Arcade, capital da perla do marisco
O fondo da ría de Vigo é o lugar por excelencia para o cultivo da ostra. Arcade, no municipio de Soutomaior, rende homenaxe a este saboroso molusco a primeira fin de semana de abril.
A Festa da Ostra constitúe unha cita imprescindible no calendario gastronómico de Galicia. Esta parroquia do municipio de Soutomaior dálle a benvida a unha marea de visitantes a primeira fin de semana de abril para degustar este exquisito bivalvo. Este manxar sérvese ao natural (cunhas pingas de limón), en escabeche e en empanada, ben regado con bos viños brancos galegos, especialmente das Rías Baixas. Música e actividades culturais, entre outras, complementan o programa do multitudinario evento.
Os Austrias e os Borbóns apreciaban este manxar, que era transportado á Corte en escabeche en pequenos barrís de madeira
A ostra de Arcade, da especie Ostrea edulis, traspasa fronteiras. Esta zona ten as condicións ideais para a cría grazas á confluencia das augas doces procedentes do río Verdugo coas salgadas da ría. Ese encontro dá lugar a un produto suculento, de sabor suave e moi nutritivo, debido á súa riqueza en sales minerais e vitaminas. E, aínda por riba, a sabedoría popular atribúelle propiedades afrodisíacas.
Trufa do mar
Esta celebración naceu en 1987 a iniciativa do sector ostreícola de Arcade, pioneiro na comercialización e exportación deste molusco. Abril é o mellor mes para a degustación da chamada trufa do mar ou perla dos mariscos, por iso se elixiu para a súa exaltación. A súa talla comercial, de entre 6 e 7 centímetros, conséguese en menos de 24 meses.
A cría e o consumo da ostra atesouran unha longa tradición na ría de Vigo. Existe constancia de que a poboación castrexa colleitaba este bivalvo, e o seu cultivo remóntase á época dos romanos. As dinastías dos Austrias e dos Borbóns apreciaban a calidade deste manxar, que era transportado á Corte do Reino en escabeche dentro de pequenos barrís de madeira; e que, xa no século XIX, se comercializaba en Europa.
Este exquisito marisco conta no centro histórico de Vigo cun lugar de culto, a rúa Pescadería, coñecida popularmente como Rúa das Ostras e, desde hai décadas, un dos atractivos turísticos da cidade olívica.
A ostra representa un clásico da gastronomía galega e vai ligada de forma indisoluble a Arcade, capital deste marisco eloxiado por Álvaro Cunqueiro, quen escribiu: "ten un sabor especial, que é como unha saudade do mar".