Fiestas en Rías Baixas

Festa do Marisco

Festas

O Grove: embaixador do marisco

Chegan dez días de festexos con concertos e unha decidida vocación internacional

A praza do Corgo é un dos centros neurálxicos do Grove. Ao redor deste espazo distribúense o porto pesqueiro e a lonxa, coa súa trasfega diaria, a praza de abastos, a sede do Concello, a oficina de información turística e os festexos e eventos máis relevantes da localidade. Alí tamén se erixe a escultura icónica do Grove, o monumento á familia mariscadora. Esta obra en pedra, do escultor galego Alfonso Vilar Lamelas, representa unha muller, un home e un neno sostendo aparellos do mar a bordo dunha dorna.

A Festa do Marisco é unha das exaltacións gastronómicas máis veteranas de Galicia e, probablemente, unha das máis internacionais. Nela conflúen os dous alicerces económicos da vila: a pesca e o turismo. A fórmula é exitosa, como o testemuñan as 200.000 persoas visitantes que recibiu de media nos últimos anos.

Marisco de Rías Baixas na Festa do Marisco de O Grove

Cada mes de outubro a praza do Corgo énchese de carpas que desafían as choivas outonais para ofrecer unha suculenta oferta de marisco da ría: ameixas ao limón ou á mariñeira, navallas á prancha, ostras, mexillóns ao vapor ou en vinagreta, berberechos, nécoras, percebes, lumbrigante, polbo á feira e distintas preparacións de empanada. O prato máis popular da festa é o arroz con marisco.

Á festa acoden persoas chegadas de diversos puntos de España, moitas veces en viaxes organizadas para a ocasión, e visitantes estranxeiros. De feito, a Festa do Marisco aspira a obter o recoñecemento de Interese Turístico Internacional e deuse a coñecer en países coma Italia e Francia con diversos eventos promocionais.

Historia e curiosidades da festa
As orixes da festa remóntanse a 1963. Nas primeiras edicións a celebración concentrábase nunha fin de semana, os postos eran artesanais e construíanse con madeira dos montes da localidade. Para dar a coñecer a súa festa, as e os grovenses situábanse na entrada da península meca e distribuían entre os coches unha bolsiña promocional de camaróns e nécoras.

Nos seus máis de 50 anos de historia, a Festa do Marisco acumulou anécdotas e datos curiosos. Así, a identidade gráfica do evento está representada por unha centola que suxeita entre as súas pinzas unha cunca de viño. Ademais, o acto protocolario da festa é a gala de entrega das Centolas de Ouro, distincións que o Concello lles outorga a persoas e institucións que destaquen pola súa actividade vinculada á localidade. Con todo, a centola é a grande ausente da festa debido a que en outubro se atopa en época de desova e, polo tanto, está en veda.

Nos anos 70 a festa acompañouse dun Festival da Canción do Marisco, que emulaba os que se celebraban daquela en San Remo e Benidorm, e que chegou a alcanzar certa fama.

Mejillones
Mejillones

Que facer no Grove
O municipio ofrece unha ampla e diversa oferta turística que permite gozar de experiencias para todos os gustos. En Punta Moreiras atópanse o Museo da Salga, centro de interese etnográfico que nos descobre o pasado conserveiro da localidade, e o acuario, que conta con especies de auga fría e quente. No monte da Siradella sitúase a Aula da Natureza, dedicada á fauna e flora locais, e tamén o miradoiro de Pedra Cabaleira.

A visita á Illa da Toxa é obrigada, coa súa capela recuberta de cunchas, os balnearios e o parque infantil Aldea dos Grobits. Animádevos a coñecer a artesanía local elaborada con cunchas que se comercializa na illa!

O Grove conta tamén con numerosas praias. Podemos descubrir tanto zonas de cantil coma pequenas calas seguindo o paseo de madeira de Con Negro. Outra opción é dar un paseo en barco pola ría a bordo das embarcacións que teñen a súa base no Corgo, á beira do recinto da festa.