdLife animámoste a rexistrar todas as especies que observes nun pequeno caderno de campo ou mediante aplicacións electrónicas creadas para este fin, coma a plataforma de ciencia cidadá eBird ou as redes sociais, onde cada día se verte información relacionada. Podes compartir as túas citas con #AvesDesdeCasa

Guía útil para principiantes

- Durante uns minutos sae ao balcón ou á xanela para observar e escoitar atentamente as aves que nos rodean e que nos axudan a sentírmonos máis felices

- Se temos prismáticos ou cámara de fotos, mellor; se non, a simple vista tamén é posible

- O momento ideal para avistar aves é pola mañá ou ao solpor

- Nun pequeno caderno ou a través dalgunha aplicación para móbil crearemos un caderno de campo, no que anotaremos as observacións diarias

Cómo elaborar un caderno de campo

No caderno anotaremos:

- Data de observación: día, mes e ano

- Lugar de observación: rúa, municipio e provincia onde se produciu o avistamento

- Hora de observación: a hora de comezo e fin da observación

- Condicións meteorolóxicas no momento do avistamento (opcional)

- Aves identificadas: nome común da ave e número de exemplares vistos ou oídos

- Se temos nenos mesmo podemos animalos a debuxar a ave que visen

Recursos dispoñibles

Na web da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) poderás atopar moita información que te axudará a gozar desta apaixonante actividade. Ademais, conta cun apartado especial dedicado á observación de aves desde a casa.

E se queres unha estupenda guía de aves gratuíta podes descargar no teu móbil a aplicación Aves de España, onde terás á túa disposición información sobre todas as aves do noso país: descricións, imaxes e características dos seus cantos.

Podes descargar eBird e contribuír cos teus datos á ciencia cidadá. A plataforma eBird permíteche subir todas as citas de aves que identifiques a unha base de datos mundial, a cal resulta útil tamén para investigacións de todo o mundo. Converterémonos en colaboradores activos e directos na conservación das aves.