Unha sobremesa lendaria nas Neves
A tradición do requeixo das Neves remóntase ao Medievo. As veciñas e veciños, segundo os primeiros testemuños escritos do século XII, agasallaban con este delicioso produto as peregrinas e peregrinos da ruta entre Portugal e A Franqueira, hoxe coñecida como Sendeiro dos Frades. En 2013 o Concello logrou que a feira desta sobremesa acompañada co mel do Condado fose declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O Venres Santo danse cita máis de 12.000 persoas para degustalo.
A combinación de requeixo e mel deu lugar a unha exquisita sobremesa de calidade suprema que fai que acudan miles de comensais para probala, a maioría procedentes de Galicia e do norte de Portugal, na festa que se celebra cada ano nas Neves desde 1991. Xa pola mañá, sérvese este manxar, xunto con outros produtos artesanais, na praza central desta vila, e tanto os locais de hostalería coma as tendas de alimentación se suman ao evento, no que non faltan as actuacións musicais.
Fabricación artesanal
Hoxe a sociedade cooperativa envasa dezaseis toneladas de requeixo (e dez de mel), usando para iso só leite de vaca producido en Galicia e fermentos lácticos sen conservantes nin estabilizantes.
A degustación comeza ao mediodía e o requeixo sérvese en cazolas de barro conmemorativas. As persoas asistentes acompañan o produto con viños das Neves, para escoller entre brancos (albariños e Condado de Tea) e tintos (Rubiós). A comarca do Condado ofrece unhas condicións excelentes, con terrazas solleiras e a cuberto do vento do norte, para o cultivo de albariño, loureiro, treixadura, caíño, espadeiro e retinto.
A Feira do Requeixo e do Mel comezou a súa andaina hai 26 anos, coa colaboración entre o Concello e a Asociación de Mulleres Rurais. Esta alianza continuaría ata 2002, ano en que a asociación foi substituída pola Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, nacida en 1996 precisamente por mor deste evento. O mel foi incluído na festa de exaltación, organizada agora polo Concello de As Neves, como o complemento ideal para o requeixo.
O requeixo elaborábase no pasado de forma artesanal nas casas das veciñas e veciños das parroquias montañosas das Neves: Cerdeira, Batalláns e San Xosé de Ribarteme, onde había extensos pastos que servían como alimento para o gando. O leite cru de vaca e de cabra colocábase nunha pota próxima á lareira. Ao amornar empoábaselle callo natural, e remexíase o leite para despois deixalo repousar un día. Unha vez callado introducíase en sacos de liño para quitarlle o soro, e a continuación baleirábase o saco e amasábase para darlle un aspecto homoxéneo e cremoso. Tras cortalo en anacos envolvíase en follas de verdura.
No século XII xa hai testemuños da elaboración do requeixo, e co tempo o produto foi comercializado, primeiro como moeda de cambio e despois con retribución económica.
O mel, pola súa parte, é abundante nas comarcas do Condado e A Paradanta, onde hai unha gran variedade de plantas melíferas coma o breixo, o eucalipto, a silva e o castiñeiro. As abellas extraen delas o néctar co que elaboran o mel. No pasado construíanse as colmeas a partir das sobreiras da zona. A modernización permitiu aumentar a produción e iniciar a comercialización deste excelente produto.
A maridaxe entre o requeixo e o mel deu lugar a unha sobremesa lendaria. O Venres Santo é a data ideal para probala nas Neves.