Fiestas en Rías Baixas

Entroido

Entroido de Cobres

Madamas e galáns locen as súas mellores galas

A danza de Cobres é un vistoso espectáculo con bailes nas rúas e prazas

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que reflicte a importancia da transmisión das tradicións de xeración en xeración. O espírito das veciñas e veciños do concello de Vilaboa non deixou morrer o afamado Entroido de Cobres, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 1999.

Entroido de Cobres
Entroido de Cobres

Na zona coñecida como Cobres, formada polas dúas pequenas parroquias de Santo Adrán e Santa Santa Cristina, perdura unha das celebracións máis vistosas da provincia de Pontevedra. Segundo escritos da época, tradicionalmente era denominado Antroido dos Cobres, pero a súa orixe aínda non está clara.

Madamas" e "galáns" levan a festa de casa en casa, nun evento que ten na tradicional Corrida do Galo un dos seus principais momentos

Crese que, como símbolo de riqueza e posición social, as familias adiñeiradas engalanábanse durante os días que duraba o entroido para percorrer a zona. As persoas solteiras vestían os seus traxes con orgullo e representaban as súas familias. Estes son os famosos personaxes coñecidos como "madamas" e "galáns" que, ano tras ano, enchen de colorido e ritmo as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, en Vilaboa. Cos bailes, a música e a popular Danza dos Cobres van de casa en casa levando a festa. Normalmente estas fan un donativo para poder seguir cos festexos, e canto máis xeneroso sexa, maior algarabía!

No Entroido de Cobres prodúcese unha representación das distintas clases sociais e isto evidénciase fundamentalmente na vestimenta. Deste xeito, primeiro están os "aldeáns", traballadores humildes e vestidos de distintos oficios; a continuación atópanse "os de branco", que portan roupas sinxelas, con menos cores e abelorios; e por último, encabezando o grupo, están as "madamas" e "galáns", vestidos con total pulcritude, con roupa branca cuberta por encaixes, cintas de cores, abelorios, xoias etc. Destaca o seu grande e vistoso chapeu feito a man, cuxas cores, brillos e flores o converten no centro de todas as miradas. Este chega a pesar entre 6 e 8 quilos, e dedícase polo menos medio ano de traballo para mantelo así de vistoso.

Entroido de Cobres

Durante os días de festa, de sábado a martes, pódense ver charangas e grupos de música tradicional das Rías Baixas. O último día ten lugar un dos momentos máis esperados: a tradicional Corrida do Galo, unha serie de xogos populares na praza da casa da cultura de Riomaior. Para finalizar o día aparece o "predicador", un personaxe que non revela a súa identidade e que critica os acontecementos que tiveron lugar na zona durante o ano.

Sombrero de Entroido de Cobres

Vilaboa é a entrada á comarca do Morrazo desde a capital de provincia e a ría de Vigo e a de Pontevedra rodean esta península na que o entroido está presente en cada recuncho. Nas Rías Baixas poderás vivir grandes historias e momentos inesquecibles.