Fiestas en Rías Baixas

Festas

Festa da Troita

Ponte Caldelas rende tributo á troita

A troita é o produto gastronómico por excelencia de Ponte Caldelas, que lle rende culto desde 1967 nunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia en 2001 pola súa importancia e atractivo. A cita naceu co dobre obxectivo de premiar a afección á pesca de río, moi estendida na comarca, e de dar a coñecer a vila. Hoxe é un evento consolidado que atrae máis de 10.000 persoas a última fin de semana de maio para degustar as racións da raíña do río Verdugo.

A Festa da Troita ten medio século de vida. Naceu a raíz da iniciativa dun grupo de persoas afeccionadas á pesca e nela xa se reparten máis de 6.300 racións entre o aluvión de comensais que acode a Ponte Caldelas para degustala. Ás tradicionais receitas de troita en escabeche e frita súmanse agora outras creacións culinarias xurdidas do curso de elaboración de tapas organizado polo Concello, como a troita en empanada ou á vinagreta en tosta. Os restaurantes implícanse a fondo e ofrecen unha gran variedade de preparacións deste peixe.

Pesca de la trucha en Ponte Caldelas

A degustación, que se realiza na alameda, á beira do río, vén acompañada de numerosas actividades que enriquecen a celebración como exposicións, concertos, probas deportivas, cursos de iniciación á pesca, unha concentración de motocicletas e un certame coral.

O Concurso Internacional de Pesca na modalidade de salmónidos ocupa un lugar clave no nacemento e consolidación da Festa da Troita. Pescadores de diferentes puntos de Galicia e Portugal danse cita en Ponte Caldelas para facer as súas capturas e gañar algún dos trofeos nas diferentes modalidades e categorías.

O certame, un dos máis esperados da temporada de pesca na eurorrexión, contou desde o principio cunha numerosa participación, que contribuíu, ademais, a promover Ponte Caldelas. Alén dunha comida de confraternización e exaltación da troita organizábanse xa entón actividades lúdicas e culturais que axudaron a consolidar a festa no transcurso das décadas seguintes.

Fiesta de la trucha en Ponte Caldelas

Este evento sempre espertou a admiración de escritores e intelectuais. Xa desde a súa primeira edición se publica o Libro da Festa da Troita, que recolle o programa de actividades, o regulamento do Concurso Internacional de Pesca e unha memoria dos acontecementos e noticias máis significativas do municipio. No primeiro número figuraba un artigo do escritor Álvaro Cunqueiro en honor da troita, así como outra colaboración do historiador José Filgueira Valverde. Outro soado escritor galego, Celso Emilio Ferreiro, e o cineasta Chano Piñeiro, tamén deixaron o seu selo na festa. "Galicia é o país dos dez mil ríos", escribía Cunqueiro. A troita, que destaca polo seu exquisito sabor pero tamén polas súas numerosas propiedades nutricionais, é a raíña do Verdugo.

Visitar Ponte Caldelas é unha oportunidade para estar en contacto coa natureza e gozar dun dos mellores paseos do interior de Galicia. A localidade conta cun itinerario declarado Sendeiro Azul, con 8,3 quilómetros de lonxitude. O percorrido parte da praia fluvial e do balneario e avanza pola beira do río Verdugo. Ao longo da senda, a primeira interior de toda España en contar con esta prestixiosa distinción concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) –organismo europeo que outorga as bandeiras azuis–, destacan as pontellas, os muíños, un peto de ánimas e as fontes, entre outros elementos etnográficos, ademais da espléndida paisaxe e a diversidade da flora e a fauna.