Fiestas en Rías Baixas

Festivais

Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

Anguía e augardente, maridaxe ideal en Valga

A vila réndelle homenaxe en agosto a este saboroso peixe e á caña do país

A Festa da Anguía e a Caña do País celébrase a finais de verán, concretamente a última fin de semana de agosto. Tres días nos que a localidade pontevedresa ofrece os diferentes pratos e tapas que se poden elaborar con este manxar, como empanadas, guiso con patacas e anguía frita, rebozada ou en escabeche.

Esta festa culinaria vén precedida por un concurso de tapas no que se anima a participar especialmente á hostalería local. Tras a selección das tapas finalistas, unha degustación popular elixe a gañadora.

Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña
Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña

Augardente tradicional

Como boa festa gastronómica vén acompañada doutra bebida espiritosa popular, a augardente local, o que popularmente e en galego se coñece como caña do país. Se o primeiro festexo é un tributo ao río Ulla, este segundo o é á destilación da augardente tradicional, cando os augardenteiros ían parroquia por parroquia para realizar as destilacións. Durmían nos diferentes alpendres e permanecían alí en función das potadas (enchido e baleirado dos alambiques), unha semana como mínimo, baixo a hospedaxe e a alimentación das persoas que fosen facer as potadas diariamente.

Ademais do concurso da anguía, tamén ten lugar outro no que se premian as mellores augardentes de cada variedade: branca, de herbas e torrada. O concurso e a cata teñen lugar durante o venres e o sábado, e o domingo é a entrega de premios.

Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña
Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña

Máxica queimada

No programa habitual da Mostra da Caña do País existe un espazo especial para a bebida máis máxica e atractiva de entre as rexionais: o sábado á medianoite adóitase realizar unha demostración da popular queimada galega.

Na demostración, que se realiza na hora bruxa e cuxa cata é gratuíta para o público, chegáronse a queimar ata 300 litros de alcol. Esta máxica beberaxe debe ser acompañada dun conxuro para manter afastados os espíritos maléficos, segundo a tradición. 

Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña
Fiesta de la Anguila y Muestra de Caña

Que ver en Valga

Para quen desexe pasar máis tempo na localidade, pódese gozar dun paseo polos arredores, pola lagoa de Mina Mercedes en Campaña, de orixe artificial como mina ao descuberto e reconvertida de forma natural en lagoa.

Un paseo máis longo é o Sendeiro Cuntis-Valga (PRG-21), un percorrido de ata 17 quilómetros entre as dúas localidades, ou a visita ás diferentes fervenzas, coma a de Parafita ou as do río Valga.
Para as persoas interesadas na arqueoloxía, en Cordeiro pódese visitar o xacemento de Igrexa Vella, unha das escavacións máis importantes da comarca, que inclúe unha necrópole de orixe gótica.