Fiestas en Rías Baixas

Festas

Festa da Coca

Redondela celebra a súa vitoria sobre o dragón

Os mozos mariñeiros de Redondela someteron o monstro e celébrano cada ano cunha vistosa Danza das Espadas. Xunto a eles bailan as penlas, nenas vestidas de branco con pequenas ás que representan as virxes, aos ombreiros das burras, mulleres que simbolizan as nais. A procesión da Virxe da Gabacha, as alfombras e a escenificación da morte da coca atraen miles de persoas a Redondela para asistir e participar nunha festa que se prolonga desde a noite anterior ao xoves de Corpus ata o domingo.

O dragón, que no medievo simbolizaba o mal, moraba preto de Redondela, segundo a lenda, concretamente nos mares que rodean a illa de San Simón. De cando en vez achegábase á localidade esnaquizando todo ao seu paso e levando as mozas. Na festa a besta desfila pola vila o xoves de Corpus fuxindo da Virxe da Gabacha que marcha en procesión, baixo unha choiva de pétalos, polas rúas cubertas de alfombras florais.

Fiesta de la Coca en Redondela

A Virxe, cuxa imaxe é trasladada ao comezo da festa desde a igrexa de Vilavella ata a de Santiago escoltada polos danzantes, converteuse na gran protectora das veciñas e veciños ante os ataques do dragón. Durante os festexos, á morte da coca séguelle o momento da Danza das Espadas, na que participa unha vintena de homes –o mestre, catro abaelas ou rabelos, catro guías ou primeiros, e unha ducia de danzantes ou espadas–, acompañados polas penlas. O conxunto coreográfico baila ao son da gaita e o tamboril na praza da Casa da Torre. Xigantes e cabezudos participan tamén nos desfiles.

Fiesta de la Coca en Redondela

Os inicios da festa remóntanse a 1482, cando se declarou día santo o xoves de Corpus Christi en todo o Bispado de Tui. O Concello de Redondela e os gremios achegaban imaxes á procesión, pero tamén danzas e outras representacións. A que perviviría no tempo sería a loita de san Xurxo co dragón, a coca. En Monçao, ao outro lado do río Miño, tamén se celebra, coa particularidade de que na localidade portuguesa se mantén a figura de san Xurxo, que se enfronta e vence o monstro. As primeiras noticias sobre a Danza das Espadas de Redondela datan do século XVI.

A imaxe da Virxe regresa en procesión a Vilavella o venres tras os actos do día grande. O sábado lévase a cabo nesta igrexa a ofrenda de flores, e o domingo sae a procesión do Corpus polo barrio, onde volve realizarse a Danza das Espadas e as Penlas.

Fiesta de la Coca en Redondela

Existen varias teorías sobre a procedencia do nome da coca. Algúns historiadores sitúana no termo latino cocatrix, que significa crocodilo. Documentos do século XV así o testemuñan, aínda que noutros anteriores se denomina coqueriz. Tamén existe a opinión de que a coca ten a súa orixe no coco ou monstro infantil, e outros estudosos relacionan a besta co xigante tricéfalo Caco, fillo de Vulcano.

Só a cabeza da recreación da coca que desfila polas rúas de Redondela se conserva tal e como aparecía nas fotografías dos anos 20. A figura da criatura foi sometida a varias restauracións e melloras ao longo da súa existencia. Respecto das alfombras, desde o século XVI tense constancia da imposición da autoridade de alfombrar as rúas ao paso da procesión, aínda que das florais, tan propias do Corpus actual, só hai noticia a partir de 1950, nun principio compostas por espadanas e flores esparexidas polas rúas, con deseño artístico desde 1965.

Reza o dito que hai tres xoves ao ano que relocen máis que o sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o Día da Ascensión. En Redondela o segundo non se entende sen a Festa da Coca. 

Isla de San Simón