Un festín para o padal
En Redondela péscase choco desde hai máis de tres séculos. Este molusco cefalópodo é, en toda a provincia de Pontevedra, un prato que identifica este concello das Rías Baixas, ata o punto de que as redondelás e redondeláns teñen en "choqueira" e "choqueiro" un xentilicio non oficial pero moi arraigado no saber popular.
Cada primeira quincena do mes de maio a localidade vístese de longo para homenaxear como merece o rei dos seus mares e tamén dos seus fogóns. Na vila, un toldo convértese no epicentro da degustación popular mentres os establecementos hostaleiros se afanan en sorprender coas súas receitas.
Conségueno, ano tras ano. Así o testemuña a afluencia de visitantes, que en cada edición se multiplican e que se contan xa por miles. Se o choco é, por suposto, protagonista destas elaboracións, os ingredientes que o acompañan varían tanto coma a imaxinación de cada chef. Con arroz, guisado, na súa tinta, con patacas, con ameixas, en empanada, en feixoada ou con grelos son só algúns dos pratos que tentan a calquera comensal. Ademais de propoñer un festín para o padal a festa convértese nunha proba de orixinalidade entre establecementos hostaleiros, que compiten por conseguir distincións para as súas propostas, creativas ou tradicionais.
Moito máis ca unha celebración, este evento é unha manifestación da importancia do choco na idiosincrasia redondelá. Os chocos críanse en augas do concello e captúranse de modo artesanal na enseada de San Simón –que é onde máis abundan– usando nasas, cunha técnica tradicional que foi pasando de xeración en xeración.
Ademais da oferta gastronómica, hai moitos motivos para visitar esta vila: a música soa, as rúas énchense de propostas e o ambiente lúdico imprégnao todo desde a mañá ata a noite, cando a verbena engade ritmo e diversión.
E ademais de gozar do sabor máis redondelán, esta localidade das Rías Baixas permite coñecer outros tesouros destas terras: a illa de San Simón, o Camiño de Santiago e paisaxes, praias e rutas sempre fascinantes. En materia culinaria, aínda que o choco é o prato estrela, ao longo do ano exáltanse ademais outros produtos coma o mexillón ou a mazá.
Finalmente, de entre todas as festividades destacan as do Corpus Christi, ligadas á Festa da Coca, nas que se exhiben unhas alfombras florais que son auténticas obras de arte e se bailan danzas propias desta zona.