Cambados honra a raíña da ría
A vieira ten o seu paraíso en Cambados, que cada ano homenaxea este prezado molusco bivalvo nunhas xornadas de exaltación declaradas de Interese Turístico de Galicia en 2013. Hostaleiras e hostaleiros da localidade e chefs de renome participan no evento, no que se ofrecen atractivas actividades complementarias para acompañar a degustación culinaria.
Decenas de miles de persoas congréganse no paseo da Calzada na fin de semana máis próxima á festividade da Virxe do Carme, para degustar as exquisitas vieiras que captura a frota de Cambados. As xornadas naceron en 2002, tras a alianza da Confraría de Pescadores Santo Antonio e o Concello, e hoxe son unha cita imprescindible que serve de antesala á Festa do Albariño, a principios de agosto. O albariño, viño mundialmente coñecido do que Cambados é o berce, forma co molusco a maridaxe perfecta.
A vianda degústase nas xornadas de exaltación con diferentes preparacións: ao natural, en empanada, ao albariño… Os locais de hostalería súmanse á festa e mesmo organizan degustacións gratuítas con diferentes receitas da súa colleita en formato de petisco ou tapa.
Cociña en vivo
Chefs de prestixio ofrecen obradoiros gastronómicos e cociñan na carpa do paseo da Calzada. Yayo Daporta, María Varela, Xosé Torres Cannas, Pepe Solla, Rafa Centeno ou Diego López puxéronse ao mando dos fogóns en edicións anteriores. Sen esquecer a tradición, as e os chefs que participan na festa demostran as infinitas posibilidades para converter a degustación da vieira nun auténtico luxo para o padal.
A primeira edición das Xornadas de Exaltación da Vieira tivo lugar en 2002, tras a alianza entre a Confraría de Pescadores e o Concello, nun momento no que o sector corría risco de desaparecer ao levar máis dunha década sen poder extraer vieira debido a unha toxina.
A vieira galega é da especie Pecten maximus, que habita en augas atlánticas de ata os cen metros de profundidade, limpas e de alta salinidade. O molusco entérrase en fondos areosos nos que se move coa súa potente musculatura para impulsar a auga entre as súas valvas dando saltos de varios metros de lonxitude. Os exemplares tardan catro anos en alcanzar o talle comercial e os de maior tamaño poden chegar aos 15 centímetros.
Cuncha, símbolo da peregrinación
A cuncha de vieira é o símbolo da peregrinación polo Camiño de Santiago. Existen moitas versións sobre a orixe desta tradición; unha das máis estendidas procede das peregrinas e os peregrinos da Idade Media que levaban a vestimenta característica de quen regresa á casa: bastón, cabaza, capa, chapeu e cuncha de vieira. Esta última impúñase como premio tras alcanzar a meta na catedral de Santiago de Compostela e era unha proba irrefutable de percorrer a Ruta Xacobea, xa que a venda destas cunchas estaba prohibida noutros lugares baixo pena de excomuñón.
O Codex Calixtinus rexistra xa o significado das cunchas e o feito de que as peregrinas e os peregrinos as prendesen nas capas para gloria do Apóstolo.