Cambados entrégase ao albariño
Calquera que participase nalgunha ocasión na Festa do Albariño gardará, sen dúbida, recordos memorables do seu paso por Cambados. Pois o Albariño é, ante todo, diversión. O "príncipe" dos viños brancos congrega cada ano miles de persoas dispostas a vivir unha gran festa, na que a cultura do viño se combina con moita música e o característico ambiente estival das Rías Baixas a principios de agosto.
A festa adoita durar varios días e concéntrase en diferentes espazos do centro de Cambados, todos próximos entre si, de forma que se pode ir camiñando dun lugar a outro durante a xornada. No paseo da Calzada instálanse as casetas das diferentes adegas da D. O. Rías Baixas , que ofrecen os seus caldos desde o mediodía ata ben entrada a madrugada, e tamén se habilitan postos de comida; na praza do Concello ten lugar a verbena popular, mentres que na monumental praza de Fefiñáns teñen lugar os grandes concertos, normalmente, de carácter gratuíto.
A Festa do Albariño atrae un perfil moi variado de público, desde veciñas e veciños da localidade e da comarca ata veraneantes, autoridades políticas e celebridades. A participación veciñal maniféstase, sobre todo, nos grupos de mozas e mozos, que visten camisetas identificativas con lemas ideados para a ocasión. É habitual ver os grupos coas copas colgadas do pescozo, sempre preparados para unha cata de viño máis. As institucións están presentes no nomeamento das Damas e Cabaleiros de Honra do Capítulo Serenísimo do Albariño , que ten lugar en Fefiñáns e que reúne cada ano destacadas personalidades.
Outro evento importante da programación é o concurso-cata, organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, no que se elixen as mellores marcas de albariño do ano. Tamén se ofrecen exposicións, competicións deportivas e obradoiros relacionados co mundo do viño.
A orixe da Festa do Albariño de Cambados
A orixe da celebración ten moito de espontáneo. En 1953 dous adegueiros retáronse a comparar os seus caldos, e fixérono a través dun concurso-cata que, cos anos, daría lugar á festa tal e como hoxe a coñecemos. O que no seu día foi un encontro festivo de carácter íntimo, converteuse nun certame de grandes proporcións que atrae visitantes de toda España e do estranxeiro. O primeiro cartel da festa chegaría en 1958, o que a converte na máis antiga de todas as festas vinícolas de España, tras a Vendima de Xerez.
A Festa do Albariño de Cambados é recoñecida como festa de Interese Turístico de Galicia desde 1977. En 1990 obtivo a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional e desde 2018 ten a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.
Que facer en Cambados
A Festa do Albariño é unha magnífica ocasión para gozar das múltiples bondades de Cambados . A súa zona antiga posúe a catalogación de Conxunto Histórico Artístico e o seu monumento por excelencia é a señorial praza de Fefiñáns.
Se camiñamos cara á parte alta da vila, na ladeira do monte da Pastora, atopámonos coas ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo (século XVI) , un deses espazos no que parece deterse o tempo.
Cambados ten tamén unha orixe mariñeira que pode apreciarse no barrio de San Tomé, onde as calellas desembocan no mar. Alí atópanse os restos da torre medieval de San Sadurniño.
Entre os distintos plans, destacamos dous: coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, que explica a orixe das vides na terra do Salnés , así como os métodos de cultivo e a vendima e o seu impacto nesta terra; e sentar á mesa, acompañando a copa de albariño con, por exemplo, unhas ricas vieiras preparadas ao estilo de Cambados, sen dúbida, o produto gastronómico estrela da cociña da localidade.