Fiestas en Rías Baixas

Festas

Carneiro ao Espeto

Cordeiro ao estilo da Pampa en Moraña

A Festa do Carneiro ao Espeto réndelle homenaxe á receita das e dos emigrantes retornados

A carballeira de Santa Lucía acolle a Festa do Carneiro ao Espeto, que se celebrou por primeira vez en 1969 e é unha das máis antigas das Rías Baixas no apartado culinario. Nela, un grupo de expertos asadores cociñan a lume manso máis de cen carneiros para servírllelos aos comensais congregados á sombra dos carballos.

O asado ao espeto fixo fortuna en Moraña hai un século e co paso dos anos esta forma de cociñar o carneiro converteuse en tradición. A finais dos anos 60, o Concello, nun momento no que as festas gastronómicas estaban en auxe, propuxo facer coincidir a Festa da Xuventude coa degustación do asado crioulo. Pouco a pouco, o carneiro ao espeto converteuse no máximo expoñente da gastronomía local e a festa atrae actualmente visitantes de toda Galicia.

Dezaseis carneiros servíronse na primeira edición, e progresivamente aumentou a dimensión e popularidade do evento. Os cociñeiros colocan ao redor das fogueiras as estruturas de ferro nas que se atan os exemplares abertos en canal; as brasas de madeira de carballo acentúan o especial sabor das pezas , que se cociñan a lume manso durante sete horas sen ningún tipo de adobo.

Carneiro ao Espeto
Carneiro ao Espeto

Cada carneiro ao espeto véndese enteiro aos comensais, no canto de por racións. O lote, a un prezo de 300 euros, inclúe un carneiro de 12 a 14 quilos, empanadas de trigo, de zorza e de bacallau con uvas pasas, pan, viño tinto da terra, auga mineral, salsa especial ajilimójilis –a base de herbas e condimentos para realzar o sabor da carne–, café, augardente e servizo completo de mesa.

A cita gastronómica vén acompañada dun amplo programa de actividades. Bares e restaurantes desta localidade da comarca de Caldas participan nas semanas previas no concurso "Espétalle un pincho", e realízanse no parque de Santa Xusta actividades multiaventura con xogos populares, tiro con arco e tirolina.

Carneiro ao Espeto
Carneiro ao Espeto

A música tradicional ocupa un importante espazo co festival folclórico organizado polo grupo local de música e baile tradicional Seixebra. O evento benéfico Moraña Glamour –unha noite de moda, beleza, espectáculo e solidariedade– é outra das iniciativas durante a Festa do Carneiro ao Espeto, que se complementa con outras actividades coma unha carreira de atletismo, teatro, xogos acuáticos na piscina municipal, natación, baloncesto, verbena, fútbol e a Festa da Bicicleta.

A Gran Gala Carneiro ao Espeto na carballeira precede, a noite do sábado, a gran comida popular.