Fiestas en Rías Baixas

Festas

Rapa das Bestas de Sabucedo

Sabucedo cabalga sobre un mar de crines

Medios de todo o mundo asisten impresionados á celebración da Rapa das Bestas

Corpo a corpo. Así é a loita ancestral na que aloitadoras, aloitadores e cabalos se mergullan no Curro do Campo do Medio, na parroquia estradense de Sabucedo. Segundo a lenda, dúas irmás ofrecéronlle a San Lourenzo, patrón do lugar, dúas eguas. A ofrenda completaríase se se salvaban dunha peste que, imparable, arrasaba a vila. A promesa cumpriuse e naceu a Rapa das Bestas. Séculos despois, xa coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional, a rapa conmemórase a principios do mes de xullo.

O curro de Sabucedo é o máis internacional e nel exclúese o uso de calquera pau ou utensilio de axuda que non sexa a forza do ser humano.

Rapa das Bestas de Sabucedo
Rapa das Bestas de Sabucedo

A tradición forma parte do día a día das veciñas e veciños, que desde moi pequenos se internan no curro para axudar as aloitadoras e aloitadores, ao principio cos poldros. Do mesmo xeito, o costume de visitar Sabucedo por estas datas e de colaborar coas tarefas de reunión das mandas nos montes próximos está moi arraigado nas xentes das parroquias próximas, que durante décadas encamiñaron as eguas e garañóns (cabalos macho) de cada manda cara á aldea.

Desde hai uns anos esta tarefa –que antes se realizaba os sábados– ten lugar durante a xornada do venres. Deste xeito resérvase a fin de semana para o espectáculo do curro, para o que non adoitan quedar entradas dispoñibles. Sexa baixo un sol de xustiza ou nun día de menos calor, as bancadas énchense e as colas parecen interminables. Todo paga a pena para gozar dun espectáculo único.

Rapa das Bestas de Sabucedo

Durante o curro córtanse as crinas das eguas e cabalos, que, ademais, son desparasitados. En primeiro lugar as crías sepáranse das súas nais e son os máis novos os que se encargan de encamiñalos cara a un espazo habilitado para iso. Os aplausos parecen elevar a súa intensidade cando os garañóns se enfrontan, unha imaxe que deu a volta ao mundo. Unha vez rapados, os animais emprenden o seu traxecto cara ao enclave no que descansarán ata a súa volta aos montes.

O luns celébrase un novo curro. Esta vez de carácter solidario, xa que se doa a recadación a distintas causas benéficas. Cara ao mediodía, a tradición chega un ano máis a un novo punto e seguido, o que encamiña as míticas mandas de Sabucedo ao seu fogar, os montes estradenses.

Acampada, turismo rural e comidas en familia

Ademais de pasar a noite en casas de turismo rural da zona –que ofrecen especialmente o paquete TuriRapa a través da asociación Mar de Compostela– Sabucedo propón a quen o visita a posibilidade de acampar para gozar desta tradición. Así, cada ano habilítanse zonas específicas e gratuítas que ofrecen duchas e baños de uso público.

Por outra banda, é habitual ver como familias e grupos de amigos gozan de comidas campestres na contorna do curro. Neste espazo instálanse, ademais, diversos negocios coma polbeiras.

Rapa das Bestas de Sabucedo
Rapa das Bestas de Sabucedo

A cultura galega ten, ademais, unha gran presenza en cada edición da Rapa das Bestas, especialmente da man do festival Rapasóns. Na contorna pode realizarse, ademais, a ruta dos muíños de Vesacarballa. Unha senda curta de gran beleza que conta con muíños recentemente restaurados. Pontes, un serradoiro aberto ás visitas durante a Rapa, os propios muíños e distintas canles para a auga acompañan a quen camiña.