En piragua polo maior río de Galicia
Unha marea de remeiras e remeiros dá cor ao maior río de Galicia no mes de agosto. A cidade fronteiriza de Tui acolle o Descenso Internacional do Miño, un acontecemento deportivo multitudinario e colorista no que participan centos de remeiros profesionais e afeccionados e que está recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia.
A competición para profesionais ten un percorrido de 17 quilómetros entre Salvaterra de Miño e Tui, e a esta súmase o Descenso Popular do Miño, dirixido a piragüistas non profesionais e cun traxecto de 7 quilómetros. O deporte e o gozo da fascinante paisaxe das ribeiras do Miño mestúranse nesta festa, ademais, cunha romaría popular na ribeira de Caldelas e cunha festa gastronómica que ten lugar no centro urbano.
As orixes da festa remóntanse ao século XIX, cando se organizaban regatas de chalanas e botes no río Miño. Esta tradición perdurou no tempo e rematou introducindo as piraguas na competición. Desde 1979 o Club Kayak Tudense organiza esta proba.
Todos estes motivos converten o Descenso do Miño nunha cita moito máis que deportiva. O recoñecemento supuxo o segundo distintivo deste tipo para Tui, cuxas festas patronais de San Telmo foron declaradas de Interese Turístico de Galicia en 2003.